Skip to Content

4º Curso

Competición de Campo a través

Éxito deportivo do CEIP Manuel Sueiro na competición de Campo a Través de Monterrei.

Nunha xornada chea de ilusión e espírito deportivo, o alumnado do CEIP Plurilingüe Manuel Sueiro destacou na competición de campo a través que tivo lugar nas instalacións deportivas de Monterrei o 14 e 15 de novembro.

Cun tempo ideal para a práctica deportiva, os nenos e nenas deportistas do Manuel Sueiro demostraron as súas habilidades atléticas e compromiso co deporte, deixando unha pegada indeleble na competición que congregou a varios colexios da comarca.

O alumnado, dende os máis pequenos ata os maiores, participaron en diversas categorías adaptadas ás súas idades, correndo con determinación e amosando un nivel de resistencia impresionante. Pais, profesores e compañeiros reuníronse nas bancadas para animar e apoiar aos corredores, creando un ambiente vibrante e positivo.

Estamos moi orgullosos da dedicación e do esforzo que o noso alumnado amosou nesta competición. Non só é unha festa do deporte, senón que tamén é o reflexo do traballo duro, o traballo en equipo e a determinación que fomentamos na nosa comunidade escolar.

Entre os corredores e corredoras do Manuel Sueiro, destacamos o seu compromiso e o podio alcanzado na categoría de Alevín masculino. A comunidade educativa felicita a cada participante, facendo fincapé na importancia dos valores deportivos e do compromiso coa actividade física no desenvolvemento integral do alumnado.

A competición de campo a través non só foi unha oportunidade para mostrar habilidades deportivas, senón tamén para fortalecer os vínculos entre os estudantes e promover un estilo de vida saudable. Ademais, o profesorado destaca a importancia de participar en eventos deportivos para fomentar a deportividade, a disciplina e o compañeirismo.

Con este éxito deportivo, o CEIP Manuel Sueiro reafirma o seu compromiso coa educación integral do seu alumnado, destacando a importancia da actividade física e o deporte como ferramentas fundamentais no seu crecemento e desenvolvemento.

Día das librarías

O 13 de novembro de 2023, o alumando de 4º, 5º e 6º de Educación Primaria do CEIP Plurilingüe Manuel Sueiro participaron na clausura da actividade organizada pola Agrupación de Libreiros de Ourense para celebrar o Día das Librarías en colaboración coa Concellería de Educación, Deputación Provincial e Xunta de Galicia.

Esta actividade consistiu na dramatización no CEIP Plurilingüe Manuel Sueiro iniciando a actividade que continuou nas escaleiras das Galería Viacambre  e rematou coa visita a catro librarías ourensáns: Katedra, Eixo, Tanco e Maelka.

Celebración do magosto 2023

O 10 de novembro, celebramos a festa do magosto no patio do noso colexio.

Seguindo a tradición dos últimos anos, primeiro disfrutamos dunha merenda a base de bolos preñados de chourizos, empanada de carne e bonito, e de postre bica que acompañou ás protagonistas desta festa: as castañas.

A continuación, realizamos un circuíto de xogos populares, con 9 estacións, que nos organizaron os/as profes do cole coa axuda do alumnado de prácticas.

Comida do magosto

 

Pintándonos no magosto

Xogos populares

 

Entrega dos premios Club de lectura

A sede do Ministerio de Cultura e Deporte en Madrid acolleu o mércores 8 de novembro a gala de entrega dos Premios aos Clubs de Lectura Escolar 2022-2023, un recoñecemento do Ministerio de Educación e Formación Profesional aos centros educativos que, como no caso do noso centro, o CEIP Plurilingüe Manuel Sueiro, promoven a lectura a través deste tipo de actividades.

O director, o secretario e a coordinadora dos clubs de lectura do centro, recolleron o galardón que nos acredita como o segundo mellor club de lectura nacional na nosa categoría, en representación de todos/as lectores e lectoras do noso cole, os auténticos protagonistas do noso club de lectura.

A entrega de premios correu a cargo da Directora Xeral de Avaliación e Cooperación Territorial do Ministerio de Educación e Formación Profesional, dona Mónica Domínguez García. A encargada do discurso inaugural foi a poeta Raquel Lanseros, que afondou na importancia de fomentar a lectura e continuar con esa tarefa fermosa e chea de dificultades.

A poeta Raquel Lanseros honrounos coa sinatura dun dos seus libros, “Dicen que no hablan las plantas”, para a nosa biblioteca escolar. Ademais, fíxonos especial ilusión saber que as súas raíces familiares se atopan en Verín, aínda que ela é nada en Jerez de la Frontera.

Foi unha xornada chea de emocións e inquedanzas compartidas con centros de toda España que entenden, coma nós, que a lectura é berce de cidadáns críticos e entusiastas.

Parabéns a todas e todos os membros do noso club de lectura!

CONTINUADE A VIAXE QUE COMEZA SEMPRE NA PRIMEIRA PÁXINA DUN LIBRO E NON REMATA NUNCA NA ÚLTIMA, ... SEGUE CAMIÑO NA TÚA IMAXINACIÓN!

Celebración da Festa do Samaín

O último día do mes de outubro voltamos a celebrar a Festa do Samaín no noso cole coa realización das seguintes actividades:

  • Exposición de fondos da biblioteca para o Samaín.

  • Baile do Samaín

(Vídeo do baile en elaboración.)

  • Obradoiro de cociña terrorífica

  • Galería de imaxes do alumnado disfrazado.

  • Xantar terrorífico preparado polo alumnado do centro.

  • Desfile polo Túnel do medo que se montou na biblioteca e nos corredores do cole.

Preme para ver o vídeo do túnel

  • Exposición de cabazas.

Exposición do Samaín 2023

 

Na última semana de outubro realizamos a xa tradicional exposición de cabazas decoradas para celebrar o Samaín que o alumnado do centro preparou nas súas casas coa axuda da súa familia.

Na seguinte galería podedes gozar coa enorme creatividade e imaxinación dos seus traballlos.

 

Visita de dous xogadores do Club Ourense Baloncesto

O 26 outubro de 2024 a ilusión e inspiración encheron o aire da aula de psicomotricidade do CEIP Plurilingüe Manuel Sueiro, cando dous destacados xogadores do club de baloncesto local, Club Ourense Baloncesto, visitaron o colexio para promocionar o deporte e compartir as súas experiencias cos nenos e nenas entusiastas.

Os afortunados alumnos e alumnas recibiron a visita de Mindaugas Kacinas e Bolong Zheng, dúas estrelas do equipo de baloncesto da cidade. A visita tivo como obxectivo fomentar o interese do alumnado polo baloncesto, promover un estilo de vida activo e saudable e mostrarlles que con dedicación e paixón poden conseguir grandes cousas no mundo do deporte.

A xornada comezou cunha emocionante presentación en inglés dos dous xogadores que nos foron traducindo simultaneamente para que fósemos quen de comprender o que nos dicían.

Tras a charla, tivemos a oportunidade de facer preguntas aos xogadores e coñecer máis sobre as medallas e trofeos que conseguiron ao longo da súa carreira. O entusiasmo dos nenos e nenas non tiña límites mentres observaban con admiración os logros destas figuras do baloncesto local.

Despois da sesión de preguntas e respostas chegou o momento máis esperado: unha sesión de fotos cos xogadores.

Desde aquí, expresamos o noso agradecemento aos xogadores e ao club Ourense Baloncesto pola súa xenerosa visita. Este tipo de iniciativas son fundamentais para inspirar ao noso alumnado e fomentar o seu interese polo deporte. Agardamos que este día sexa o inicio dun amor duradeiro polo baloncesto para moitos deles.

A visita de Mindaugas Kacinas e Bolong Zheng ao CEIP Manuel Sueiro foi un éxito rotundo, e o alumnado levou para casa non só recordos imborrables, senón tamén unha nova paixón polo baloncesto. Sen dúbida, esta experiencia servirá de fonte de inspiración para futuras promesas do baloncesto na cidade de Ourense.


 

Día Mundial da alimentación

A FAO celebra cada ano o Día Mundial da Alimentación o 16 de outubro, ao conmemorar a fundación da Organización en 1945. Organízanse eventos en máis de 150 países de todo o mundo, facendo que sexa unha das xornadas máis celebradas do calendario da ONU.

No Manuel Sueiro unímonos á conmemoración traballando sobre a fame infantil no mundo. Visitamos 8 países (Afganistán, Nixeria, Iemen, Bharat, Serra Leona, Madagascar,Etiopía, Malí e Honduras) que nos mostraron  o camiño cara o lema deste ano “ A NOSA META: FAME CERO”.

Tentamos concienciarnos da necesidade e responsabilidade do non desperdicio de comida no noso contorno, colexio, familia,... para non esquecer os obxectivos da axenda 2030.

Ao longo da semana do Día da alimentación, cada curso do cole pescudou información sobre un país dos que aínda se pasa fame no mundo e elaborou un lema sobre a Fame cero e o despercidio de alimentos.

Para rematar, o último día, o alumnado de cada curso expuxo ao resto do cole o resultado das súas pescudas e o lema elaborado.


 TRABALLOS FEITOS POLO ALMNADO


SLOGÁNS

Gala dos premios do Exército 2023

O xoves 29 de xuño, unha representación de alumnos/as de 4ºE.P. acompañados/as polo director do centro e a mestra responsable do proxecto, recibiron en Madrid o diploma e trofeo acreditativos do premio nacional correspondente a “Enseñanza Escolar, categoría A”, polo proxecto “MIRANDO SIN VER”.

A cerimonia foi presidida pola ministra de Defensa, Margarita Robles, acompañada polo Jefe de Estado Mayor del Ejército de Tierra (JEME), general de ejército Amador Enseñat y Berea, e numerosas autoridades militares, civís, académicas e xudiciais.

Foi un acto cheo de emoción e ledicia compartida cos premiados noutras categorías.

No discurso do noso alumnado lembramos o noso proxecto no que puxemos en valor a  colaboración e apoio do GMAM, con base en Jaca, ás persoas con discapacidade visual na escalada ao volcán Ojos del Salado en Chile. Lembramos tamén os outros dous proxectos anteriores nos que destacamos o traballo dos homes e mulleres do Ejército de Tierra na Antártida, coidando dese ecosistema tan fráxil e tamén da súa implicación no xacemento de Atapuerca.

E como complemento a tanta emoción, foron agasallados cunha xornada no parque de atraccións de Madrid. Dous días inesquecibles!

PARABÉNS PARA OS NOSOS/AS ALUMNOS/AS!!!

E GRAZAS POR TODO O AGARIMO RECIBIDO!!!

O noso proxecto estará exposto xunto cos outros/as premiados no Instituto de Historia y Cultura Militar en Madrid, durante o mes de xullo. Se vos atopades por alí, podedes visitalo.



 

Diario de Greg

 

Distribuir contido


by Dr. Radut