SAÍDA DOS NENOS E NENAS DE 1º E 2º Á PANADARÍA, AO MERCADO E Á CARNIZARÍA

Onte, martes, 15 de xaneiro de 2019, por fin puidemos realizar unha saída moi esperada para as mestras de 1º e 2º e para o alumnado, e que non fixeramos antes por non acompañarnos as condicións climatolóxicas. 

Saímos á panadaría "O Forno", ao mercado de Corcubión e á carnizaría "Antelo". Nestes establecementos, os e as profesionais dos mesmos ensináronnos diversos aspectos do seu traballo e dos produtos que ofrecen. 

Na panadaría, aprendemos, con Yolanda, os nomes de distintas pezas de pan: o "bolo", a "bola", o "bolo furado", a "fabiola", a "broa", o "pan payés"... Tamén soubemos que algún véndese por peso e outro por peza. Ademáis, amosounos as portas do antigo forno e explicounos algúns aspectos do seu funcionamento. 

No mercado, había distintos postos:

-  Áurea é unha señora que vende produtos da súa horta e ovos das súas galiñas. Onte tiña nabizas, patacas e ovos. Explicounos un pouco en qué temporada nacía cada froita, hortaliza ou verdura, e os prezos do que ofrecía. 

-  Enrique e Isabel, o peixeiro e a peixeira, ensináronnos distintas pezas de peixes e cefalópodos e os seus prezos: polbo, xurelos, pescada, pinto, maragota, sarreta, linguado... e un abadexo ben grande!!!

-  Susana, a froiteira, ensinounos as súas froitas e mailos prezos tamén. Algunhas eran habituais, como as mazás, as laranxas, os kiwis... pero outras eran máis raras de ver, como as avelás, os aguacates ou os dátiles. Tamén nos regalou mandarinas para todos. Moitas grazas, Susana!

 Ao rematar con Susana, toda a xente estaba xa moi cansa de tanto recopilar información. Así que decicimos facer un pequeno descanso, e merendar nos banquiños da alameda. Comemos, bebemos, descansamos un pouquiño, e... á carnizaría!!

Na carnizaría Antelo, Sagrario, a carniceira, amosounos as distintas partes das galiñas, as vacas, e os porcos, e información sobre os seus prezos e procedencia dos animais. Ao rematar de explicar, agasallounos con ricos chourizos para todos e todas!! 

Fomos moi contentos de volta ao cole... onde nos agardaban os mestres de inglés para dar a última clase dun día moi, moi intenso.

En resumo... foi unha saída deliciosa!! Publícanse fotos nos datos adxuntos. 

CAMPO A TRAVÉS

O pasado xoves, 10 de decembro, tal e como se anunciara previamente, o alumnado de 2º a 6º de primaria do noso centro educativo acudiu a participar nunha actividade de campo a través. 

Queremos amosar o noso orgullo polo alto nivel de participación, xa que consideramos moi positivo que o alumnado estea tan involucrado no deporte. Felicitamos a todos e todas por isto, e animámosvos a seguir entrenando e poñéndovos a proba a vós mesmos en actividades deportivas, abandeirando o nome do noso cole. 

Nos datos adxuntos publícanse as fotos do evento, e os resultados, por categoría, do noso alumnado nas distintas carreiras. 

PARABENS A TOD@S @S PARTICIPANTES!

 

 

 

SAÍDA A CORCUBIÓN 1º E 2º DE EDUCACIÓN PRIMARIA.

15/01/2019 09:15
15/01/2019 13:00
Europe/Madrid

O vindeiro martes, 15 de xaneiro, o alumnado de 1º e 2º de Educación Primaria realizará unha saída a Corcubión, onde visitaremos o mercado, a panadería "O forno" e a carnizaría "Antelo". 

Neses lugares as crianzas investigarán sobre os distintos produtos (tipos de peixe, de pan, carne, froitas e verduras), as súas características e os seus prezos. 

Sairemos camiñando ás 09:15h da mañá e agardamos voltar para o cole arredor das 13:00h, para que ambos grupos poidan asistir a clase de inglés. 

 

SAÍDA A CAMPO A TRAVÉS

10/01/2019 09:00
10/01/2019 14:00
Europe/Madrid

Mañá, venres 11 de xaneiro, parte do alumnado de 2º a 6º de Educación Primaria, realizará unha saída para participar nunha competición de campo a través. Aquel alumnado que non teña permiso para saír, permanecerá con profesorado de garda a disposición ou distribuirase noutras aulas. 

 

Un saúdo. 

BO NADAL!!!

O pasado venres 20 de decembro, toda a nosa comunidade escolar celebrou o final de trimestre co tradicional Festival de Nadal. Docentes, discentes e familias celebramos ao grande a chegada destas datas e deleitámonos coas actuacións que nos tiñan preparadas. 

Queda toda unha reportaxe gráfica do evento, pero o máis importante foi o que disfrutamos no momento coa vosa compañía e coa ilusión que os cativos e cativas tiñan por facernos partícipes do seu talento. 

Dende o centro, queremos desexarvos a todos e todas que desfrutedes duns marabillosos días, e agardamos vervos á volta do final de ano con moitas aventuras e novos obxectivos e propósitos por diante. 

Para todos, grazas por formar parte da nosa familia, Bo Nadal e venturoso 2019!!!

O APALPADOR VISITA O CEIP PRAIA DE QUENXE

O APALPADOR VISITA O CEIP PRAIA DE QUENXE

Corcubión, redacción.

Hoxe, luns 19 de decembro de 2018, no CEIP Praia de Quenxe recibimos a visita do Apalpador.

Ataviado coa súa chaqueta e pantalón lixados de carbón, os seus grandes zapatóns e a súa boina, sen esquecer o seu saco, e, coma sempre, co seu grande e encantador sorriso, facía entrada no noso centro arredor das 13:00, onde foi recibido polo director do centro, para ir agardar, no ximnasio, a docentes e discentes.

Ás 13:10h, despois da volta do segundo recreo, todas as persoas habitantes do noso colexio subiamos para atender ao noso visitante.

Todos e todas entregamos as nosas cartas, por cursos.

Tamén recibimos regalos: uns caramelos e uns bonitos vasos reutilizables, que a partir de agora levaremos a tódolos festivais de forma que o noso cole terá un pouco menos de pegada ecolóxica.

Adxuntámosvos algunhas fotografías para que poidades comprobar que o pasamos en grande!!!

ESTE NADAL, A ANPA E O APALPADOR, INVÍTANNOS A COIDAR MÁIS O PLANETA.

Expoñémosvos aquí a carta que nos envía a ANPA do noso centro:

 

Estimadas familias:

Un ano máis o Apalpador visita noso Colexio. Este ano ven cun pequeno agasallo. Unha cunca re-re-re...utilizábel para as festas. O plástico de usar e tirar é algo que pouco a pouco deberíamos ir erradicando dos nosos costumes de consumo. Por iso entregaremos unha cunca multiusos para que se reutilice nos eventos e actividades ao longo do ano.

Agradecemos de antemán vosa colaboración.

Non é o paso definitivo mais é un paso...

Pasiño a pasiño faise o camiño.

Boas festas.

E há de vir o Apalpador!

ANPA ALÉN

 

Reducir os desperdicios de plástico era un obxectivo que hai tempo perseguiamos desde o noso colexio. Este ano, por primeira vez, atopouse a solución de regalar un vaso a cada neno para que os conserven e manteñan durante toda a escolaridade. Deste xeito, contribuiremos a reducir os desperdicios, espallamos costumes saudables e aprendémoslles aos nosos cativos e cativas costumes ecolóxicos e a valorar e coidar os seus materiais. 

Tampouco haberá vasos desbotables para os pais e nais, así que aqueles que vaiades querer tomar café ou chocolate, o venres, poderedes traer os vosos vasos/canecos da casa ou ben mercar un da ANPA. 

Agradecemos a todos e todas a colaboración, e felicitamos e agradecemos á ANPA, sempre atentos a colaborar con nós en tódolos detalles, e con iniciativas que melloran e completan as actividades escolares. É un pracer e un orgullo estarmos tan unidos e contar sempre coa vosa axuda. 

Esperamos ter un fantástico festival. Vémonos estos días!!

 

Bo Nadal...

 

 

                        

 

CAMBIOS NO ITINERARIO DE AUTOBÚS O VINDEIRO DÍA 21, CON MOTIVO DO FESTIVAL DE NADAL.

Informamos mediante a presente dos cambios no itinerario do autobús o vindeiro día 21, con motivo da celebración do Festival de Nadal na Casa da Cultura. 

 

SERVIZO DE ENTRADA. 

Ese día, haberá redución de xornada, polo que a entrada terá lugar ás 10:00,  e será directamente na Casa da Cultura .  

-  O autobús pasará arredor das 09:40 (hora aproximada) (publicaranse as horas exactas das distintas paradas en canto sexa posible) polas paradas de A Amarela, Redonda, O Vilar e Quenxe, e levará a estos usuarios e usuarias á Praza Castelao, onde haberá dous docentes para recibir ao alumnado. Os pais  ou nais de usuarios destas paradas deberán avisar aos correspondentes titores, esta semana, mediante nota ou chamada, de se farán uso do autobús para que este non faga o percorrido en balde. 

-  Os usuarios e usuarias de autobús que normalmente o collen na Praza Castelao, ese día irán, preferentemente, directamente para a Casa da Cultura ás 10:00. Alí estarán os titores e titoras agardando para recoller ao seu alumnado. A entrada será ás 10:00. Se alguén tivese algún problema para deixar ao voso fillo/a na Casa da Cultura, tamén poderedes deixalo, antes das 09:55, na Praza Castelao con algún dos mestres e mestras que estarán agardando polo alumnado que vén no autobús. 

SERVIZO DE SAÍDA.

-  Ese día, o autobús recollerá aos nenos e nenas de comedor na Praza Castelao, ás 13:15h., para levalos ao colexio (dous docentes acompañarán a este alumnado ata a praza). Tamén recollerá aos usuarios e usuarias de A Amarela, Redonda, O Vilar e Quenxe que así o desexen, para levalos ata as súas respectivas paradas. Os pais e nais destos usuarios deberán avisar ao centro (titores) de se farán uso do transporte para a saída ou se recollerán directamente aos seus fillos e fillas na Casa da Cultura. 

 

Agardando que quedaran aclaradas as posibles dúbidas, agradecemos a colaboración para facer que todo funcione ese día. Un saúdo. 

 

 

EVENTOS DE FINAL DE CURSO

19/12/2018 20:28
21/12/2018 20:28
Europe/Madrid

Como tódolos anos, este Nadal celébrase ao grande no CEIP Praia de Quenxe. O alumnado está neste tempo arranxando os adornos propios destas datas (o colexio está quedando incrible), preparando para recibir ao Apalpador, que virá visitarnos o vindeiro mércores, 19 de decembro, ás 13:00h. 

O día seguinte, xoves 20, daremos os boletíns de notas a todo o alumnado, a iso das 13:00h, para deixar todo listo e estar libres de carga ao día seguinte. 

O venres 21, entre as 10:00 e as 13:30h, terá lugar na casa da cultura o tradicional FESTIVAL DE NADAL. Todo o alumnado preparou con moito agarimo obras de teatro, cancións e diversas actuacións para deleitar a grandes e pequenos. 

Lembrade que:

 

-  OS USUARIOS DE COMEDOR DEBERÁN AVISAR AO CENTRO DE SE FARÁN USO OU NON O ÚLTIMO DÍA (RECIBIREDES UNHA NOTA NOS PRÓXIMOS DÍAS).

-  OS USUARIOS DE AUTOBÚS TAMÉN DEBERÁN AVISAR AO CENTRO DE SE PRECISARÁN OU NON AUTOBÚS. 

-  OS NENOS E NENAS IRÁN DIRECTAMENTE Á CASA DA CULTURA O DÍA 21, E NON AO COLEXIO. TAMÉN SERÁN RECOLLIDOS ALÍ. ROGAMOS AOS PAIS E NAIS QUE AVISEN AOS TITORES ANTES DE MARCHAR, PARA EVITAR SUSTOS INNECESARIOS. 

 

AGARDAMOS VERVOS ALÍ PARA DAR COMEZO ÁS FESTAS. GRAZAS!

 

ADXUNTAMOS HOXE, DIA 14 DE DECEMBRO, A PROGRAMACIÓN DO FESTIVAL E O DOCUMENTO DE INFORMACIÓN SOBRE O USO DO COMEDOR E DA BIBLIOTECA.

 

 

UN ANO DA ASOCIACIÓN BOCA DE SAPO, UN ANO DE COLABORACIÓN EN PROL DO BEN COMÚN.

O ano pasado, neste centro iniciabamos unha colaboración coa asociación Boca de Sapo, de Corcubión, buscando aprendizaxes sobre a contorna próxima para os nosos e nosas discentes, e unha concienciación polo coidado da natureza e do noso redor, entre outras cousas.

Iniciouse esta colaboración cunha saída ao monte, na que se realizou unha recollida de lixo, e un recoñecemento das especies existentes de prantas nesa contorna, chegando a etiquetar co noso alumnado preto do centenar de especies distintas entre árbores, arbustos, prantas e flores. 

A saída resultou de moito aproveitamento para os e as discentes. 

Esta colaboración continúa no momento actual, no que está planeada xa unha saída ao "Monte das pedras", en Corcubión. Este monte, pertencente ao concello, foi o primeiro que a asociación e concello limparon de eucalipto, poñendo en funcionamento a moción que presentaran o pasado ano que insta a convertir Corcubión en un concello libre desta especie, e que comeza por levar a cabo a acción de librarse da mesma nos montes municipais . Agora, falta limpar a madeira e restos que quedaron, e está previsto que, en xaneiro, o noso alumnado vaia axudar a replantalo con especies autóctonas, frondosas e froiteiras. 

Pretendemos, entre todos, crear alí un espazo de convivencia, de xogo, unha aula da natureza que os nenos e nenas recoñezan como propia. 

Por isto invitámosvos ás familias que poidades, a que vos poñades en contacto coa devandita asociación no correo bocadesapo.corcubion@gmail.com No momento, é importante limpar o valume e madeira producida como resultado de limpar ese monte de acacia e eucalipto, e é precisa axuda a tal fin. O obxectivo é que estea limpa no mes de xaneiro, para que o alumnado poida ir prantar. 

PRINCIPALMENTE, QUEREMOS DAR AS GRAZAS A ESTA ASOCIACIÓN POR CREAR ESTA OPORTUNIDADE EDUCATIVA DA QUE AGARDAMOS SACAR UN GRAN PARTIDO EDUCATIVO NO CENTRO. E ADEMÁIS, FELICITAR A TÓDOLOS SEUS MEMBROS POLO LABOR INICIADO EN PROL DO BEN COMÚN. 

 Esperamos que sexa o inicio dunha longa andadura, que nos leve a realizar moitas melloras, e a unirnos como comunidade. 

Adxúntase a continuación o enlace da entrevista que realizaron con QPC, con motivo do primeiro aniversario desta agrupación. 

Distribuir contido