Skip to Content

1º Curso

Paxaro amigo

0 14 de marzo, o alumnado de 1º e 2º de Ed. primaria asistiu á representación musical "Paxaro amigo".

Músicas para a paz, de Mamá Cabra é un espectáculo para nenos, inspirado no libro "A bruxa Discordia", que nos anima a construír un mundo mellor e máis xusto.

Pasámolo XENIAL!!

Xoves de comadres 2017

O Xoves de comadres, o alumnado de 1º e 2º de Educación Primaria, asistiu á Praza Maior de Ourense para participar nas actividades que organizou o Concello e dirixidas por Sabela e os seus colaboradores.

Nesta ocasión, como manda a tradición, foron as nenas as que perseguiron aos nenos para destruírlles as súas comadres. Como eramos moitos nenos, fixemos dúas carreiras.

Ao final, só uns poucos nenos conseguiron deixar intactas as súas comadres dos impetuosos ataques das nenas.


Saímos nos informativos da TVG de galicia:

Obradoiro para o xoves de comadres.

O xoves 16 de febreiro, celébrase o Xoves de Compadres o que nos sitúa ás portas do Entroido. No noso colexio, os rapaces de 1º e 2º de Ed. Primaria están a elaborar os bonecos cos que protagonizan a tradicional loita de sexos. Pezas elaboradas con páxinas de xornais, papeis de cores e distintos complementos baixo a dirección de Sabela e o seu equipo contando coa colaboración do Concello de Ourense.
 
En Ourense sucédense os preparativos para a festividade do Entroido. Desta volta son os colexios os protagonistas. Os obradoiros que organiza o Concello para os xoves de Compadres e o de Comadres dan boa mostra da imaxinación dos máis pequenos. Os rapaces xa van preparándose para os días grandes do Carnaval.
 
Só precisan papel de xornal, outros de cores e, por suposto, imaxinación.
Agora só hai que agardar a que cheguen as carreiras e toda a diversión do Entroido.

Nós, asistiremos, o xoves 23 de febreiro, ao "xoves de comadres" que se celebrará na Praza maior de Ourense organizado e dirixido por Sabela e o seu fabuloso equipo de traballo.
 
Na seguinte galería podedes obserbar o desenvolvemento do obradoiro realizado no noso centro.
 
A TVG filmou no noso centro o proceso de elaboración das comadres e compadres e publicouno nas novas do día 14 de febreiro.
Saimos na tvg
Preme na imaxe para ver a nova na TVG

Sandra e Meirol en Xistralia

O 13 de febreiro o alumnado de 1º e 2º de Ed. Primaria asistiron no Auditorio Municipal a representación musical "Sandra e Meirol en Xistralia", de Gaiteiros da Xistra. 

Meirol, un amigo, un músico, un caracol, acompaña a Sandra nunha viaxe chea de sorpresas e obstáculos. Ambos xogan cos instrumentos musicais tradicionais e cos Fastudos. Descubriron un novo mundo máxico onde conviven meigas e dragóns. Cantaron e bailaron ao son das muiñeiras, xotas e pasodobres, e ata a propia Sandra estivo a piques de ser raptada por Terco, o malvado dragón de dúas cabezas.

Sandra e Meirol fixeron que todo o público participara das súas aventuras por medio das cancións e do baile.

 Galería de imaxes

O cociñeiro Martiño

O 27 de xaneiro visitounos o cociñeiro Martiño (Iago López) para contarnos historias da cociña do palacio real. Nel, andan buscando alguén para traballar nas cociñas. Unha persoa que saiba guisar, asar e cocer para reis, raíñas, marquesas, duquesas e príncipes de todas as cores e condicións… Martiño quere preparar o mellor biscoito da súa vida, pero antes debe conseguir os ingredientes que precisa...

...os alumnos e alumnas do noso cole axudaron ao cociñeiro Martiño a buscar os ingredientes para preparar ese gran biscoito...

...ao final, conseguírono!!

Cancodrilo na horta

O 26 de xaneiro, na sala de usos múltiples do noso cole, tivemos o privilexio de contar coa presenza da contacontos ourensá Sabela que encandilou ao alumnado coa posta en escena de dous contos da colección "Cancodrilo" de Xabier López e ilustrados por Javier Rey e Silvia González.

Coas aventuras de "Cancodrilo", metade home e metade crocodilo, na horta e pintando, traballamos  valores, coma o respecto e a amizade, engatusados polos poderes máxicos de Sabela.

Sobra dicir que o pasamos xenial, como ben reflicten as imaxes da Galería.

 

Festival de Nadal 2016

O 20 de decembro celebramos o Festival de Nadal no Salón de actos do IES As Lagoas a cuxo equipo directivo e persoal laboral queremos agradecer as atencións que desinteresadamente tiveron connosco.

Tamén é de agradecer a gran afluencia de público que tiveron os nosos alumnos e alumnas así como o seu comportamento ao longo de toda a función. Esperamos que nos perdoaran os posibles erros cometidos no desenvolvemento da mesma.

Nas seguintes ligazón tendes acceso ás diferentes actuacións.

  1. Panxoliña: "O moneco de neve". Ed. Infantil.
  2. Poemas 5º Curso.
  3. Varias panxoliñas e cancións: 3º EP.
  4. Obra de teatro: "Comerei dous". 4º EP.
  5. "Mi burrito Sabanero": 1º e 2º de EP.
  6. "O baile da carrasquiña": 1º e 2º de EP.
  7. Obra teatro: "El milagro del amor". Alumnado de 4º e 6º de EP.
  8. Panxoliña final. 6º, 4º e 3º de EP.

 

Ver a galería de imaxes do Festival de Nadal

Sesión de xogos realizada polo alumnado do CIFP Portovello

Alumnado do CIFP Portovello, coa coordinación do seu titor Roberto Fdez Cartón, desenvolveu no noso colexio unha sesión de xogos baixo a temática dunha "feira" formada por 5 casetas, cada unha delas cun xogo diferente, polas que foron rotando todos os nenos e nenas de Ed. Primaria do centro. Asemade, o alumnado de Ed. Infantil tamén participou nunha sesión, especialmente deseñada para eles, no patio de xogos do cole.

Os xogos realizados foron os seguintes: tres en raia (dragón); paracaídas (tiovivo); rá e as pontes (tirachinas), e o globo irrompible (rompebolas). No programa da sesión pódese ver en que consistía cada xogo. Todos eles foron do agrado do alumnado, non hai máis que ver as súas caras na galería de imaxes.

Felicitamos ao alumnado do CIFP Portovello e ao seu profesorado por esta actividade e animámolos a repetila nun futuro que esperamos sexa próximo.

Moitos parabéns polo traballo realizado!!

GALERÍA DE IMAXES

Os nosos amigos os cans e os gatos

O alumnado de 1º e 2º de Ed. Primaria visitou a aula de natureza de Oira para asistir a un obradoiro sobre os nosos amigos os cans e os gatos xa que consideramos importante comezar desde a base, dando charlas a nenos e nenas para resolver in situ as súas dúbidas.

Con esta actividade persíguense os seguintes obxectivos:

  • Concienciar os máis pequenos da casa sobre os coidados e responsabilidades que require unha mascota.
  • Adquirir coñecementos sobre os cans e gatos, para valorar a importancia que teñen como animais de compañia e como fonte constante de alegría e cariño.
  • Inculcar aos máis cativos comportamentos para paliar o abandono.
  • Ser consciente de que un animal non é un xoguete.

Os nenos e nenas, despois de escoitar os consellos dos monitores sobre os cuidados que debemos amosar cos "nosos amigos", participaron activamente das actividades que estes organizaron con varios cans.

Foi unha experiencia moi especial!!

 

A cebra Camila

O alumnado do CIFP Portovello representou, no teatrillo de guiñol, unha adaptación, feita por eles mesmos, do conto "A cebra Camila", escrito por Marisa Núñez, ilustrado por Ocar Villán i editado por Kalandraka.

O público infantil, e non tan infantil, foi cutivado pola historia que lle aconteceu á cebra Camila, e disfrutou da fantástica posta en escena deste precioso conto.

Camila é unha cebra moi traste que desobedece a súa nai  e non se abriga. Un día, ao saír de casa, o vento levoulle as raias do vestido. Ela chorou bágoas de pena, polas raias perdidas. Nesta historia acumulativa, Camila foi recuperando as súas raias a medida que ía atopando personaxes polo camiño (unha araña, unha serpe, o arco da vella, un pato, un caracol,...) que lle axudaron co que puideron, sen esperar nada a cambio, logrando, con cada agasallo, que Camila chorara menos e esquecera a súa pena...

A cebra Camila é un conto que fala sobre a importancia que teñen na nosa vida o resto de persoas e a axuda, o afecto, o respecto... que nos poden facilitar para ser felices.

Este conto é moi adecuado para traballar as emocións, a solidariedade e a amizade.

Moitos parabéns para o alumnado do CIFP Portovello pola súa elección e  representación.

Galería de imaxes

GALERÍA DE IMAXES

Como remate, desta actividade de animación á lectura, divertímonos bailando e imitando os movementos das personaxes que apareceron na historia...

Pasámolo xenial!!!

Distribuir contido


by Dr. Radut