LETRAS GALEGAS 2015

Xosé Fernando Filgueira Valverde

 

Xosé F. Filgueira Valverde nace o 28 de outubro de 1906 en Pontevedra, onde reside boa parte da súa vida e falece o 13 de setembro de 1996.

Cursa o bacharelato na cidade, onde foi discípulo de Losada Diéguez e Castelao. Estuda Filosofía e Letras e mais Dereito na Universidade de Santiago de Compostela e Zaragoza. Aquí coñece o profesor Armando Cotarelo Valledor, que será director da súa tese de doutoramento.

Ademais do seu labor profesional como docente e director no Instituto de Ensino Medio de Pontevedra cómpre destacar a súa extensa traxectoria intelectual centrada en diversos ámbitos de estudo e tres eixes: a historia, a cultura e a lingua galega.

A súa notoria precocidade permítelle, con apenas 17 anos, dirixir a sección de Historia da Literatura no Seminario de Estudos Galegos (SEG). Son anos nos que verán a luz os seus primeiros traballos: Os nenos e “Cantigas de El Rei Sabio localizadas en Galicia. San Ero de Armenteira”, no 1925, e o Vocabulario popular galego-castelán, xunto con Tobío, Magariños e Cordal, no 1926.

A década dos 30 foi igualmente intensa para Filgueira non só no tocante á súa actividade política, traballando a prol do Estatuto e participando na fundación do Partido Galeguista, senón tamén na cultural. No 1931, colabora na edición e difusión do Álbum Nós de Castelao e publica a Guía de Pontevedra. Un ano máis tarde, escribe a peza teatral Agromar. Farsa pra rapaces que non se editará ata 1936.

Durante a guerra exerceu como profesor no Instituto de Lugo e alí descubriu o primeiro traballo lexicográfico sobre o galego, o vocabulario manuscrito do Bacharel Olea.

A teima de visibilizar Galicia e reconstruír a súa historia lévao a recompilar e clasificar, en fichas bibliográficas, artigos relacionados coa cultura galega que se difundirán en distintos números da revista Logos. O mesmo afán, móveo tamén a iniciar o Inventario de monumentos arqueolóxicosque se completará, posteriormente, na Catalogación arqueolóxica e artística de Galicia.

No ano 40 ocupa a vicepresidencia da Comisión Provincial de Monumentos Histórico-Artísticos de Pontevedra e, máis tarde, asume a dirección do Museo de Pontevedra, onde inicia as senlleiras exposicións monográficas temporais, tan características do Museo. Dous anos máis tarde, pasa a ser membro da Real Academia Galega, pon en marcha a revista Museo de Pontevedra e dá a coñecer o Cancioneiro Musical de Galicia. No ano 1948 funda, xunto con outros intelectuais, Bibliófilos Gallegos, editorial bilingüe na que divulgará, nestes anos de ditadura, obras en galego ou de temática galega.

Xa no 1953, é nomeado membro da Real Academia da Lingua e do Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento. De 1959 a 1968, é alcalde de Pontevedra, cargo que compaxinou co de procurador en cortes, posto este dende o que loitou pola presenza legal do galego no ensino. Así, chegada a democracia, aos 75 anos, participa na elaboración e aprobación da Lei de normalización lingüística (Lei 3/1983) e dirixe o deseño da base legal do Consello da Cultura Galega e os traballos para a aprobación da correspondente Lei no Parlamento (Lei 8/1983). Será nomeado presidente desta institución aos 84 anos.

A súa fecunda actividade intelectual desenvólvese ininterrompidamente ao longo de máis de 70 anos, con máis de 300 obras e milleiros de artigos sobre as máis variadas disciplinas. Un humanista, un erudito, o último gran polígrafo galego.

 

Fonte consultada: Secretaría Xeral de Política Lingüística


 

RECURSOS:

Unidade didáctica composta por lim, video e xogo sobre a vida e obra de D. Xosé Filgueira Valverde. Colaboran os alumnos e alumnas de 4º de EP do CEIP Plurilingüe A Magdalena das Pontes.

 

Filgueira Valverde: obra literaria.

O blog Revolta da Freixa do IES de Teis ofrécenos unha ampla panorámica da obra de Filgueira, así como diferentes achegas que sobre el existen na rede.

SEMINARIO GALÁN

Actividades para Educación Infantil.

Actividades para 1º e 2º de E.P.

Actividades para 3º e 4º de E.P.

Actividades para 5º e 6º de E.P.

Díptico Exposición

Guía didáctica para Educación Primaria.  Guía elaborada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística ca colaboración do CEP Salustiano Rei Eiras da Pobra do Caramiñal.

 


 Documental: "Contextualizando a Filgueira Valverde"

 

VIDEO PARA EDUCACIÓN INFANTIL