blogue deA Maía

Os alumnos de 1º visitan Fervenza do Toxa

 Os nenos e nenas de 1º fixeron unha saída de fin de curso á granxa escola da Fervenza do Toxa en Reboreda, Silleda. Coñeceron as características e coidados dos animais e interactuaron con eles, traballaron na horta ecolóxica e participaron no taller de pan. Pasárono en grande na visita. Nestas imaxes podedes comprobalo!

Sofía Oriana Infante: unha compositora no colexio!

"Neste curso no colexio temos a sorte de ter  a unha compañeira facendo unha substitución na materia de música: Sofía Oriana Infante. Nunha conversa sobre música  e a materia  que ela vai impartir, coméntame que ademais de mestra especialista en Educación Musical é tamén compositora. Recentemente compuxo a banda sonora da película Elisa y Marcela de Isabel Coixet, entre outros  traballos.

Propóñolle entón que lles dé unha charla aos alumnos e alumnas de 6º curso. Inmediatamente Sofía acepta e a organizamos antes de que remate a súa substitución. Non é unha oportunidade que xurda todos os días e non queremos desaproveitala. Os nenos e nenas  coñecen e teñen referencia de compositores e de mulleres músicas, pero non de compositoras e nos pareceu  unha excelente oportunidade de que coñeceran esta profesiónda man dunha compositora de actualidade.

 Durante a interesante charla que Sofía ofreceu aos nenos e nenas de 6º,  faloulles sobre os anos de estudos e de formación que esixe chegar a ser compositora e animounos a perseguir e persistir para conseguir os seus sonos. Tamén lles explicou como algúns  compositores/as non dispoñen dunha orquestra cando están a compoñer, senón que utilizan, previo pago, as “bibliotecas de sons”.  Os nenos/as comprobaron a través de exemplos prácticos que ela puxo, como a música nos transmite moita información e por iso é fundamental nunha película. Amosoulles un dos seus traballos e lles fixo reflexionar  finalmente, sobre a importancia de estudar, coñecer e prepararse para poder diferenciar e seleccionar, a boa música.

 Os nenos e nenas, que amosaron moito interese polo tema, ao final poideron facerlle preguntas a Sofía. Algunhas delas foron, por certo moi interesantes: que sentiches cando te escolleron para facer a banda sonora desa película? ou, se poideras escorller compoñer unha banda sonora, para que director a farías?

  Como vedes a charla resultou tremendamente proveitosa como xa esperábamos e desde aquí queremos darlle a Sofía as grazas unha vez máis".

Ligazóns:  

www.sofiainfante.wixsite.com/composer                                          

https://www.google.com/search?client=firefox-b-d&q=sofia+oriana+infante+souto

 https://www.lavozdegalicia.es/noticia/ferrol/ferrol/2018/06/06/xan-viano-componer-coixetferrolana-referentes/0003_201806F6C12993.htm

 

LIBROS Á SOLTA

Prezadas/os nais, pais, familias:

Con motivo do Día do libro, dende o EDLG queremos  propoñer unha actividade inspirada no movemento " BookCrossing" e que nós  denominaremos  "Libros á solta".


A nosa proposta vai destinada ao alumnado de 5º e 6º e é de carácter voluntario. Consiste nun intercambio de libros nuns puntos quentes debidamente identificados no exterior e no interior do centro. Dito intercambio terá lugar na hora de ler e levarase a cabo durante o mes de maio.

Cada alumno e alumna que queira participar, deberá traer un libro da súa casa, usado pero en bo estado, lembrade que este libro non se recuperará, pero sí poderán quedar con outro dos depositados en calquera dos puntos de solta.


 


Grazas pola vosa colaboración.

Equipo de Dinamización de Lingua Galega

ESCOLA DE NAIS E PAIS

Estimadas nais, pais, familias,

O vindeiro luns 6 de maio de 2019 ás 16:30h., terá lugar na biblioteca do centro o 1º encontro de escola de nais e pais. Poderemos asistir á charla impartida pola pedagoga Mercedes Urbiola sobre unha temática que, sabemos, de interese de todas e todos nós: “Disciplina positiva

Agardamos contar coa vosa presenza e participación neste 1º encontro que se realiza no CEIP A MAÍA, organizado pola Consellería de Educación, o Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI), a ANPA CEIP A MAÍA e coa colaboración do Concello de Ames.

No día do libro: unha porta, unha aventura!

Para conmemorar o  Día do libro que se celebrou o 23 de abril, o Equipo de Dinamización da Biblioteca propuxo  que cada clase decorase a súa porta como se fose a portada dun libro. Pequenos e maiores traballaron para transformar as súas portas. Eles e elas foron os que escolleron os libros para traballar... Esta montaxe ofrece unha visita por tódalas portas do colexio de primaria e infantil. (Para ver a entrada completa entrade na Web da Biblioteca)

Como nas portadas dos libros, cada porta ofrece unha historia e moitas aventuras. Pasade!

ADMISIÓN 2019_20: LISTAS PROVISIONAIS

Todo o alumnado que presentou a solicitude de admisión neste centro resultou admitido.

 

Publicación da lista definitiva: 14 de maio

Lembren que en xuño, do 20 ao 30, terán que formalizar matrícula.

 

Bertamiráns, 24 de abril de 2019

Día do libro: unha porta, unha lectura!

   O Equipo de Dinamización da Biblioteca propuxo para conmemorar o  Día do libro que se celebra hoxe 23 de abril, que cada clase decorase a súa porta como se fose a portada dun libro. Pequenos e maiores traballaron para transformar as súas portas.

  En esta montaxe xa podedes ver como quedaron as portas de infantil. (en breve subiremos as de primaria)

Un traballo de interiorismo dos alumnos de 6º: MAQUETAS

   Os alumnos e alumnas de 6º realizaron estas MAQUETAS DAS HABITACIÓNS. Un traballo de "interiorismo" no que non esqueceron ningún detalle!. Ampliade a pantaia completa para apreciar o traballo realizado en cada unha. As maquetas están expostas no corredor do 2º andar. 

 

 

 

Anxela Loureiro: "Choiva de ras" na Maía

O xoves 28 de marzo os alumnos de 3º de primaria recibiron a visita de Ánxela Loureiro. A súa obra“Choiva de ras” foi a que traballaron os nenos nas clases cos seus titores e trátase dunha ventura protagonizada por animais, chea de música e humor, que afonda nos valores da amizade, a solidariedade e o respecto. Ánxela deleitounos coa súa guitarra tocando as canción do libro.

Ver máis información sobre a escritora e a súa obra no blog da Biblioteca.

 

Aviso importante: peche da pista cuberta

 

Estimadas nais, pais, familias

Nunha sesión de claustro celebrada onte, decidimos por unanimidade adoptar unha medida cautelar para a protección do noso alumnado.  Despois de varios avisos ao Concello para que arranxe o cerre da alambrada da pista cuberta, e estando neste momento á espera de que o fagan, decidimos suspender toda a actividade neste espazo por consideralo altamente perigoso.

Temos resposta por parte do Concello de que as obras de substitución deste peche iniciaranse esta semana. 

Distribuir contido