PUBLICACIÓN DA LISTAXE PROVISIONAL DE ALUMNADO ADMITIDO PARA O CURSO 2024/2025

Pola presente infórmase que acaba de ser publicada a listaxe provisional de alumnado admitido para o curso 2024/2025 no CEIP Praia de Quenxe.

Por protección de datos, esta listaxe só se pode consultar presencialmente no tablón de anuncios do centro (no interior das instalacións do colexio) e tamén a través da aplicación AdmisiónAlumnado, para o que será preciso identificarse coa Chave365 ou con certificado dixital.

En todo caso infórmase que TODO O ALUMNADO QUE PRESENTOU SOLICITUDE FOI ADMITIDO. 

 

 

 

Procedemento de Admisión e Matrícula

PROCEDEMENTO DE ADMISIÓN DE ALUMNADO 

Presentación de solicitude admisión: Do 1 ao 20 de marzo

DECRETO 13/2022, do 3 de Febreiro, polo que se regula a admisión de alumnado en centros docentes sostidos con fondos públicos que imparten as ensinanzas de segundo ciclo de educación infantil, de educación primaria, de educación secundaria obrigatoria e de bacharelato reguladas na LOE.

ORDE do 21 de outubro de 2022 pola que se desenvolve o Decreto 13/2022, do 3 de febreiro, e se regula o procedemento de admisión do alumnado nos centros docentes sostidos con fondos públicos que imparten ensinanzas de segundo ciclo de educación infantil, de educación primaria, de educación secundaria obrigatoria e de bacharelato reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación (códigos de procedemento ED550A, ED550B e ED550C).

  • O número de postos escolares ofertados (vacantes) pódese consultar aquí.
  • Cada alumno/a só pode presentar unha única solicitude no centro para o que solicite praza en primeiro lugar. A infracción desta norma poderá determinar a perda dos dereitos de prioridade. A solicitude virá acompañada do Libro de Familia

  • O alumnado que ten reservada praza nun centro, se presenta solicitude de admisión noutro distinto deberá comunicar a renuncia á reserva antes do 28 de febreiro.

  • A solicitude terá que estar asinada polos 2 proxenitores ou representantes legais (un asina a solicitude e outro autoriza a consulta de datos). No caso de separación ou divorcio será necesaria a sinatura de ambas/os proxenitoras/es, agás que a custodia estea atribuída, con carácter exclusivo, a un deles. (achegar documentación xustificativa)

  • As solicitudes poderán presentarse de forma presencial centro educativo, ou de forma electrónica a través da aplicación admisión alumnado (https://www.edu.xunta.gal/admisionalumnado).

  • O alumnado e as familias poderán consultar o estado de tramitación das súas solicitudes a través da mesma aplicación informática utilizando o código de solicitude e o número de DNI da persoa solicitante.

  • A notificación electrónica a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia Notific@ (https://notifica.xunta.gal) realizarase con respecto aos trámites e actos propios da competencia das xefaturas territoriais, sempre que a persoa elixira esta modalidade como medio de notificación preferente.

  • O CEIP Praia de Quenxe está adscrito ao IES Fernando Blanco.

  • Publicación das listaxes provisionais de admitidos e non-admitidos: 25 de Abril. A partir do día en que se publique a listaxe provisional hai un prazo de 5 días hábiles para presentar reclamacións.

  • Publicación da listaxe definitiva de admitidos e non admitidos: 15 de maio

  • Os prazos para a formalización da matrícula serán os seguintes:

Do 20 ao 30 de xuño para o alumnado de educación infantil e primaria. 

Do 23 de xuño ao 7 de xullo para o alumnado de ed. secundaria e bacharelato

  • O CEIP PRAIA DE QUENXE conta con servizo de Comedor de Xestión Indirecta da Consellería de Educación e con servizo de Transporte Escolar (DECRETO 132/2013, do 1 de agosto, polo que se regulan os comedores escolares dos centros docentes públicos non universitarios dependentes da consellería con competencias en materia de educación).

 Por que elixir o CEIP PRAIA DE QUENXE? Máis información AQUÍ

 

Os impresos pódense descargar aquí debaixo en adxuntos. Tamén estarán a súa disposición na secretaría, dirección e conserxería do centro.

 

Bo Nadal

O Claustro do CEIP Praia de Quenxe, desexa que pasedes unhas moi boas festas e veña un 2024 cheo de saúde e felicidade.

Bo Nadal

POSTAIS NADAL

Estimadas familias, como ven sendo habitual nos últimos cursos, animávosnos a que fagades as vosas postais navideñas xunto cos cativos para logo facer un intercambio entre elas. Podendo así recibir nas nosas casas unha das postais.

No enlace e na imaxe tedes as "normas" que deben cumprir as postais, para facilitar o envio delas.

Un saúdo

 

LISTAXE DEFINITIVA DO FONDO SOLIDARIO DE LIBROS DE TEXTO E AXUDAS DE LIBROS E MATERIAL ESCOLAR

Faise pública a LISTA DEFINITIVA DO FONDO SOLIDARIO DE LIBROS DE TEXTO E AXUDAS PARA LIBROS E MATERIAL ESCOLAR.

As persoas solicitantes poderán acceder por vía electrónica ao seu expediente a través da aplicación Fondolibros empregando a Chave 365 ou o certificado dixital da Fábrica Nacional da Moeda e Timbre.

Non hai cambios con respecto á listaxe provisional. As únicas solicitudes que quedaron excluídas foi por motivos de renda. 

A listaxe tamén se poderá consultar no taboleiro de anuncios que hai no interior do centro ó longo desta semana ou chamando ó centro en horario de 10.30h a 12.30h.

Os vales para a compra de libros e material escolar poderán recollerse na dirección do centro os días 1 e 4 de setembro en horario de 9:30h a 12:30h. 

Nos primeiros días de setembro as titoras informarán ás familias sobre os libros e material escolar que haxa que comprar. 

O alumnado de 3º e 4º de Primaria que ten dereito ao préstamo de libros do fondo solidario recibirá os libros de préstamo ao inicio das clases.

Aviso para todos os cursos: NON MERCAR LIBROS OU MATERIAL ANTES DE FALAR CO PROFESORADO EN SETEMBRO.(Ver Lista de textos 23/24)

 

SOLICITUDE COMEDOR CURSO 2023/2024

Prazo: De VENRES 7 de xullo ata MARTES 11 de  xullo de 2023 (ambos inclusive).

Lugar de presentación: Dirección do centro

Horario de atención ao público: de 10:30 a 13:00H

Haberá que presentar:

  • Solicitude debidamente cuberta e asinada, acompañada dos documentos que proceda en cada caso.
  • Autodeclaración (datos de 2022)

As condicións especiais dos comensais especificaranse expresamente nas solicitudes de praza. No caso de intolerancias, dietas especiais ou alerxias alimentarias deberá presentarse certificado médico actualizado no que se especifique o tipo de necesidade do comensal.

DOCUMENTOS ANEXOS: (as solicitudes pódense descargar aquí ou recoller no centro)

-SOLICITUDE

-AUTODECLARACIÓN

-INSTRUCIÓN

                                                       

Fondo Solidario de Libros de Texto e Axudas para Libros de Texto e Material Escolar

Norma

ORDE do 10 de maio de 2023 pola que se regula a participación no fondo solidario de libros de texto e se convocan axudas para adquirir libros de texto e material escolar destinadas ao alumnado matriculado en educación primaria, educación secundaria obrigatoria e educación especial en centros docentes sostidos con fondos públicos para o curso escolar 2023/24 (códigos de procedemento ED330B, ED330G e ED330H).

Destinatarios/as

  • Fondo Solidario: alumnado matriculado en 3º, 4º, 5º e 6º de EP e en 1º, 2º, 3º e 4º da ESO.

O alumnado de 5º e 6º de Ed. Primaria do CEIP Praia de Quenxe está incluído no proxecto educación dixital (E-DIXGAL) no curso 2023/2024, polo tanto, este alumnado está excluído da participación no fondo solidario de libros de texto e das axudas para adquirir libros de texto. Non obstante, SI poderán solicitar a axuda para adquirir material escolar cando reúnan os requisitos establecidos nesta orde.

  • Axudas para adquirir libros de texto: alumnado matriculado en 1º e 2º de EP, así como as axudas que pode recibir o alumnado incluído na disposición adicional primeira  (discapacidade ≥ 65%) e na disposición adicional segunda  (necesidades específicas de apoio educativo –NEAE-).
  • Axudas para adquirir material escolar: Todo o alumnado matriculado en EP, ESO

 Forma de Presentación das Solicitudes

Na convocatoria actual, igual que no curso anterior, os cidadáns poderán realizar a solicitude accedendo a aplicación Fondolibros (https://www.edu.xunta.es/fondolibros), e unha vez que teñan cubertos todos os datos deberan gardala, obtendo así o número de solicitude, e posteriormente poderán optar polas seguintes formas de presentación:

  • Presentación no centro no que o alumno/a estea matriculado para o curso 23/24: Neste caso imprimirán a solicitude (Anexos I e II) e presentaranos no centro (debidamente asinados), xunto coa documentación correspondente. 
  • Presentación en Sede Electrónica

Importante: Non esquecer que todos os membros da unidade familiar distintos do solicitante teñen que asinar as autorizacións que figuran no anexo II (este anexo aparece na última páxina da solicitude, no caso da presentación presencial, e como un documento anexo no caso de solicitudes presentadas pola Sede Electrónica).

A solicitude será única para todos os fillos que estean admitidos no mesmo centro docente para o curso 2023/24. Se estivesen admitidos en centros docentes distintos, presentarase unha solicitude en cada un dos centros. No caso de que a solicitude se tramite por vía electrónica empregando a aplicación Fondolibros, será necesaria a presentación dunha solicitude por cada alumno/a aínda que estean admitidos no mesmo centro.

Documentación Obrigatoria

  • Anexos I  e  II
  • Copia do Libro de Familia ou documento equivalente onde figure o alumno e os demais membros computables da unidade familiar
    • En caso de separación ou divorcio, deberán achegar ademais a sentenza xudicial e/ou convenio regulador onde conste a atribución da custodia do/da menor.
    • Excepcionalmente, poderase acreditar o número de membros computables utilizando algún dos seguintes medios:
      • 1º. Certificado ou volante de convivencia.
      • 2º. Informe dos servizos sociais ou do órgano equivalente do concello onde resida a familia.
  • Certificado do grao de discapacidade do/da alumno/a ou calquera membro da familia cando non fose expedido pola Xunta de Galicia.
  • Documentación xustificativa da situación de violencia de xénero no ámbito familiar. 
  • Resolución administrativa ou xudicial acreditativa da situación de acollemento ou certificado do centro de menores para o alumnado en situación de tutela ou garda da Xunta de Galicia

A documentación que se xunte coa solicitude poderá presentarse por vía electrónica ou presencialmente no propio centro docente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia presentada. . En todo caso, os documentos deberán ser válidos e eficaces no momento da súa presentación, e reflectir a situación persoal, familiar e económica en 31 de decembro de 2021, agás cando unha sentenza de separación ou divorcio posterior a esa data atribúa a custodia exclusiva a unha das persoas proxenitoras e nos casos de violencia de xénero en que se aplicará o disposto na lexislación específica

 PRAZOS

O prazo para presentar as solicitudes iniciarase o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galiza e rematará o día 21 de xuño de 2023 incluído.Aconséllase presentalas o antes posible.

Obrigas das persoas beneficiarias.

As persoas beneficiarias de libros procedentes do fondo solidario do centro ou de axudas para adquirir libros de texto terán as seguintes obrigas.

  • Devolver os libros de texto e o material reutilizable adquirido coas axudas para libros de texto ou recibido do fondo solidario no curso 2022/23. Está excluído desta obriga o alumnado beneficiario de axuda para adquirir libros de texto de 1º e 2º de EP, o alumnado de EE ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65 %, sempre que os libros ou o material adquirido non se poidan reutilizar.
    • A falta de devolución dos libros de texto será causa de exclusión da participación no fondo solidario e das axudas para adquirir libros de texto e material escolar no curso 2023/24.
  • Conservar en bo estado os libros de texto e o material reutilizable recibido do fondo solidario ou adquirido coas axudas para libros de texto no curso escolar 2023/24 e devolvelos ao rematar este no mes de xuño.
  • Destinar o importe do vale para libros a adquirir, única e exclusivamente, os libros de texto que indique o centro en que estea matriculado o alumnado.
  • Destinar o importe do vale para material, única e exclusivamente, a adquirir o material escolar que necesite.

ANEXOS:

Anexos I e II: Solicitude

CÁLCULO RENDA PER CÁPITA FAMILIAR

ORDE FONDO LIBROS

BOLSAS PARA ALUMNADO NEAE 2023/24

INFORMACIÓN E INSTRUCIÓNS RELATIVAS A BOLSAS NEAE 2023-2024*

Normativa de referencia: RESOLUCIÓN DE LA SECRETARÍA DE ESTADO DE EDUCACIÓN, POR LA QUE SE CONVOCAN AYUDAS PARA ALUMNOS CON NECESIDAD ESPECÍFICA DE APOYO EDUCATIVO PARA EL CURSO ACADÉMICO 2023-2024

  • SOLICITUDES: As familias cubrirán, tal como indica a convocatoria, o formulario accesible por internet na dirección www.educacionyfp.gob.es ou a través da sede electrónica do Ministerio de Educación e Formación Profesional na dirección https://sede.educacion.gob.es. Se o/a solicitante dispón de firma electrónica poderá completar o proceso el mesmo na páxina web acompañando a documentación que lle pida a propia aplicación. No caso de que non se dispoña de firma electrónica poderase imprimir a solicitude cuberta e presentala no centro con todas as firmas e documentación necesaria.
  • O prazo de presentación de solicitudes no centro remata o 20 de setembro de 2023. Aconséllase presentalas o antes posible.
  • É moi importante asegurarse de que consten as firmas requiridas de todos os membros computables.
  • Documentación necesaria (segundo proceda):
    • En TODOS os casos:
      • Fotocopias dos DNIs ou NIE
      • Certificado bancario do número de conta no que debe figurar o alumno/a
    • En caso de atoparse nas seguintes circunstancias:
      • Fotocopia de documento que acredite ser familia numerosa
      • Certificado de discapacidade igual ou superior ao 33%
    • Alumnado con trastorno grave de conduta, trastorno grave da comunicación ou da linguaxe: Certificado do departamento de orientación do centro educativo ou da comunidade autónoma.
    • Alumnado TEA:
      • Certificado médico dos servizos de saúde sostidos con fondos públicos + Certificado do departamento de orientación do centro educativo ou da comunidade autónoma
    • Ademáis, se a axuda é para reeducación pedagóxica ou da linguaxe: 
      • Memoria do centro onde se vai recibir a reeducación que informe sobre as carácterísticas do tratamento, a súa duración e custo
      • Declaración responsable da persoa que vai impartir a reeducación.Debe acreditar a formación necesaria

*Válido salvo erro ou omisión. Para información completa e detallada acceder á resolución adxunta.

CONVOCATORIA BECAS NEAE 2023/2024

BENVIDOS/AS Á NOSA PÁXINA WEB!!

 

 CEIP Praia de Quenxe

 R/ Maruja Mallo, 18

 15130 - Corcubión

 Tlf: 881880533 

 

LISTAXE DEFINITIVA DE USUARIOS DE COMEDOR PARA O CURSO 23/24

 

Pola presente, infórmase de que foron admitidas todas as solicitudes de comedor para o vindeiro curso 23/24. Quedan cubertas 41 praza das 42 ofertadas, polo que a praza restante estará dispoñible para quen o precise en setembro.

 

Distribuir contido