Novas Consellería de Educación

Un estudo constata que o rendemento escolar do alumnado mantense con E-Dixgal, programa que se reforzará con máis calidade, formación e seguridade

Novas Consellería de Educación - Mér, 22/05/2024 - 14:15

Summary: 

Román Rodríguez subliña a necesidade de avanzar no modelo híbrido de ensino galego onde os alumnos compaxinen as máximas competencias analóxicas e dixitais

Deu conta dun estudo censal comparativo sobre 70.000 alumnos, onde se conclúe que os resultados académicos son parellos con independencia do sistema que usen

Idioma Gallego

A Xunta de Galicia vai reforzar de cara ao vindeiro curso 2024-2025 o programa E-Dixgal, de libro dixital, no sistema educativo galego cunha aposta consensuada onde primará a calidade dos contidos, a seguridade no acceso, a formación do profesorado e a información ás familias.

Así o sinalou o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, con motivo da presentación dun estudo censal entre case 70.000 alumnos sobre a incidencia do emprego do libro dixital nos resultados académicos, así como da folla de ruta para implementar este programa. É o resultado de escoitar á comunidade escolar nos últimos días en xuntanzas de traballo con representantes das anpas, cos equipos directivos dos centros e cos coordinadores Abalar. Na presentación estivo acompañado polo director da Amtega, Julián Cerviño; polo secretario xeral técnico, Manuel Vila, e pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández. 

O titular de Educación explicou que o modelo educativo galego está asentado “como un modelo híbrido onde conviven o analóxico co dixital”, dando así cumprimento aos requirimentos normativos europeos e estatais, xa que tanto o Consello de Europa como as leis e os currículos españois sitúan a competencia dixital como prioridade desde a infancia. Para iso, Galicia ten en marcha a Estratexia Educación Dixital 2030, cun conxunto de accións coordinadas enfocadas a xerar un ecosistema dixital e formar a profesorado e alumnado nestas novas competencias e tecnoloxías, entre as que se encontra E-Dixgal como unha ferramenta complementaria e voluntaria por parte dos centros.

Román Rodríguez salientou que o ensino “non pode quedar ás costas do actual escenario tecnolóxico” xa que a competencia dixital “é unha obriga curricular” no marco europeo e estatal, así como “unha garantía de futuro persoal e profesional” na que hai que seguir traballando “de xeito colaborativo, con rigor, con diálogo e con coñecemento”.

Resultados parellos

Neste escenario enmárcase o ambicioso estudo comparativo sobre a incidencia do libro electrónico no sistema educativo da nosa Comunidade, no que se analizaron os datos consolidados correspondentes ao cursos 2021-22, das notas medias globais dos alumnos dos centros públicos galegos adheridos ou non a E-Dixgal.

Logo de avaliar as cualificacións dun total de 70.000 estudantes de 5º e 6º de Primaria e de 1º e 2º de ESO, os resultados de rendemento escolar son practicamente idénticos en centros E-Dixgal e non E-Dixgal, cunha tendencia a favor dos primeiros dalgunhas décimas.

Estas diferenzas teñen un maior impacto naqueles centros E-Dixgal que levan catro ou máis anos no programa. É dicir: as notas medias globais do alumnado son similares estuden ou non con libro electrónico e, de haber algunha diferenza, esta sempre é a favor do alumnado de centros E-Dixgal, algo que se fai máis evidente naqueles que levan máis anos no programa. De feito, o estudo analiza por separado os centros que levan entre 1 e 4 anos adheridos a E-Dixgal e os que o implantaron hai máis de catro cursos. 

Cómpre ter en conta, igualmente, que a participación territorial no E-Dixgal é semellante nas zonas rurais (o 45,27% dos centros) e nas urbanas (o 50,53% dos centros) polo que o programa é unha ferramenta que tamén contribúe á redución da fenda dixital, que é precisamente un dos retos da Estratexia Educación Dixital 2030. Así mesmo, supón un o un maior achegamento ao eido dixital e as súas metodoloxías didácticas innovadoras.

Mellora de contidos

Doutra banda, no encontro cos medios de comunicación tamén se avanzaron as novas accións para reforzar o programa E-Dixgal co fin de continuar perfeccionando o sistema, sobre todo no que atinxe aos contidos, ao asesoramento e apoio aos centros educativos, á formación do profesorado e á información ás familias.

Así pois, de cara ao vindeiro curso, a Xunta está traballando xa na mellora dos contidos dixitais, tanto no que atinxe á súa calidade como variedade. Para iso, estase ultimando unha nova licitación de contidos por un importe de preto de 4 millóns de euros.

Paralelamente, a Consellería está traballando na nova plataforma Creagal, de recursos dixitais de calidade en aberto, nun dossier deseñado para uso dixital ou impreso con todas as materias e todos os niveis, e na supervisión permanente de contidos que implicará un procedemento continuo de revisión por parte de expertos docentes con coñecementos experiencia nas diferentes especialidades e áreas curriculares.

Formación do profesorado

Canto ao apoio ao profesorado, habilitarase un novo plan de formación específico de ensino dixital e reforzarase a figura do coordinador E-Dixgal. Tamén se continuará co proceso de acreditación de competencias dixitais do profesorado, no que Galicia foi das comunidades en emitir as primeiras acreditacións. Esta certificación está en marcha xa tamén para o alumnado, con probas para estudantes de 2º de Bacharelato e de 4º de ESO.

Co fin de visualizar as boas prácticas e o traballo excelente, crearase o selo Centro de Excelencia E-Dixgal, que se converterán en centros piloto para a posta en práctica de novos recursos e a experimentación de novos avances, ao tempo que servirán como modelos inspiradores na convivencia do analóxico e o dixital para o resto dos centros.

Acompañamento ás familias

Dando cumprimento ás demandas das anpas, outra das liñas de traballo vai ser o reforzo da información, apoio e acompañamento ás familias, con formación específica sobre a competencia dixital e guías de uso dos dispositivos que se materializarán a través das Escolas de Nais e Pais. Tamén se incidirá no reforzo da navegación segura que blinde o acceso dos alumnos a información sensible ou desapropiada para a súa idade.

File: 

Presentación Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Seis centros galegos lanzan a cápsula estratosférica MarumaSat VI para medir a velocidade do son

Novas Consellería de Educación - Mér, 22/05/2024 - 14:06

Summary: 

O CEE de Panxón, o IES Ramón Caamaño, o IES Miraflores, o IES Marco do Camballón, o IES Arcebispo Xelmírez II e o CPI Plurilingüe O Cruce participan no lanzamento deste aparello no marco do proxecto da Axencia Espacial Escolar Galega (NOSA)

Idioma Gallego

A Cidade da Cultura foi hoxe o escenario escollido para o lanzamento da cápsula estratosférica MarumaSat VI, no marco do proxecto da Axencia Espacial Escolar Galega (NOSA).

Durante o voo, que se prolongou máis de dúas horas, a cápsula MarumaSat mediu a velocidade do son a diferentes alturas e creou unha melodía que se obterá empregando ChatGPT para correlacionar notas musicais con algunhas das variables que mide a sonda como pode ser a presión ou temperatura, relacionando así a ciencia coa arte e a accesibilidade. Ademais, no momento do lanzamento ao que asistiu o secretario xeral da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Manuel Vila, a cápsula estratosférica levou unha mostra de ADN humano e dun fungo para ver a influencia que neles ten a exposición á radiación UV.

Neste proxecto participaron os alumnos do Centro de Educación Especial CEE de Panxón en Nigrán, do Instituto IES Ramón Caamaño de Muxía, do IES Miraflores de Oleiros, do IES Marco do Camballón de Vila de Cruces, do IES Arcebispo Xelmírez II de Santiago e do Centro Público Integrado CPI Plurilingüe O Cruce de Cerceda.

Un proxecto colaborativo

Estes seis centros educativos conforman NOSA, un proxecto que naceu no curso 2014/15 cuxo obxectivo principal é levar ás aulas un modelo de traballo colaborativo a través do deseño e construción desta cápsula que cada ano realiza un voo suborbital.

O espírito do programa, compartido por todos os docentes implicados, é concienciar o alumnado da utilidade dos coñecementos que adquire para dar resposta a retos tan complexos como desenvolver esta cápsula estratosférica. A iniciativa afonda, ademais, na cooperación entre alumnado dos distintos centros e diferentes idades.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Román Rodríguez destaca o compromiso da Xunta coa Rede de Investigación Universitaria de Excelencia, cuxo financiamento se incrementa nun 31%

Novas Consellería de Educación - Mér, 22/05/2024 - 13:59

Summary: 

O conselleiro de Educación e Ciencia reúnese cos 13 centros, aos que o Goberno galego inxecta case 23,6M€ para blindar o seu funcionamento ata 2027

“Estamos a preparar un novo Plan de I+D+i para sumar esforzos e acadar cotas máximas de transferencia de coñecemento á sociedade”, explica

Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, FP e Universidades, Román Rodríguez, reuniuse hoxe con representantes das entidades que compoñen a Rede de Centros de Investigación Universitaria de Galicia. No encontro, celebrado na Cidade da Cultura, o titular do departamento educativo do Goberno galego reafirmou o compromiso da Xunta coa investigación realizada nas tres universidades públicas galegas. “Non en balde, vimos de incrementar nun 31% o financiamento desta rede, cunha nova inxección de case 23,6M€ que permitirá que estes centros gocen de estabilidade económica para desenvolver a súa actividade ata 2027”, lembrou.

“A ciencia é unha prioridade para o Goberno galego. Vimos de reforzar organicamente a súa estrutura e estamos a preparar un novo Plan de I+D+i para sumar esforzos, establecer sinerxías e avanzar nun ecosistema de investigación e innovación, dentro e fóra da Universidade, que nos permita acadar cotas máximas de transferencia de coñecemento á sociedade”, explicou o conselleiro. 

Benvida a cinco novos centros

No transcurso da reunión, na que tamén participaron o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez, e a directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, deuse a benvida aos cinco novos centros que a Xunta acaba de incorporar á rede, dous na máxima categoría e tres na nova categoría de colaboradores, que aspiran a entrar nos vindeiros anos e que tamén recibirán financiamento autonómico.

Os novos centros co máximo recoñecemento son o Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA) da Universidade da Coruña e o Centro de Investigación Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS) da Universidade de Santiago de Compostela. Pola súa banda, a segunda categoría, de centros colaborativos e creada este ano, estréase co Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC) da Universidade da Coruña, o Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais (CINTECX) e o Economics and Business Administration for Society (ECOBAS), ambos da Universidade de Vigo.

Os restantes oito Centros de Investigación Universitaria de Galicia veñen de renovar tamén a súa acreditación de excelencia. Trátase dos seguintes: pola Universidade de Santiago de Compostela, o Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CIQUS), o Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CIMUS), o Centro de Investigación Singular en Tecnoloxías Intelixentes (CITIUS) e o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE); pola Universidade de Vigo, o Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicacións (AtlantTTic), o Centro de Investigacións Biomédicas (CINBIO) e o Centro de Investigacións Mariñas (CIM), e pola Universidade da Coruña, o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC).

Os 13 centros contarán cun orzamento de case 23,6M€ para que os máis de 1.530 investigadores que traballan neles poidan desenvolver a súa actividade científica dun xeito estable ata 2027. A Rede de Centros de Investigación Universitaria transforma a potencia individual dos centros máis avanzados do sistema nunha gran forza colectiva mediante a posta en marcha de accións estratéxicas e coordinadas que contribúen a consolidar a súa excelencia, a incrementar o seu impacto social no benestar, na saúde ou na economía, e a situar a Galicia como referente científico no panorama nacional e internacional.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Probas libres para a obtención de títulos FP (LOE e LOXSE). Curso 2023-2024

Novas Consellería de Educación - Mér, 22/05/2024 - 11:02
Idioma Gallego

O período de matrícula en prazas liberadas das probas libres para a obtención de títulos FP (LOE e LOXSE) do curso 2023-2024 é desde as 9:00 horas do día 23 de maio ata as 13:00 horas do 31 de maio de 2024. A matrícula realizarase por estrita orde de chegada ao centro que oferte a praza vacante.

Máis información

Tema: 

Escolarización

Ensinanza: 

Formación Profesional inicial

Departamento: 

Dirección Xeral de Formación Profesional Subdirección Xeral de Cualificacións, Planificación e Xestión da Formación Profesional Servizo de Xestión da Formación Profesional

Colectivo: 

Alumnado

Listaxe definitiva de centros docentes privados concertados dependentes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional para participar no programa de inmersión lingüística activa en lingua inglesa, Spring Week

Novas Consellería de Educación - Mér, 22/05/2024 - 10:12
Idioma Gallego

Listaxe definitiva de centros docentes privados concertados dependentes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional para participar no programa de inmersión lingüística activa en lingua inglesa, Spring Week, dirixido ao alumnado de sexto curso de educación primaria e de educación secundaria obrigatoria durante o curso 2023/24 (Procedemento ED531F). Próxima publicación no DOG.

 

Anuncio principal: 

Convocada a selección de centros docentes privados concertados dependentes desta consellería para participar no programa de inmersión lingüística activa en lingua inglesa, Spring Week, dirixido ao alumnado de sexto curso de EP e de ESO, curso 2023/24

Tema: 

Lingua estranxeira Centros concertados

Ensinanza: 

Educación primaria Educación secundaria obrigatoria

Departamento: 

Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa Subdirección Xeral de Ordenación, Inclusión e Innovación Educativa Servizo de Innovación e Programas Educativos

Colectivo: 

Centros

Sección: 

Linguas estranxeiras

A Xunta recoñece os 64 centros participantes no programa Erasmus+ polas súas accións de mobilidade internacional e cooperación

Novas Consellería de Educación - Mar, 21/05/2024 - 19:28

Summary: 

O conselleiro de Educación salienta a excelencia destes centros, aos que se lles garante financiamento pública ata 2027

Idioma Gallego

A Xunta de Galicia vén de recoñecer os 64 centros educativos -56 colexios e institutos e oito centros de adultos- que contan con acreditación Erasmus+ nos sectores de Educación Escolar e Educación de Persoas Adultas polas súas accións de mobilidade internacional.

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, concedeulles esta mañá o recoñecemento por parte do Goberno autonómico pola súa contribución á excelencia do sistema educativo galego a través do proxecto de mobilidade internacional dos países membros da Unión Europea.

Trátase -dixo o conselleiro- dun “carné de socio” que deben ter os centros para asegurar o financiamento de actividades ata 2027. Cómpre lembrar que estes centros recibiron máis de 2,2 M€ para este programa entre 2021 e 2023.

En palabras de Román Rodríguez, ademais dunha experiencia persoal e académica, “a experiencia Erasmus é un investimento en desenvolvemento profesional que moitas empresas destacan á hora de seleccionar persoal”. Nesta liña, o conselleiro comprometeuse a “seguir tecendo redes fortes no ámbito europeo e internacional” a través deste modelo.

Retos de futuro

O Erasmus+ arrancou en 2014 como un programa para xerar oportunidades de mobilidade e cooperación en materia de educación a través de distintas actividades como a aprendizaxe por observación, estadías e cursos de formación.

Nos vindeiros anos o programa ten o reto de avanzar na inclusión, a accesibilidade e a sustentabilidade con obxectivos centrados no apoio á transición dixital na educación coa creación do Espazo Europeo de Educación.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

A Xunta ampliará o número de investigadores Oportunius con tres novas prazas para captar e reter talento científico

Novas Consellería de Educación - Mar, 21/05/2024 - 19:23

Summary: 

O conselleiro de Ciencia e Universidades, Román Rodríguez, reúnese cos integrantes deste programa que superará por primeira vez a vintena de participantes

“Reforzamos a nosa aposta por atraer ao sistema de I+D+i galego a investigadores que son referentes, ao tempo que facilitamos que persoas formadas nas nosas universidades poidan realizar a súa carreira investigadora en Galicia”, afirma

Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, reuniuse esta mañá cos investigadores que forman parte do programa Oportunius de xeración, retención, retorno e atracción de talento. Unha liña estratéxica de actuación que o Goberno galego ampliará este ano coa convocatoria de, polo momento, tres novas prazas de investigador distinguido para persoas beneficiarias dunha bolsa do Consello Europeo de Investigación (ERC).

Tal e como explicou o conselleiro, “esta nova convocatoria de prazas reforza a aposta da Xunta por atraer e retornar ao sistema de I+D+i galego a investigadores que son referentes nos seus respectivos eidos científicos, ao tempo que facilitamos que persoas formadas nas nosas universidades poidan realizar a súa carreira investigadora en Galicia”.

Non en balde, o programa brinda o impulso necesario de formación e asesoramento para acceder ás axudas do Consello Europeo de Investigación. Así mesmo, ofrece incentivos económicos para as persoas investigadoras que xa dispoñan dunha axuda ERC e elixan Galicia para desenvolver o seu proxecto científico.

Durante a reunión, na que participaron 11 dos 18 investigadores que forman parte do programa Oportunius, o conselleiro estivo acompañado polo secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez, e a directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo.

Posición destacada en España

Román Rodríguez puxo en valor a excelencia da investigación en Galicia, que conta con 31 investigadores que obtiveron 39 axudas ERC, o que supuxo unha captación de fondos do ERC de 59,2 M€. “Máis da metade das persoas que obtiveron estas axudas, 18 deles, están contratados a día de hoxe pola Xunta de Galicia como investigadores distinguidos”, destacou.

Galicia é a sexta comunidade autónoma con maior volume de proxectos ERC e a segunda con maior taxa de éxito, é dicir, con maior porcentaxe de propostas efectivamente presentadas en relación ás financiadas. “O número de axudas do Consello Europeo de Investigación é un dos máis prezados indicadores de excelencia científica de países e rexións e pon de relevancia o talento e o liderado internacional do seu persoal científico”, explicou o conselleiro. “En definitiva, temos que sentirnos orgullosos dos nosos investigadores e imos seguir apoiándoos a través de liñas estratéxicas como o programa Oportunius”, afirmou.

Este apoio inclúe a todos os gañadores das ERC, aos 24 finalistas e as 270 propostas avaliadas e os máis de 465 participantes en 21 talleres formativos, o que supuxo un investimento total de máis de 13,8 M€ a 2023, desde a posta en marcha en 2014 do Oportunius.

Nova convocatoria

A nova convocatoria publicarase a finais de mes e terá por obxecto a cobertura, baixo a modalidade de persoal investigador distinguido, de tres prazas de investigador para persoas beneficiarias de bolsas do European Research Council (ERC).

As persoas que obteñan as prazas poderán desenvolver a súa actividade investigadora en Galicia, baixo a modalidade de persoal investigador distinguido, nas áreas das Ciencias Sociais e Humanidades e das Ciencias Físicas e enxeñaría. Farano nun organismo público de Investigación radicado en Galicia, a determinar pola persoa que ocupe o posto.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Unha trintena de docentes de toda España coñece o modelo de éxito da formación profesional galega

Novas Consellería de Educación - Mar, 21/05/2024 - 14:42

Summary: 

A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, amosa aos visitantes o Centro Galego da Innovación da Formación Profesional Eduardo Barreiros, en Ourense

Os docentes participantes acuden a cinco centros máis ata o xoves en Lugo, Pontevedra, Santiago e A Coruña para descubrir a oferta educativa da Xunta

Idioma Gallego

Unha delegación de 31 docentes procedentes de toda España, participantes no proxecto FP Innovación, visitaron hoxe o Centro Galego da Innovación da Formación Profesional CGIFP Eduardo Barreiros acompañados pola directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez. A súa estadía en Galicia ten como fin coñecer o modelo de éxito da Formación Profesional galega.

A delegación, composta polos responsables de Aulas de Emprendemento das comunidades de Andalucía, Cataluña, Canarias, Comunidade Valenciana e Murcia, ademais de Ceuta, descubriu de primeira man o funcionamento do modelo galego, un referente ante a sociedade española debido ás posibilidades de innovación e colaboración entre os ámbitos educativo-formativo e produtivo para o desenvolvemento de novas capacidades nas empresas, aproveitando o capital humano e a experiencia dos centros galegos de Formación Profesional. “É un orgullo poder compartir cos compañeiros de toda España o noso sistema e a nosa gran oferta educativa”, sinalou a representante da Consellería de Educación.

Esta visita, que se prolongará ata o xoves, enmárcase no proxecto FP Innovación que realiza  diferentes actividades onde se fomentan as competencias técnicas, dixitais e transversais, poñendo o foco en formar e informar de xeito integral ao alumnado e ao profesorado de Formación Profesional de toda España.

O proxecto desenvolve diferentes accións enfocadas na formación, actividades experienciais, asesoramento e aplicacións de novas tecnoloxías coa intención de trasladar coñecementos, ferramentas e recursos ao ecosistema educativo. O obxectivo final é apoiar o crecemento e o benestar da comunidade de centros, docentes e alumnado deste ámbito.

Ruta polos centros da Rede de Excelencia

Ademais de ir a este centro ourensán, os profesionais tamén visitarán cinco centros que forman parte da Rede de Excelencia Estatal. Esta tarde coñecerán o Centro Integrado de FP CIFP As Mercedes de Lugo, destacado no sector da aeronáutica. Xa mañá, os docentes acudirán ás instalacións do CIFP Carlos Oroza de Pontevedra para descubrir a súa oferta de hostalería e o CIFP Politécnico de Santiago, brillante no eido da química.

Finalmente, o xoves adentraranse no sector da construción e a sustentabilidade enerxética no CIFP Someso da Coruña e na oferta educativa do sector sanitario do CIFP Ánxel Casal-Monte Alto da mesma cidade.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Román Rodríguez avoga por aproveitar as oportunidades da intelixencia artificial na formación do alumnado

Novas Consellería de Educación - Mar, 21/05/2024 - 13:01

Summary: 

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP inaugura o Seminario Transformación dixital e intelixencia artificial na educación, organizado pola Xunta e a Organización de Estados Iberoamericanos

O encontro conta coa participación de expertos de toda España, entre os que se atopa unha ampla representación galega

Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, inaugurou o Seminario Transformación dixital e intelixencia artificial na educación, organizado pola Xunta de Galicia en colaboración coa Organización de Estados Iberoamericanos para a educación, a ciencia e a cultura (OEI). “Debemos aproveitar as oportunidades da intelixencia artificial na educación para impulsar a formación do alumnado e evitar, así, que se produza unha fenda dixital con respecto á propia actividade profesional”, apuntou Román Rodríguez.

Dirixido principalmente a profesores de Secundaria de todas as especialidades, este encontro aborda hoxe os desafíos educativos aos que se enfrontan docentes e alumnado na actualidade, para o que é necesario “realizar un traballo de reflexión e análise para que comprendamos a repercusión da intelixencia artificial, entendéndoa como unha ferramenta fundamental na innovación educativa”, engadiu o representante da Xunta.

Durante a súa intervención, Román Rodríguez, acompañado pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, puxo o foco na importancia desta integración paulatina a través das formacións docentes, xa que a “función última da educación é asegurar que o alumnado se integre positivamente na sociedade  e participe activamente nela, onde as novas tecnoloxías teñen un papel fundamental e, polo tanto, tamén deben telo nos centros educativos”.

Nesta materia, dixo o titular de Educación, “xa traballa o Goberno galego a través do programa de Polos Creativos, do proxecto EdugalIA, da acreditación de Competencia Dixital de alumnado e profesorado ou da implantación este curso das novas materias de Intelixencia artificial para a sociedade en 4º da ESO e Tecnoloxías intelixentes en 1º de Bacharelato”.

Programa e participantes

Coa participación de 14 expertos en investigacións sobre intelixencia artificial e a transformación dixital, a Consellería de Educación e a OEI buscan crear diálogos entre diferentes perfís investigadores e docentes de toda España con experiencia iberoamericana para adquirir novas ideas de aplicación nas respectivas comunidades autónomas. O encontro poderá seguirse de maneira online a través da canle de YouTube de Educación da Xunta.

Os asistentes coñeceron na mesa redonda Unha IA para todos ou todos para unha sola IA? IA, inclusión e o papel da tecnoloxía no aprendizaxe a opinión nesta materia da profesora de deseño dixital da Universidade Alfonso X, Clara Cordero; da investigadora do CiTIUS e profesora da Universidade de Santiago, Eva Cernadas; da coordinadora educativa en Escuela 21, Vanessa Lusa, e da enxeñeira Superior de Telecomunicacións, Beatriz Arias.

A responsable da liña de matemáticas e computación en EduCaixa, Marta García; o coordinador do máster de Liderado e Innovación Educativa da Universidade Ramón Llull, Miguel Ángel Prats; o catedrático e investigador en IA na Universidade da Coruña, Francisco Bellas; o investigador do Innovation Hub, Juan Freire, e o investigador do CiTIUS, Alejandro Catalá, falan sobre Non todo é IA: como saber se unha tecnoloxía serve na miña clase.

Pola súa parte, o catedrático da Universidade de Santiago na área de Ciencia da Computación e IA no CiTIUS, Alberto José Bugarín, expón ante o público as ideas da súa conferencia De que falamos cando falamos de intelixencia artificial Responsable?. O seminario remata coa mesa de diálogo Que significa ser docente na era da IA? da man do profesor da Universitat Politècnica de Catalunya, Toni Hernández; o profesor da Universidade Alfonso X, Vicent Gadea, e os docentes en intelixencia artificial, Josefa Paulos e Óscar Manuel Rey.

Este seminario educativo terá o seu colofón final o martes, 28 de maio, en horario de 16,00 a 19,00 horas de maneira online coa conferencia IA e ferramentas dixitais para ambientes innovadores de aprendizaxe impartido polo docente de matemáticas Álvaro Molina. Os asistentes poderán coñecer claves sobre o aprendizaxe automático na aula, metodoloxías activas, consideracións éticas e avaliacións con intelixencia artificial.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Ampliación do prazo para solicitar a acreditación das competencias dixitais das persoas que obtivesen o título de educación secundaria obrigatoria nos cursos 2021/22 ou 2022/23 tendo participado no programa E-Dixgal nun mínimo de tres cursos

Novas Consellería de Educación - Mar, 21/05/2024 - 10:47
Idioma Gallego

Amplíase ata o 7 de xuño o prazo para  solicitar a acreditación das competencias dixitais das persoas que obtivesen o título de educación secundaria obrigatoria nos cursos 2021/22 ou 2022/23 tendo participado no programa E-Dixgal nun mínimo de tres cursos segundo a Disposición adicional segunda da Resolución do 28 de febreiro de 2024, da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, pola que se ditan instrucións para a acreditación das competencias- dixitais do alumnado que cursa ensinanzas de educación secundaria obrigatoria e bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia no curso 2023/24.

 

Tema: 

Información xeral Competencia Dixital Programas e plans

Ensinanza: 

Educación secundaria obrigatoria

Departamento: 

Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa Subdirección Xeral de Ordenación, Inclusión e Innovación Educativa

Colectivo: 

Alumnado Familias Centros

Sección: 

Boletín Portada de boletín

A Xunta eleva a máis de 14M€ o investimento no Campus Industrial de Ferrol tras unha nova inxección de 6,6M€ para accións estratéxicas ata 2028

Novas Consellería de Educación - Lun, 20/05/2024 - 20:50

Summary: 

O Consello da Xunta autoriza o convenio de financiamento coa Universidade da Coruña logo de que o campus ferrolán renovara a súa acreditación de excelencia

Ao abeiro deste acordo, o campus deberá afondar en actuacións concretas no eido da investigación, a internacionalización e a transferencia do coñecemento

Trátase de que afiance unha identidade propia ligada ás potencialidades económicas da contorna como son os sectores naval, oceánico e industrial

Idioma Gallego

A Xunta de Galicia inxecta un total de 6.644.000 euros no Campus Industrial de Ferrol ata 2028, o que posibilitará afianzar e incrementar accións estratéxicas de investigación, internacionalización, transferencia de coñecemento, docencia, oferta formativa e gobernanza, entre outras.

O Consello da Xunta autorizou hoxe un convenio de colaboración entre a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e a Universidade da Coruña (UdC) para o desenvolvemento de iniciativas que permitan seguir dotando o Campus Industrial dunha identidade propia, ligada ás potencialidades económicas da súa contorna e darlle maior visibilidade no contexto nacional e internacional.

Este novo investimento público de máis de 6,6M€ para os vindeiros catro anos súmase aos 7,7M€ que xa leva destinados a Xunta neste campus desde que arrancou como proxecto no ano 2015, polo que o montante global de orzamento do Goberno autonómico supera xa os 14M€.

A nova inxección orzamentaria formalízase logo de que Campus Industrial de Ferrol veña de acadar a renovación do selo de excelencia como campus de especialización acreditado do Sistema Universitario de Galicia para os próximos anos, un recoñecemento de calidade impulsado pola Xunta de Galicia que ten como obxectivo fortalecer as estruturas de campus non centrais aproveitando as súas potencialidades e facéndoos máis competitivos e especializados.

Así pois, para seguir desenvolvendo accións vinculadas aos obxectivos fixados nesta renovación, o campus deberá enfocarse en continuar na senda da especialización que lle permita acadar unha mellora substantiva nos diferentes ámbitos de actuación que resultan esenciais para nutrir as empresas da contorna, liderar liñas de enxeñaría aditiva e fabricación 4.0 a nivel nacional e aumentar a súa dimensión internacional.

Captación de talento e produción científica

Nesta nova etapa e grazas ao apoio da Xunta de Galicia, ao abeiro deste convenio, o Campus Industrial deberá poñer en marcha liñas de actuación concretas no eido da investigación enfocadas á captación e retención de talento, á produción científico-técnica, accións de apoio á axenda científica, mellora do equipamento especializado en industria intelixente e un programa de doutoramento industrial.

No eido da transferencia, as novas accións céntranse nunha unidade de relación industrial e na xestión e comercialización de patentes; mentres que no apartado de internacionalización figura a creación dunha unidade de relación internacional ou un programa de mobilidade internacional do Persoal Docente Investigador.

Así mesmo, no eido da docencia e oferta formativa, implementarase un plan de formación continua en industria intelixente, un estudo da demanda de necesidades formativas e da empregabilidade e programa de seminarios especializados, entre outros. Finalmente, o acordo tamén contempla accións no eido da gobernanza (vinculadas á mellora da xestión) e de comunicación e difusión da produción do campus.

O primeiro con este selo de calidade

O Campus Industrial de Ferrol foi o primeiro de España e de Galicia en obter este selo de calidade e tamén é o primeiro en acadar a súa renovación.

Isto garante un financiamento estable por parte da Xunta de Galicia para este campus que arrancou como proxecto en 2015 e que en marzo de 2021 obtivo a acreditación de especialización cun enfoque estratéxico ligado ao sector naval, oceánico e industrial, dos que derivan as demais áreas de especialización do campus.

Isto permitiulle, entre outros efectos, potenciar as súas estruturas de investigación e estreitar as relacións coas empresas da contorna, o que repercutirá no desenvolvemento da cidade.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Quince centros galegos participarán na primeira Feira de Educación, Formación e Emprego de Lugo os días 23 e 24 de maio

Novas Consellería de Educación - Lun, 20/05/2024 - 20:41

Summary: 

A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participan na presentación deste evento educativo

O obxectivo desta cita é proporcionar información, asesoramento e orientación ao alumnado, familias, centros e empresas

Idioma Gallego

A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participaron hoxe na presentación da I Feira de Educación, Formación e Emprego de Lugo, que se celebrará os días 23 e 24 de maio no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo na que toman parte 15 centros educativos.

O obxectivo deste evento, organizado polo Pazo de Feiras e Congresos de Lugo e coorganizado pola Xunta de Galicia, é proporcionar información, asesoramento e orientación para facilitar unha adecuada elección a todas aquelas persoas que se atopan ante a toma de decisións do seu futuro profesional, así como facilitar as ferramentas necesarias para que os estudantes poidan decidir eficazmente o seu futuro formativo e profesional. Poderán facelo acompañados das súas familias, que encontrarán nesta feira unha oportunidade para coñecer as diferentes ofertas formativas ao seu dispor.

Dirixida a alumnado, familias, profesionais do ensino, centros educativos, formadores, empresas do sector e público en xeral, a feira ten en conta os intereses tanto dos mozos que comezarán os seus estudo superiores ou profesionais como a daqueles profesionais en situación de desemprego.

Do mesmo xeito, os expositores queren servir de escaparate para que as persoas que se acheguen poidan coñecer unha ampla mostra de centros educativos e formativos, empresas, asociacións e entidades que dean resposta ás necesidades de formación que os estudantes precisan para o seu futuro laboral.

A Xunta de Galicia, a través dos 15 centros participantes, quere amosar o potencial da FP e a ampla variedade de familias profesionais e ofertas dispoñibles que existen no sistema educativo galego, tamén nas ensinanzas de réxime especial.

Deste xeito, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP estará representada polos centros integrados de FP CIFP As Mercedes (Lugo), CIFP Politécnico de Lugo e CIFP Porta da Auga (Ribadeo); polos institutos IES Monte Castelo (Burela), IES da Terra Chá, José Trapero Pardo (Castro de Rei), IES de Foz (Foz), IES Sanxillao (Lugo), IES Lucus Augusti (Lugo), IES San Rosendo (Mondoñedo), IES A Pinguela (Monforte de Lemos) e IES Río Cabe (Monforte de Lemos); polo Conservatorio Profesional de Danza de Lugo, o Conservatorio de Música Xoán Montes (Lugo), a Escola Oficial de Idiomas de Lugo e a Escola de Artes e Superior de Deseño Ramón Falcón.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Xunta e Universidade de Vigo ultiman as primeiras actuacións de impulso do Campus Auga de Ourense como campus especializado

Novas Consellería de Educación - Lun, 20/05/2024 - 14:36

Summary: 

O secretario xeral de Universidades e os responsables do campus avalían as accións que se formalizarán nun convenio a través do cal o Goberno galego investirá máis de 3M€

Idioma Gallego

A Xunta de Galicia e a Universidade de Vigo (UVigo) ultiman as primeiras actuacións de impulso do Campus Auga de Ourense como campus especializado.

O secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez, mantivo hoxe unha reunión de traballo co vicerreitor do Campus de Ourense, Francisco Javier Rodríguez, co director do Campus Auga, Roberto Fernández, e co xestor, Roberto Villar, para avaliar o desenvolvemento de accións específicas que se recollerán no convenio a través do cal o Goberno galego inxectará máis de 3M€ para levalas a cabo.

Na xuntanza abordáronse cuestións relativas á docencia enfocadas a potenciar a oferta formativa, a empregabilidade e a internacionalización; á investigación para fortalecer a captación de talento; á transferencia e innovación e á gobernanza.

Cómpre lembrar que o Campus Auga de Ourense vén de acadar acreditación como campus de especialización para o período 2024-26, polo que é o terceiro campus do Sistema Universitario Galego que acada este recoñecemento, tras o Industrial de Ferrol e o Campus Terra de Lugo. Isto, na práctica, supón contar cun financiamento específico por parte da Xunta de Galicia que superará os 3M€ para dito período. Esta contía sumarase aos case 8,5 que leva investido o Goberno autonómico desde 2013 que arrancou como proxecto.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Convocatoria do fondo solidario de libros de texto e axudas para adquirir libros de texto e material escolar destinadas ao alumnado matriculado en educación primaria, ESO e educación especial para o curso escolar 2024/25

Novas Consellería de Educación - Lun, 20/05/2024 - 10:45
Idioma Gallego

Orde do 7 de maio de 2024 pola que se regula a participación no fondo solidario de libros de texto e se convocan as axudas para adquirir libros de texto e material escolar destinadas ao alumnado matriculado en educación primaria, educación secundaria obrigatoria e educación especial en centros docentes sostidos con fondos públicos para o curso escolar 2024/25 (códigos de procedemento ED330B, ED330G e ED330H).

  • As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado (ED330B - anexos I e II) accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia.
  • Opcionalmente, poderán presentarse presencialmente nos centros docentes ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
  • Os solicitantes das axudas deben cubrir unicamente os anexos I e II do procedemento ED330B e presentar a documentación necesaria.
  • Os anexos para a súa presentación presencial tamén poden descargarse neste enlace: Anexos I e II en pdf.

 

File: 

Orde do 7 de maio de 2024 (DOG) Extracto da Orde do 7 de maio de 2024 (DOG)

Servizo relacionado: 

Fondolibros

Tema: 

Axudas libros de texto Fondo solidario

Ensinanza: 

Educación primaria Educación secundaria obrigatoria

Departamento: 

Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos Subdirección Xeral de Centros

Colectivo: 

Alumnado Familias Centros

Sección: 

Boletín Portada de boletín

Resolución pola que se designan os membros e se fai pública a composición do tribunal que elaborará, supervisará e avaliará a proba para a concesión dos premios extraordinarios de bacharelato correspondentes ao curso 2023/24

Novas Consellería de Educación - Lun, 20/05/2024 - 10:35
Idioma Gallego

Xúntase a Resolución do 8 de maio de 2024, da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, pola que se designan os membros e se fai pública a composición do tribunal que elaborará, supervisará e avaliará a proba para a concesión dos premios extraordinarios de bacharelato correspondentes ao curso 2023/24, e se ditan instrucións para a realización da proba correspondente.

 

Anuncio principal: 

Convocatoria dos premios extraordinarios de bacharelato correspondentes ao curso 2023/24

Servizo relacionado: 

Premios ao alumnado

Tema: 

Axudas e premios Premios autonómicos

Ensinanza: 

Bacharelato

Departamento: 

Subdirección Xeral de Inspección e Avaliación do Sistema Educativo Servizo de Avaliación do Sistema Educativo

Colectivo: 

Alumnado Centros
Distribuir contido

Back to top