INFORMACIÓN DA SITUACIÓN DE MANTEMENTO DOS COLEXIOS DE VIGO

Enviado por admin-contidos o Dom, 10/12/2023 - 20:00

INFORME DA SITUACIÓN DOS CENTROS EDUCATIVOS

DE INFANTIL E PRIMARIA DA CIDADE DE VIGO

 

 Prezadas familias:

 

A Asociación de Directoras e Directores de Colexios Públicos de Vigo (ADICOPUVI)  e a Federación Olívica de Asociacións de Nais e Pais (FOANPAS) queremos facervos chegar a seguinte e importante información:

  

Dende hai varios anos e xa antes da pandemia mantivemos reunións coas autoridades responsables en materia de mantemento, conservación e novas obras  (Concellería de Educación, Alcaldía e Xefatura Territorial de Educación de Pontevedra) co obxecto de dar a coñecer o estado de deterioro das instalacións públicas nos que día a día cerca de 5.000 estudiantes dos centros educativos de infantil, primaria e educación especial desenvolven a súa vida académica e social.

  

Esta situación de déficit concrétase en deficiencias ambientais, eléctricas, de ventilación e climatización, de peche de recintos, de baños con falta de salubridad, caldeiras anticuadas e con avarías constantes, comedores con escaso espazo, de espazos axardinados sen mantemento, etcétera. En todas as reunións mantidas e incluso  en estudos de auditoría realizados dende o propio Concello, confírmase esta realidade, ao mesmo tempo, que se comprometen accións que non se materializan e que fan aumentar, curso tras curso, as carencias nomeadas ou se proxecta a solución desta problemática en convenios entre Administracións que nunca chegan por falta de acordos conxuntos entre as mesmas. As condicións ambientais de traballo educativo e profesional están moi por debaixo da normativa de Saúde Laboral en canto a factores como temperatura, iluminación ,ventilación e insonorización.  A antigüidade dos centros educativos de Vigo, en moitos casos con máis de corenta anos de vida, non cumpre na maioría dos casos cuns estándares de confortabilidade axeitados para o desenvolvemento dos nenos e nenas da cidade en pleno século XXI.

  

Entre os temas que están a causar malestar entre as comunidades educativas ( equipos directivos, equipos docentes, familias e ANPAS) está a pésima e xa permanente xestión dos porteiros vixiantes dos centros escolares, unha figura histórica  e integrada na vida dos centros que dotaba de autonomía á vida dos edificios escolares no seu mantemento, seguridade e coidado. A día de hoxe son arredor de 28 dos 49 centros escolares os que non teñen cuberta esta importante praza e abocan aos centros a solventar con precariedade as súas tarefas diarias, proxectando unha imaxe de abandono e inseguridade. Os equipos directivos e os equipos educativos dos centros está a realizar tarefas de apertura, peche e vixilancia e tarefas complementarias que son competencia municipal, como así o reflexan os diferentes regulamentos educativos e  administrativos. Este incumprimento provoca situacións complicadas , conflictivas  e de seguridade en distintos momentos escolares: entradas, saídas, chegada e recollida de alumnado, etcétera.

  

Dos citados 49 centros educativos de Ed. Infantil e Primaria Vigo, 21 contan con persoal municipal adscrito con carácter de fixos (oficiais de mantemento ou porteiros vixiantes)  mentres nos outros 28 veñen sendo nomeados por periodos de seis meses traballadores de xeito provisional dende fai uns dez anos aproximadamente. Nos últimos anos os centros teñen estado sen este persoal durante  longos periodos de tempo entre contratación e contratación ou por falta de efectivos para cubrir baixas de longa duración.  O devenir do tempo e a falta dunha programación clara para o  mantemento e a conservación das instalacións escolares ocasionan a diario un importante número de incidencias que precisan de pequenas intervencións para facilitar a vida diaria nos centros. As avarias frecuentes na fontaneria, instalacións electricas, na carpintería, ou o abandono das zonas axardinadas, rotura de cristais, etcétera, tardan en solucionarse o mesmamente seguen sen resolverse. Os gastos por mantemento duplican, en moitas ocasións, os orzamentos de autoxestión otorgados polo Concello anualmente aos centros.  Esta situación de ausencia dos porteiros vixiantes provoca grandes desigualdade entre centros educativos e en consecuencia a coexistencia entre cidadáns de primeira e cidadáns de segunda.

  

A actual proposta do Concello de Vigo ante esta situación foi presentada aos medios o luns 27 de novembro e concrétase nun futuro servizo de mantemento externalizado de mantemento  que non solventa as necesidades dos centros e aboca aos  mesmoa un modelo de xestión de carestía, inseguridade e desatención dos lugares onde crecen os futuros e futuras cidadás da nosa cidade. O proceso de licitación desta proposta non contou co diálogo e o consenso dos equipos directivos e da representación das familias, o que demostra unha actitude de escaso respecto e  transparencia  institucional.

  

Dende  ADICOPUVI e FOANPAS demandamos do noso Concello unha intervención inminente nos edificios escolares, con orzamentos realistas e dialogando con todas as Administracións unha mellora definitiva, viable e moderna. A igualdade, a equidade necesita  dunha excelencia nas contornas escolares, que hoxe non temos.

  

O vindeiro martes, 5 de decembro, dende FOANPAS e ADICOPUVI presentaremos aos medios de comunicación as nosas demandas na espera dunha solución institucional positiva e coherente.

 

Agradecemos a todas as familias a vosa comprensión e colaboración na defensa da semente de igualdade social que nace e crece na escola pública.