Skip to Content

VISITA DE DISCAMINO

Este luns tivemos unha visita moi especial: Gerardo, Ana e Javier, parte do equipo de Discamino. Pero antes de contar como nos foi no cole, amosámosvos a súa páxina web para que os coñezades un pouco máis.

 

 

Se algo chamou a atención dos máis pequenos, foi a forma de comunicarse e desprazarse. Descubrimos outros usos da tablet, como a de Ana, empregada coas  frases gravadas e libretas de comunicación con pictogramas, como medios de comunicación.

A lingua de signos, lingua natural das persoas xordas, é coñecida por unha pequena parte do noso alumnado, pero cando ademais a vista tamén está implicada, como é o caso de Gerardo, aparece a lingua de signos apoiada, e hoxe tivemos a sorte de ver, e de sentir o que ocorre cando a xente ten ganas e interese de se comunicar.

Ó final da charla, o noso alumnado, facía unha cola real e sentida para escribir na man de Gerardo o seu nome.... El percibía o dactilolóxico na palma e expresaba o nome en voz alta. Este aparente xogo escondía no fondo, a sensibilidade, curiosidade e naturalidade que ten a infancia para crear pontes de comunicación, sen xuízos, sen valoracións, simplemente polo feito de COMUNICARSE.

Aquí dámonos conta como a diversidade só enriquece as experiencias dunha escola, e que sen ela,... estamos incompletos xa que somos un fiel reflexo da sociedade na que vivimos.

Como veriades no vídeo da súa web, a riqueza de Discamino está nas persoas que o compoñen. Moitas grazas por visitarnos e moito ánimo cos vosos próximos camiños a Santiago nas vosas fantásticas bicicletas.

 



page | by Dr. Radut