Uxía canta a Manuel María

"Andando a terra. Uxía canta a Manuel María" é o nome do disco que recolle o concerto que a artista  deu o 6 de outubro de 2015 na casa-museo do escritor en Outeiro de Rei, xusto o día no que o autor faría 86 anos. O repertorio está formado por composicións sobre poemas do escritor.

En palabras da propia Uxía, os temas do repertorio que se percorre neste espectáculo é “o gozo sinxelo dun canto ao noso labrego-poeta. Un home que andou esta terra, este país, parroquia por parroquia, lugar por lugar, face a face. Seguindo o seu exemplo, quixen arroupar a súa poesía na proximidade e coa delicadeza das melodías que fun atopando nos camiños, coa luz, a beleza, a paixón e 'o latexar sincero da emoción' que emana dos seus poemas e amando cada palabra, cada verso e cada nota para poñer en valor o seu valiosísimo, o seu precioso e prezado legado. Ademais da metafísica, o amor, a nenez, a casa que quixo tanto e que agora será a Casa dos soños liberados de cadeas, o seu humor, o seu amor á vida, á lingua e a esta terra que andou sen descanso. Tamén me permitín adaptacións de temas tan emblemáticos como 'O Carro', cantada por Fuxan os Ventos ou o 'Manual do Señorito' na voz da miña querida María Manuela. A poesía de Manuel María flúe coma un río. El é o gardador das albas e da íntima esperanza que nos fai crer aínda no ser humano. Crer a quen leve a música dentro de si, a quen nunca sentirá medrar, no seu interior, a moura flor da soidade. Agora sabemos que a súa poesía, coma el mesmo di das fontes romanas, escribiuna para espantar soidades, melancolías e nostalxias e tamén para ser recitada, cantada e devolta ao pobo que lla inspirou. Manuel María é o gozo de vivir, e eu fixen un pacto con el para completar a tarefa urxente, fermosa, nidia e necesaria de gastar o meu corpo e a miña voz nos camiños ata ser po, seixo ou silveira. Grazas, poeta, pola inspiración e a alegría que aínda nos entregas en cada verso. Galiza e o pobo galego estaremos eternamente en débeda contigo.”