Skip to Content

Concurso de relatos 25 de novembro

O Concello e mailo CPI de San Sadurniño volven promover o Concurso de relatos 25 de novembro, co que se busca que a rapazada reflexione sobre a igualdade a través da escritura. Este ano presentáronse un total de 16 obras que xa están expostas na Casa da Cultura. Son unha mostra de creatividade literaria con mensaxe, pero tamén o triste recordatorio de que a violencia contra as mulleres e a desigualdade dos xéneros son dous dos grandes problemas aos que a sociedade lles debe dar solución. As Nacións Unidas estiman que alomenos un 70 por cento da poboación feminina mundial sufriu ou sufrirá algún tipo de agresión ao longo da súa vida.

A exposición das obras escritas polos cativos e cativas de 3º e 4º da ESO permanecerá aberta ata o 31 de novembro no recibidor da Casa da Cultura. Na organización do concurso implicáronse o departamento municipal de Igualdade e Equipo de Dinamización da Lingua do CPI. Os premios entregaranse o próximo luns 25 de novembro, Día internacional da Eliminación da violencia contra a muller, a partir das 16.30h. como colofón aos actos dunha xornada que arrancará xa pola mañá.

O alumnado de segundo da ESO participará entre as 9.30 e as 10.20h. na plantación simbólica de flores cos nomes das mulleres falecidas no que vai de ano vítimas da violencia de xénero. Un xesto que repetirán as rapazas e rapaces de primeiro curso entre as 10.20 e as 11. Trátase dunha homenaxe que se desenvolverá nos parterres da Casa do Concello e na que participan Viveiros Florgalicia e Viveiros Horjales - A Casa da planta.

Xa pola tarde, a iso das 15.20h. a compañía teatral Lisístrata traerá á Casa da Cultura as súas Verbas contra a violencia feminina, na que se xuntan poesía, teatro e prosa para denunciar a violencia contra as mulleres, homenaxear ás que xa non están e apoiar ás que están sufrindo esta lacra social. É un espectáculo en forma de recital e audiovisual que, segundo Lisístrata, "pretende remover o máis íntimo as conciencias".

Ao remate da obra darase a coñecer o fallo do xurado do concurso de relatos e entregaranse os premios: unha tablet para o primeiro, o libro Faneca Brava para o segundo e a obra Penúltimas tendencias para o terceiro.



blog | by Dr. Radut