Skip to Content

Exposicións e acto de celebración do centenario

Seguindo coa axenda de actividades co gallo dos cen anos da fundación do colexio Labaca, durante o mes de maio celebraránse dúas exposicións e máis un acto oficial, o día 18, de conmemoración do Centenario.

As mostras que xa se poden visitar de infantil son a “Aula Centenaria” e máis “Como era o noso barrio”, e están abertas ata o día 27 de maio en horario de 17.00 a 19.00 na Biblioteca e no patio de Educación Infantil respectivamente.

A primeira das mostras está elaborada a partir de materiais cedidos polo Museo Pedagóxico Galego (MUPEGA) e outros procedentes dos fondos do CEIP Labaca e recrea, como indica o seu nome, un aula escolar de hai cen anos.

A segunda pola súa banda, presenta unha perspectiva da cidade e da educación ao longo destes cen anos. Está organizada pola ANPA do centro en colaboración do Colectivo 1AUN, Asociación Cultural para a investigación do territorio e a súa divulgación. Foi elaborada a partir de documentos fotográficos e planos aportados polo Concello da Coruña e institucións diversas, así como polas familias do propio centro.

Ademais, o próximo luns 18 de maio fará exactamente 100 anos que o alcalde da Coruña, don Gerardo Abad Conde, asinou o documento polo que se autorizaba aos irmáns Labaca a posta en funcionamento das recen construídas Escolas do Ave María. Con tal motivo terá un acto académico de conmemoración do Centenario das Escolas Labaca que contará coa actuación do grupo Ponte das Artes. Será as 18.00 horas no ximnasio do propio colexio.

Máis centenario na rede

Unha nova páxina de información vén de unirse á comunidade virtual do CEIP Labaca. Trátase do Blog do Centenario, onde poderedes atopar todas as novas trelacionadas coas actividades dos cen anos do colexio. Convidámosvos a consultalo no apartado Os nosos blogs, onde atoparedes tamén as ligazóns dos outros diarios da escola, como o de 4º de Infantil ou o da Biblioteca. 

Fallo do concurso Visións sobre Labaca

Xa coñecemos os nomes dos gañadores das diferentes categorías do concurso de expresión plástica 'Visións sobre Labaca'. Como se pode ver na acta do xurado (.pdf; 51.58 kb), a obra 'Vendo pasar el tiempo' de Marcos Real foi a seleccionada no apartado de debuxo, mentres que 'Impregnación especular', de Daniel Carvajal Alonso foi a escolla do xurado entre as fotografías presentadas. Na categoría de Outros soportes gráficos, pola súa banda, resultou gañadora a obra colectiva 'La visión desde el ornamento' ao tempo que 'Paper building' de Francisca Villarino Fra fíxose cun áccesit. A entrega de premios terá lugar o vindeiro 23 de abril ás 19.00 nas instalacións do colexio. 

A comunidade virtual segue medrando

O CEIP Labaca segue esténdendose pola rede. Á canle de YouTube do centenario que anunciabamos onte ven de unirse o blog dos alumnos de sexto de primaria, A Semente Crecente, no que entre outras cousas pódese ver a súa experiencia como empresarios dentro do Proxecto Semente do Concello da Coruña. Así, únese ao resto de diarios electrónicos da escola aos que se pode acceder desde o apartado Os nosos blogs desta mesma web.

Imaxe tirada do blog A Semente Crecente

Vídeos do centenario, en YouTube

Para que as actividades conmemorativas do centenario do CEIP Labaca estean á disposición de todos, vimos de crear unha canle de vídeo no portal YouTube onde se poderán ver en diferido algunhas das accións que levemos a cabo.

Polo momento, xa están dispoñibles para a súa visualización o vídeo do entroido do centenario e máis os das conferencias celebradas os días 12 e 19 de febreiro. En breve poderá verse tamén a celebrada o pasado xoves 26 de febreiro. Porén, para gozar en directo as actividades programadas en directo, pódese descargar o programa de actividades completo [PDF, 8kb]. Esperamos que vos gusten. 

O entroido do centenario

Fotograma do vídeoXa rematou o Entroido na escola, pero este ano tan especial temos feito un vídeo para que poidades disfrutar da nosa viaxe ao pasado. Podedes velo facendo clic na imaxe.

Programa de actividades conmemorativas

Poñemos á vosa disposición para descargar o programa de actividades conmemorativas do centenario (.pdf; 8KB) que terán lugar neste ano 2015.

Os actos comprenden un ciclo de conferencias que se iniciará o próximo 12 de febreiro coa charla da arquitecta Ana Domínguez Laíño, e que nas súas cinco citas tratará temas como a arquitectura, a pedagoxía, o contexto histórico do centro ou a relación entre a escola e o teatro.

Imaxe da cidade no momento de construción da escola, pertencente ao arquivo de Alberto Martí.

Imaxe da cidade no momento de construción da escola, pertencente ao arquivo Alberto Martí.

Ademais, xa está convocado o concurso de creación gráfica 'Visións sobre Labaca', que en colaboración coa Escola Técnica Superior de Arquitectura busca incentivar unha achega artística á nosa escola.

Por último, está prevista a realización de diversos proxectos educativos por parte da comunidade escolar que afondarán no contexto histórico do xurdimento da escola e na súa realidade educativa. Así, coa colaboración do Museo Pedagóxico de Galicia está prevista a recreación dunha aula da época nunha das aulas orixinais que se conserva no edificio histórico, e que se poderá visitar nos meses de abril e maio.

Con todo, seguimos traballando para celebrar como se merece unha data tan sinalada e esperamos poder sumar en breve máis actividades a este primeiro programa.

Concurso Visións sobre Labaca

Co gallo do centenario da escola, o CEIP Labaca, en colaboración coa Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña, ven de organizar un concurso aberto de creación gráfica para en valor o patrimonio arquitectónico ao tempo que a súa relevancia didáctica e institucional.

Ao concurso poden presentarse obras fotográficas, debuxos ou otros soportes gráficos coa data límite do 10 de marzo ás 14.00. En cada unha desas tres categorías haberá un primeiro premio en metálico dotado con 250 euros. 

Para completar a información podedes descargar as bases completas do concurso (pdf; 72,87 KB). Animámosvos a participar!

Estreamos blogs

O equipo do CEIP Labaca gusta de traballar para mantervos informados das actividades do centro e para achegarvos información que poida ser de interese para as familias e a comunidade educativa. Con esa intención, veñen de poñerse en marcha tres diarios electrónicos: un do día a día da aula de 4º de Educación Infantil, outro coa actualidade da biblioteca e outro con información do Departamento de Orientación. Podedes acceder a eles desde o epígrafe 'Os nosos blogs', no apartado de actualidade 'Ao día'. Agardamos que os disfrutedes.

O centenario da escola, en Eduga

Damos a benvida a este ano 2015, que é o ano do centenario das escolas Labaca. Para comezar as comemoracións, queremos compartir o artigo publicado ao respecto en Eduga, a Revista Galega do Ensino, toda unha inmersión nestes cen anos de educación.

Distribuir contido


by Dr. Radut