Avistamento dun OVNI

O ano pasado, por estas datas, avistouse un OVNI nos ceos da nosa comunidade. As primeiras impresións apuntaban a que se trataba dos restos dun cometa. Despois de análises máis exhaustivos, confírmase desde os observatorios astronómicos máis importantes que problabemente se trate dunha nave intergaláctica gobernada por seres extraterrestres. Ademais ningún país deu conta de lanzar ao espazo sideral unha nave de tales características. A difusión desta nova provocou unha gran conmoción internacional, sobre todo, en círculos científicos.

Un equipo de investigación periodística entrevistouse con físicos do CSIC e con matemáticos especializados en criptoloxía. A continuación reflectimos o resultado da nosa investigación:

Parece ser que esa nave xa estivo hai moitísimo tempo e en máis dunha ocasión orbitando arredor do noso planeta. Daquela -e isto sabémolo agora- observaron na súa viaxe polo Sistema Solar un puntiño azul que destacaba entre o resto dos astros. Aquel puntiño azul era, nin máis nin menos, que o noso planeta. Hoxe, e anos despois da súa última visita, achegáronse moito máis porque non atoparon o que esperaban. Desta vez descubriron unha brétema grisácea e apestosa que apenas deixaba ver algunha que outra mancha azul ou verde salpicando a superficie do que parecía unha xigantesca laranxa embalorecida.

Crese que esta nave, pilotada por uns estraños seres, ten por misión, velar pola saúde do Universo. Nunha mensaxe descifrada polos especialistas en criptoloxía, advírtese que o planeta sofre unha grave enfermidade provocada non por microbios patóxenos (virus, bacterias, etc), senón por uns seres moito máis grandes e que andan erguidos. Estes seres adoitan vivir nun especie de cubículos rematados por uns carapuchos vermellos ou negros. Como a todos os enfermos, hai que administrarlle un medicamento determinado; pero a menciña para o noso planeta non é como a que nos poden dar como cando temos unha farinxite ou unha neumonía, non. Neste caso o remedio ten que ser moi especial. De momento só coñecemos unhas pistas que nos deixaron para averiguar o nome dese raro medicamento. O que sí sabemos dese raro medicamento é que non se compra nas boticas nin se fabrica nos laboratorios, senón que ten que ser elaborado polos mesmos seres que causaron o dano. E o ingrediente máis importante para que surta efecto é que temos que participar todos, aí radica o segredo da súa eficacia.

Powered by Drupal - Design by artinet