Skip to Content

contador gratis para blog

ABRE A BIBLIOTECA!!!

O próximo 25 de outubro abrimos as portas da vosa biblioteca escolar.

Por mor da covid non poderemos festexalo como nos gustaría: conxuntamente; así que iredes vindo consonte o horario estabelecido en cada grupo.           

                                 

En Primaria retomamos as "mochilas viaxeiras", que entregaremos en cada aula ao longo de semana, para que gocedes nas vosas casas de lecturas e filmes no tempo de lecer en familia.

Ao tempo, reactivamos o "pasaporte lector", que premiará as vosas lecturas cun pequeno agasallo.

Abrimos nesta data para coincidirmos (case, fallounos o festivo dominical, ui!) o Día das Bibliotecas, que se conmemora cada ano o 24 de outubro desde 1997, data da tráxica historia acontecida á biblioteca de Saraxevo durante a guerra dos Balcáns. Os esforzos por recuperar os restos da desfeita poden coñecerse nesta reportaxe de pouco máis de 6 minutiños:

Bosnia-Herzegovina: os libros rescatados de Saraxevo.

Os máis pequechos podedes entrar nestoutra ligazón, a un vídeo de animación no que se amosan as vantaxes e os perigos dos libros cando non saben usarse ao xeito:

El increíble niño comelibros.

E para os que prefiran a beleza plástica e musical, velaquí estoutra curtametraxe de animación:

Rachaelefo.

PLAN ADAPTACIÓN COVID CPI VIRXE DA SALETA- SETEMBRO 2021- version 5

Nova versión do PLAN DE ADAPTACIÓN AO CONTEXTO COVID do centro que compartimos con toda a comunidade educativa, onde se recollen novas MODIFICACIÓNS, nesta ocasión identifícanse de cor VERDE.

 

Menú Escolar OUTUBRO 2021

Información sobre pagamento do comedor escolar

Información abono das cotas aos usuarios que teñen que pagaro Comedor Escolar


Os usuarios do comedor escolar que teñen que pagar polo uso deste servizo  terán que cubrir e facer chegar á secretaría do Centro, dentro dos 5 primeiros días do mes seguinte ao que teñen que pagar, o impreso que se xunta indicando no mes correspondente, cun “X”, os días nos que a persoa usuaria non asistiu ao comedor escolar para así descontalos.

PDF: Impreso calendario comedor.

Calendario escolar 2021-2022

Este é o calendario escolar do curso 2021-2022 no Cole de Cea
  9 setembro inicio Infantil e Primaria 
15 setembro inicio ESO
O horario deste curso será como o do ano pasado: Entrada: 9.30h Saída: L-M 16.40h / M-X-V 15.50h Horario oficinas: 9.30h a 14.30h

 
 

Saúdo do novo equipo directivo


Prezado alumnado, familias, profesorado e persoal do
Cole de Cea:
 
Este curso 2021-22 comeza cun novo equipo directivo que amosa o seu desexo e entusiasmo por estar á altura das circunstancias e seguir adiante co labor desenvolvido polo anterior equipo.
 
Sabemos que hai moitos retos por superar pero, apoiados pola comunidade educativa, seguiremos convivindo coa realidade que nos fai vivir a pandemia e proxectar unha ESCOLA DIFERENTE da que estabamos afeitos. Non obstante, aprendemos do ano pasado que a nosa misión é navegar por estas novas circunstancias transformando as dificultades en posibilidades e dar a luz novas rutinas que melloren o noso pequeno mundo.
 
O novo equipo directivo está formado por Carolina, como directora, Andrea como secretaria, Pablo como xefe de estudos de Primaria e Javier como xefe de estudos de Secundaria.
 
Un exemplo deste navegación foron as quendas de recreo e comedor escalonadas que seguiremos mantendo este curso. Outro exemplo foron os grupos de convivencia estables que conseguiron que entre alumnado e profesorado haxa unha relación máis estreita, case familiar. Este curso voltaremos a seguir coidándonos e para iso, entre outras cousas, manteremos os patios zonificados por cursos.
 
Seguiremos apoiando unha escola cada vez máis comprometida co respecto ao medio ambiente, á diversidade e que aposta polo desenvolvemento das nosas habilidades comunicativas e científicas. Así mesmo o noso proxecto educativo está asentado na idea de pór en valor O NOSO patrimonio social, cultural e humano.
Ademais, como xa sabedes, seguimos a ser un centro no que a inclusión é a nosa bandeira e seguirá sendo grazas ao traballo desenvolvido polo Departamento de Orientación e a Comisión de Convivencia e do que poderás coñecer máis detalles neste curso.
En breve enviaremos información sobre como está previsto este novo curso (entradas, saídas, horarios...), que será bastante similar ao curso pasado porque continuaremos co horario de entrada ás 9:30 e saída ás 16:40 luns e martes; e 15:50 mércores, xoves e venres.
 
Aquí comeza o #curso2122!
Unha aperta
O equipo directivo
CPI Virxe da Saleta

SOLICITUDE DA PRAZA DE COMEDOR E COLABORACIÓN curso 2021/2022

Ven de publicarse a instrucción 2/2012 que establece as liñas xerais de organización e funcionamento de comedores escolares para o vindeiro curso.

A continuación podedes descargar os documentos correspondentes para a solicitude de comedor e o impreso de colaboración; unha vez cubertos poderanse entregar no centro ata o día 16 de xullo ou do 1 ao 10 de setembro do 2021.

Achegamos tamén instruccións para cubrir o anexo II de solicitude.

 

 

DATAS PUBLICACIÓN DE FONDO LIBROS E AXUDAS DE MATERIAL

 

AXUDAS MATERIAL E LIBROS DE TEXTO CURSO 2021/2022

FONDO SOLIDARIO DE LIBROS DE TEXTO (3º, 4º, 5º e 6º de EP e 1º,2º,3º e 4º de ESO)

Listaxe provisional admitidos/excluídos: 7 de xullo de 2021

Reclamacións á listaxe provisional: 2 días seguintes á publicación da listaxe

Listaxes definitivas:

-      

3º, 4º, 5º e 6º de Educación Primaria: o 12 de xullo

-      

1º, 2, 3º e 4º de ESO: o 14 de setembro

A entrega de libros farase ao comezo do próximo curso (setembro)

 

AXUDAS PARA A ADQUISICIÓN DE LIBROS DE TEXTO (1º e 2º de EP)

A entrega de vales será do 12 ao 16 de xullo ou a partir do 1 de setembro, excepto para o alumnado de ESO que teña materias pendentes que será en setembro.

 

AXUDAS PARA A ADQUISICIÓN DE MATERIAL ESCOLAR

A entrega de vales será do 12 ao 16 de xullo ou a partir do 1 de setembro, excepto para o alumnado de ESO que teña materias pendentes que será en setembro.

 

Toda a información se pode consultar no taboleiro de anuncios do interior do Centro.

LISTAS DE LIBROS DE TEXTO PARA O CURSO 2021-2022

Nas seguintes ligazóns podedes consultar e descargar as listas de libros de texto para o vindeiro curso 2021-2022.

Libros de texto Educacion Infantil curso 2021/22

Libros de texto Educacion Primaria curso 2021/22

Libros de texto Educacion Secundaria curso 2021/22

 

Achegamos tamén o calendario para Setembro.  Pódese descargar aqui : Calendario_setembro_2021

CONVOCATORIA DO FONDO SOLIDARIO DE LIBROS DE TEXTO E AXUDAS PARA LIBROS DE TEXTO E MATERIAL ESCOLAR CURSO 2021-2022

A Consellería de Educación ven de publicar a  Orde do 6 de maio de 2021 pola que se regula  a participación no fondo solidario de libros de texto e se convocan axudas para adquirir libros de texto e material escolar destinadas ao alumnado matriculado en educación primaria, educación secundaria obrigatoria e educación especial en centros docentes sostidos con fondos públicos, para o curso escolar 2021/22.

A solicitude faise toda no mesmo Anexo: Fondo de libros, adquisición de libros e material escolar. Entregarase unha solicitude por familia. 

PRAZO E MODO DE PRESENTACIÓN

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía  telemática  no formulario normalizado (anexo I e II) dispoñible na  Sede electrónica  da Xunta de Galicia, ou accedendo á aplicación Fondolibros (https://www.edu.xunta.es/fondolibros/).

Se non se pode facer de forma telemática, as familias poderán presentala no centro. O prazo de presentación de solicitudes sera: ata o 22 de xuño de 2021.

Dada a actual situación, poderá entregar a solicitude o propio alumnado, acompañada da documentación correspondente. Se o consideran necesario, as familias poderán acudir ao centro en horario de 9:30 a 13:30. (preferentemente luns e martes por dispoñibilidade do auxiliar administrativo).

Para  evitar esperas e favorecer o distanciamento social, establécense as seguintes quendas para as familias:

- Semana do 31 de maio ao 4 de xuño - Alumnado que cursará 1º,2º ou 3º de primaria no curso 21/22

- Semana do 7 ao 11 de xuño - Alumnado que cursará 4º,5º ou 6º de primaria no curso 21/22 

- Semana do 14 ao 18 de xuño - Alumnado que cursará 1º,2º,3º ou 4º de ESO no curso 21/22   

 

FORMULARIO E DOCUMENTACIÓN QUE SE DEBE ACHEGAR

Nos vindeiros días achegarase ás familias o formulario, a través dos seus fillos (un por familia). Tamén se pode descargar o formulario normalizado accedendo á aplicación Fondolibros  (https://www.edu.xunta.es/fondolibros/).

O formulario deberá achegarse debidamente cuberto e asinado.  IMPORTANTE: O Anexos I e II deberán entregarse no centro perfectamente cubertos en TÓDOLOS seus apartados, asinando na folla 5 e 6 os membros da unidade familiar que corresponda e dando o consentimento expreso para consulta da declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas.

Ademáis dos impresos cubertos, débese entregar a seguinte documentación:

a) Libro de familia onde figuren todos os membros computables.

Só no caso de non ter libro de familia, ou se a situación familiar, a día 31 de decembro de 2019, non coincide coa reflectida no libro, terá que presentarse documento ou documentos acreditativos do número de membros da unidade familiar, tales como:

             - Sentenza xudicial de separación ou divorcio e/ou o convenio regulador onde conste a atribución da custodia do/a menor.

             - Certificado ou volante de convivencia.

             - Informe dos servizos sociais ou órgano equivalente do concello de residencia, que acredite a situación familiar.

             - Certificado de defunción

b) E de ser o caso:

              - Grao de discapacidade: Certificado acreditativo do grao de discapacidade, se non fose emitido pola Xunta de Galicia. 

              - Violencia de xénero: Acreditarase en calquera das formas que enumera o artigo 5 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero. 

              - Incapacitación xudicial coa patria potestade prorrogada ou rehabilitada: Resolución xudicial.

 

Alumnado de EE, con discapacidade ≥65% ou en tutela ou garda da Xunta de Galicia:  Certificado acreditativo do grao de discapacidade, se non fose emitido pola Xunta de Galicia ou resolución administrativa ou xudicial xustificativa do acollemento ou do certificado do centro de menores. A documentación que se achegue deberá ter validez no momento da presentación da solicitude.

 

 

Distribuir contido


by Dr. Radut