Skip to Content

Manuel Landeira, in memoriam

25/05/2023 17:03
Europe/Madrid

Manuel Landeira 

Vimos de ter coñecemento do pasamento do mestre e compañeiro Manuel Landeira, e dende o colexio no que tan duro traballou coma docente e director, queremos rendirlle unha sinxela e sentida homenaxe.

Landeira, tal e como o coñeceron alumnado e familias, veu traballar á Baña como mestre da escola unitaria de Lañas, na cal se ocupaba dos nenos, nun tempo en que o alumnado estaba segregado por sexos. 

Cando se produciu en 1976 o agrupamento escolar de todo o alumnado disperso polas diferentes unitarias das 15 parroquias do noso concello no novo colexio de San Vicente, Landeira incorporouse ao mesmo xunto con moitas e moitos outros mestres, que estrearon edificio escolar e tamén a ilusión dun novo proxecto educativo que liderou coma director ata 1988, ano en que decidiu continuar a súa labor docente noutro destino.

Moitas son as veciñas e veciños, agora pais e nais do noso alumnado, que recordan con admiración e cariño a Landeira, como o recordamos tamén as docentes e agora xa ex-alumnos e alumnas do CPI que participamos na creación da película documental Facendo Escola, un percorrido pola historia da educación no noso concello, no cal colaborou xenerosamente Manuel Landeira, contándonos as súas experiencias coma mestre, tanto na unitaria de Lañas coma no colexio integrado de San Vicente, dos cales gardaba un fermoso e grato recordo. 

Pensamos que non hai mellor homenaxe que recordar as súas palabras no noso documental e con el expresar o noso cariño e acompañamento aos seus familiares e amizades neste día de despedida. 

 



story | by Dr. Radut