Skip to Content

Dirección

Publicacións informativas da dirección do centro.

URXENTE: PRECISAMOS COLABORADORAS/ES PARA O COMEDOR ESCOLAR

02/09/2020 07:55
Europe/Madrid

 

Para o correcto desenvolvemento do servizo de comedor escolar recisamos con urxencia:

  • dúas nais/pais colaboradores para o comedor escolar de Infantil e Primaria
  • Dúas nais/pais colaboradoras para o comedor de ESO (só mércores).

As persoas interesadas, cubride o documento anexo e entregádeo no colexio ou enviádeo por correo electrónico (cpi.san.vicente@edu.xunta.gal) antes do 9 de setembro

Moitas grazas!

 

 

NORMAS PARA AS REUNIÓNS DE INICIO DE CURSO

01/09/2020 22:11
Europe/Madrid

En cumprimento do Plan de adaptación ao contexto COVID-19 para o curso 2020-2021 e mentres non se produzan cambios na situación sociosanitaria, pola saúde e coidado de todos, pregamos que as nais e pais que acudan ás reunións de inicio de curso respecten as seguintes normas:

  • Traede posta a vosa máscara.
  • Accedede ao salón de actos, no edificio de Infantil, polo portalón de Infantil ou a través do patio exterior de ESO. Sen acceder ao interior do edificio principal salvo que sexa necesario para outras xestións administrativas.
  • Vide un único adulto por familia.
  • Ocupade os asentos libres (deixando sen ocupar os que están sinalados cun X vermello).
  • Respectade a distancia interpersoal de 1,5 m.
  • Dado que o aforo do salón é limitado, se pode ser, deixade as crianzas na casa.

Moitísimas grazas pola vosa comprensión e colaboración.

Se te coidas ti, coidámonos todos!

PRESENTACIÓN DO CURSO 20-21 E PLAN DE ADAPTACIÓN AO CONTEXTO COVID

25/08/2020 10:03
Europe/Madrid

Aproxímase a data de inicio de curso e, dadas as circunstancias especiais deste curso que iniciamos,  a dirección do centro convoca a todas as familias a unha reunión informativa, antes do inicio das clases, na cal se vos presentará o Plan de adaptación ao contexto COVID, as normas de funcionamento, a organización das aulas, recreos e comedor e se vos aclararán todas as dúbidas ou precupacións que poidades ter ao respecto da prevención e as posibles incidencias sanitarias. 

Así mesmo, dende a dirección do centro queremos aproveitar para transmitirvos unha mensaxe de tranquilidade e garantizarvos que o colexio está preparado para unha volta segura á vida escolar.

Se nos coidamos todos e respectamos as normas, todo irá ben. 

As datas e horas de celebración das reunións de presentación son as seguintes:

 

Mércores 2 de setembro

10:00 h

Acollida 4º EI

Mércores 2 de setembro

12:00 h

5º e 6º de EI

Xoves 3 de setembro

10:00 h

1º e 2º de EP

Venres 4 de setembro

10:00 h

3º e 4º de EP

Luns 7 de setembro

10:00 h

5º e 6º de EP

Luns 14 de setembro

10:00 h

Acollida 1º ESO

Luns 14 de setembro

12:00 h

2º, 3º e 4º de ESO

 

As reunións, en función do número de asistentes, desenvolveranse no Salón de Actos (no edificio de Infantil) ou no espazo multiusos, ao que se accederá dende o patio exterior, e gardando as normas de desinfección de mans, distancia social e uso de máscaras establecidas.

Se non podedes asistir podedes participar na reunión de xeito telemático a través de videoconferencia. Para solicitar esta modalidade de participación só precisamos que nos remitades un correo electrónico a cpi.san.vicente@edu.xunta.gal solicitando participar na reunión informativa de xeito telemático. Unha vez recibida a vosa solicitude enviarémosvos ao voso correo electrónico unha invitación á reunión a víspera da mesma.

 

APERTURA DO PRAZO DE ADMISIÓN PARA COLABORADORES VOLUNTARIOS NO COMEDOR ESCOLAR

23/06/2020 17:49
Europe/Madrid

Queres colaborar na atención do comedor escolar?

As nais, pais, titores legais do noso centro que desexen colaborar de xeito voluntario nas tarefas de atención e apoio aos escolares usuarios do comedor escolar, poderán apuntarse nas listas de admisión que se atopan na Dirección do Centro.

Precisamos colaboradoras/es para o comedor de Infantil e Primaria de luns a venres e para a quenda de comedor de ESO dos mércores.

O prazo para presentar solicitudes estará aberto ata o 11 de setembro de 2020.

Se estás interesada/o en colaborar con nós, cubre a solicitude adxunta e entrégaa no centro en horario de 09:00 a 14:00 antes do 11 de setembro.

Moitas grazas!

 

 

ACLARACIÓNS RELATIVAS AO DESENVOLVEMENTO DO 3.º TRIMESTRE, A RECUPERACIÓN, A PROMOCIÓN E A TITULACIÓN DO ALUMNADO DE EDUCACIÓN PRIMARIA E ESO

29/04/2020 10:56
Europe/Madrid

Dada a confusión reinante sobre o desenvolvemento do 3.º trimestre e o final do curso 2019-20, a dirección do CPI de San Vicente considera necesario aclarar varios puntos:

  • Todo o alumnado debe continuar coa actividade lectiva de modo non presencial (ou presencial, no caso de rematar o confinamento antes que o curso escolar), co fin de minimizar os prexuízos que esta situación poida provocar na súa formación. Esta actividade poderá repercutir positivamente na súa cualificación final.
  • Non vai haber aprobado xeral: só se flexibilizarán os criterios de promoción e titulación, de forma que as repeticións de curso sexan excepcionais (pero posibles).
  • Na ESO haberá convocatoria de avaliación extraordinaria en setembro, coma sempre.
  • O alumnado de ESO que suspendera algunha materia no 1.º e/ou o 2.º trimestre deberá seguir co plan de recuperación establecido na correspondente programación didáctica; é dicir, deberá realizar as actividades que o profesorado lle indique e/ou preparar un exame de recuperación para o mes de xuño, segundo a materia. No caso dos exames, se finalmente estes non se puidesen realizar no centro, serán adaptados ou substituídos por outros procedementos de avaliación dos cales se informará coa debida antelación.
  • O alumnado de ESO que ten materias pendentes de cursos anteriores: deberá seguir co plan de recuperación establecido. Neste caso, os exames realizaríanse a comezos do mes de xuño, e non en maio como estaba previsto.
  • A información básica sobre a adaptación das programacións didácticas para o remate do curso 2019-20 (tanto de aprendizaxes e competencias como de criterios de avaliación e cualificación) será publicada nesta web a mediados do mes de maio.

 

As instrucións definitivas da Consellaría de Educación sobre o desenvolvemento do 3.º trimestre deste curso pódense consultar aquí: https://www.edu.xunta.gal/portal/node/30936

Comunicado do 13 de abril de 2020 sobre as medidas a adoptar en relación co inicio do terceiro trimestre

13/04/2020 19:25
Europe/Madrid

Con motivo do mantemento da situación de emerxencia de saúde pública causada polo COVID-19, e conseguinte suspensión da actividade lectiva presencial desde o pasado 13 de marzo,  unha vez rematadas as vacacións de semana santa e coa finalidade que os centros educativos poidan iniciar a organización da súa actividade neste terceiro trimestre:

1.- A actividade lectiva non presencial continuarase, con carácter xeral, mediante repaso, reforzo e recuperación do traballo desenvolvido, centrándose na adquisición das competencias clave. Así mesmo, os centros educativos avaliarán as medidas a adoptar para a atención ao seu alumnado con maiores dificultades de acceso á educación no actual contexto. 

2.- Unha vez teña lugar a xuntanza da Conferencia Sectorial de Educación, prevista para o vindeiro mércores, 15 de abril, na que participan o Ministerio de Educación e Formación Profesional e as Comunidades Autónomas, coa finalidade de coordinar as medidas concretas a adoptar para o desenvolvemento do terceiro trimestre e final do curso 2019/2020, ditaranse as instrucións que procedan.

PRÉSTAMO DE 3 PORTÁTILES CON CONEXIÓN A INTERNET

02/04/2020 15:50
03/04/2020 20:50
Europe/Madrid

O Consello da Xunta acordou na súa última xuntanza poñer a disposición dun milleiro de familias con dificultades de conexión, un ordenador portátil e unha conexión á rede, para facilitarlle a este alumnado o seguimento da actividade educativa.

Esta medida está dirixida a alumnado de Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional.

O CPI de San Vicente ven de recibir tres equipos, que se facilitarán no día de mañá como préstamo persoal ata que remate o presente curso escolar.

A dirección deste centro, seguindo os criterios que nos indicou a Consellaría de Educación, seleccionou as 3 familias de ESO beneficiarias desta axuda, sendo conscientes de que esta medida é insuficiente para atender a todas as familias que o precisarían e tan apurada que nos forzou a tomar unha decisión rápida, dado que temos que entregar os equipos antes das vacacións, tal e como tamén se nos indica nas instrucións da Consellaría.

Esperamos que se amplíen estas medidas á volta das vacacións e que o noso alumnado poda resultar beneficiado de novo.

De todas as novidades que se produzan teredes información actualizada nesta páxina web.

A dirección deste centro quere tamén dar as grazas a todas as familias pola súa comprensión e colaboración nestes momentos tan difíciles e transmitirlles todo o apoio e o ánimo posible, desexando que a normalidade non tarde en voltar ás nosas vidas.

ANUNCIO AXUDAS COMEDOR ESCOLAR

30/03/2020 15:38
Europe/Madrid

CONVOCADAS AXUDAS A USUARIOS DE COMEDOR ESCOLAR

A Consellaría de Educación convoca axudas para as familias dos usuarios do comedor escolar beneficiarios da bolsa de comedor (gratuidade total ou cota dun euro/día), con motivo da suspensión da actividade polo coronavirus COVID-19.

A quen vai dirixida a axuda?

As familias con un ou máis fillas/os escolarizados no centro que teñan a condición de comensais gratuítos ou pagadores de 1 euro.

 En que consiste a axuda?

Nunha compensación por alimentos do custo diario do menú por comensal por cada día lectivo de suspensión da prestación do servizo como consecuencia das medidas adoptadas pola pandemia COVID-19.

Cal é o importe das axudas?

  • 2,50 € por día no caso de alumnado de gratuidade total.
  • 1,50 € por día no caso de alumnado que paga 1 €.

Cantos días cubre esta axuda?

  • Marzo: dende o día 16 ata o 31 de marzo: 11 días lectivos de comedor de Infantil e Primaria, 2 días de comedor de ESO.
  • Abril: dende o 1 ao 3 de abril: 3 días de comedor de Infantil e Primaria, 1 día de comedor de ESO.

Como se vai pagar a axuda?

En dous pagamentos:

: polo período comprendido entre o 16 de marzo e o 3 de abril

: se se prorrogase a situación de alarma ata o 1 de maio.

Solicitudes. Lugar e prazo

Prazo: do 31 de marzo ao 6 de abril, ambos inclusive.

Presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos do seguinte xeito:

1. Se contas cun CERTIFICADO DIXITAL ou CHAVE 365

 

2. Se non contas con CERTIFICADO DIXITAL ou CLAVE 365

-Nome do alumno/a

-Nome do pai/nai que solicita

-DNI do pai/nai que solicita

-Número de conta bancaria (IBAN)

Se che é máis doado, podes apuntar eses datos nun papel con letra clara, facer unha foto e enviárnola por correo electrónico dende o teu teléfono móbil.

3. Se tes dificultades para o envío do correo electrónico

Chama ao teléfono 881867004, en horario de 10:00 a 13:00 e tomaremos nota dos datos por teléfono. (Pregamos paciencia, se a liña está ocupada, e que acodades a esta opción como última solución.)

Resolución:

O prazo máximo de resolución será de 10 días desde que finalice o prazo de presentación de solicitudes. En canto saia publicada será anuncianda nesta páxina web.

Entenderase como medio de notificación da concesión o aboamento da axuda na conta bancaria do beneficiario.

 

Pagamento:

Nun prazo máximo de 5 días despois da resolución.

(No documento adxunto tedes o texto da convocatoria: Orde do 27 de marzo de 2020).

 

AVISO FAMILIAS: AVALIACIÓN DO SEGUNDO TRIMESTRE

27/03/2020 20:12
Europe/Madrid

AVISO IMPORTANTE

Estimadas familias, 

As direccións dos centros educativos de Galicia vimos d recibir unhas INSTRUCIÓNS SOBRE A CONCRECIÓN DE MEDIDAS A ADOPTAR EN RELACIÓN COA AVALIACIÓN DO SEGUNDO TRIMESTRE.

Nestas instrucións se nos indica que procedamos a formalizar o peche da avaliación do segundo trimestre antes do venres 3 de abril

Tamén se nos informa de que "non serán avaliables as actividades relacionadas cos contidos curriculares realizadas polo alumnado con posterioridade á data de declaración do estado de alarma", é dicir, que as cualificacións dos vosos fillos e fillas obteranse a partir das tarefas, acitividades e probas realizadas con anterioridade ao venres 13 de marzo. 

Debido ás medidas de confinamento establecidas polo Goberno de España, non se poderán recoller no centro os boletíns de notas. Isto significa que só poderedes coñecer as cualificacións dos vosos fillos e fillas a traves do Espazo Abalar

A descarga da aplicación Abalar Móbil faise de xeito sinxelo desde Apple store (se o sistema operativo é IOS) ou desde Play Store (se o sistema operativo é Android). A instalación é moi sinxela dado que só vos pedirá o voso DNI e logo vos proporcionará un contrasinal que vos permitirá acceder sen dificultade a toda a información académica dos vosos fillos e fillas. 

abalar mobil

Se non queredes instalar a aplicación, tamén podedes acceder á información académica dos voso fillos na páxina de Espazo Abalar. Neste caso, teredes que identificarvos con DNI electrónico ou Certificado da CNMT. 

Grazas pola vosa comprensión e, ante calquera dúbida:

  • escribide á nosa dirección de correo-e: cpi.san.vicente@edu.xunta.gal
  • chamade ao 881867001/881867004 de luns a venres de 10:00 a 13:00.

 

Distribuir contido


by Dr. Radut