Skip to Content

contador gratis para blog

Da Paz a Rosalía

Dende o equipo da Biblioteca Ramón Caride e o Equipo de Dinamización Lingüística do Cole de Cea, convidámosvos a participar na celebración de tan senlleiras datas.

1. Cada clase poderá participar escribindo cantos poemas desexe en cartolina de xeito cooperativo entre o alumnado.

2. Todos os traballos poderán ir acompañados de debuxos para ilustrar os versos.

3. A temática sobre a que deben versar os traballos, abranguerá temas como: a paz, o respecto, a igualdade, a tolerancia ou a diversidade.

4. O prazo para participar abrirase o Día da Paz (30 de Xaneiro) e pecharase o Día de Rosalía de Castro (24 de Febreiro).

5. Cada aula participante recibirá un agasallo.

 

Un mundo en paz

Só temos un planeta.
E queremos vivilo en paz.
Feliz Día Escolar pola NonViolencia e a Paz.

Concurso de Árbores de Nadal


O Equipo de Actividades Extraescolares do Cole de Cea, organiza un Concurso de Árbores de Nadal.

Para participar só tedes que deseñar e crear unha Árbore de Nadal, elaborada con materiais procedentes da reciclaxe, a reutilización ou a natureza.

O concurso ten como obxectivo promover a participación de grandes e pequenos en familia, nunha actividade creativa que «fomenta actitudes de consumo responsable, reutilización e coidado do medioambiente».

BASES do Concurso:

Cada familia poderá presentar unha árbore, elaborada con materiais reciclados ou naturais. Se son varios irmáns poderán presentar, se o desexan, un único traballo.

As árbores que se presenten deberán ser de creación propia, podendo empregar calquera material para a elaboración das mesmas.

As árbores non poderán medir máis de 1 metro de altura e deberán ter unha base que permita manterse en pé por si soa.

Non entrarán no concurso árbores mercadas ou adornadas con obxectos mercados.

Cada árbore traerá o nome do participante oculto na base do traballo.

Todas as árbores serán expostas no cole e as familias poderán disfrutar da exposición o día do Festival de Nadal.

A data límite de entrega será o día 14 de decembro.

Os premios ás árbores gañadoras entregaranse no Festival de Nadal.

As tres árbores máis votadas obterán premio.

A árbore premiada co 1º premio, será exposta no escenario do Festival de Nadal.

Por un #nadalconcabeciña

Animádevos a participar!!!!

 

Semana da Ciencia en Galego na Biblioteca


Para conmemorar o mes da Ciencia en Galego na Biblioteca Escolar, celebraremos ao longo da derradeira semana do mes, unha serie de actividades dirixidas polos departamentos de Ciencia e Matemáticas do noso CPI.

Mart26N
Experimenta-Cea O alumnado da ESO guía ao de primaria na realización dos seus primeiros experimentos científicos.

Merc27N
Bio_Elas Dramatización da biografía de mulleres que tiveron un papel salientable no mundo.
ciencia ao longo da historia: Marie Curie, Rosalind Franklin e Henrielte Leavitt.
NeuroCea Queres saber como funciona o teu cerebro?
MaxiaCea A Ciencia pode ser algo máxico.

Ven29N
MaxiaCea A Ciencia pode ser algo máxico.

Escola Titiriteira

PROXECTO “ESCOLA TITIRITEIRA”. COLE DE CEA.

Os ultimos anos o Cole de Cea ten realizado numerosas actividades vinculadas á figura dos títeres, todos eles englobados no proxecto de centro “Escola Titiriteira”, tales como o deseño e fabricación de títeres, a construcción do escenario, ou a creación e representación de diferentes obras, a ultima delas no entroido do curso pasado.

 Seguindo nesta liña de traballo, este curso 2019-2020 o Cole de Cea vai colaborar coa asociación “Morreu o Demo”, que traballa dende o ano 2012 pola Recuperación do Títere Tradicional Galego, para dar a coñecer este patrimonio cultural.

A asociación naceu co obxectivo de investigar e afondar na recuperación do patrimonio dos títeres tradicionais en Galicia, divulgar este legado e reactivar o personaxe de Barriga Verde entre as novas xeracións.

Co seu proxecto Barriga Verde, da Barraca á aula, pretende falicitar a integración do mundo titiriteiro nas aulas.

O Cole de Cea embarcarase neste proxecto, no que se propoñen varias actividades, como o encontro co profesorado (xa previsto para o vindeiro 21 de novembro) coa visita de membros da compañía de títeres títeres VIRAVOLTA, seguida da asistencia ao documental “Morreu o Demo, acabouse a peseta” sobre a historia de Barriga Verde e as súas conexións cos títeres europeos.

A intención é continuar coa realización de obradoiros de guión, obradoiros de construcción e manexo de títeres, obradoiros de monicreques en igualdade, ademáis da dotación de lotes de material documental ao centro, e a instalación da  exposición Onde foi Barriga Verde? no Cole.

 

Para dar inicio a esta colaboración, e facer un primeiro achegamento ao mundo do títere, a asociación convidounos a visitar o festival de títeres tradicionais TITIRIBERIA, que terá lugar en Teo (A Coruña) entre o 9 e o 12 de novembro. Poderemos coñecer a membros da asociación “Moreu o Demo”, e desfrutar da obra de títeres “Manulengo Capiroto” en compañia do alumnado da ESO do IES Cacheiras de Teo, o outro centro que está a colaborar neste proxecto.

“Mamulengo Capiroto”

Marcelo la Fontana (Portugal)

 

O barriga Verde brasileiro, o Mamulengo, chega ao Titiriberia da man de Marcelo Lafontana, titiriteiro afincado en Portugal. Novos acentos e formas achegan como se entende da outra banda do atlántico esta tradición escénica.

cun alto compoñente de improvisación, este espectáculo baséase nunha interacción constante co público con grandes doses de música e danza, que completan en grande medida o que os bonecos apenas chegan a dicir.

Samaín Creativo

Samaín Creativo

Bases dos concursos

Concurso de Disfraces
O mércores 30 de outubro.
Categorías:
Infantil. Mellor Disfraz
1º, 2º e 3º de Primaria. Mellor Disfraz
4º, 5º e 6º de Primaria. Mellor Disfraz
Secundaria. Mellor Disfraz
Participación individual.

O disfraz farase exclusivamente empregando materiais reutilizados ou reciclados.

Os premios entregaranse o día do Magosto.

Concurso de Banda Deseñada
Categorías:
Infantil. Mellor Debuxo
Primaria. Mellor Banda Deseñada
Secundaria. Mellor Banda Deseñada
Pódese participar individualmente ou en grupos de ata tres persoas.
O prazo está aberto até o 30 de novembro.
A Banda Deseñada debe ter un tema relacionado co SAMAÍN, o misterio, o medo, ou temas semellantes.
O formato da banda deseñada será o seguinte:
Extensión: de 1 a 4 páxinas, tamaño A4 ou proporcional.
Técnica: libre, sobre papel de debuxo (non folios), tendo en conta que debe permitir a súa lexibilidade, reprodución e impresión.
Os traballos irán acompañados dunha folla de texto onde aparezan os datos dos autores e o título da obra.
Os traballos serán entregados ao titor/a ou a membros do E.D.L.
Os traballos serán valorados por un xurado que decidirá os gañadores.
Non se admitirán obras que non sexan orixinais.
As BDs que cumpran os requisitos de participación exporanse e/ou publicaranse no lugar e data por determinar.
Os premios entregaranse o día do Festival de Nadal.

 

O Cole de Cea: Cole polo Clima

ADHESIÓN DO CONSELLO ESCOLAR DO CPI VIRXE DA SALETA Á DECLARACIÓN ESCOLAR DE EMERXENCIA CLIMÁTICA CONSTITUÍNDOSE COMO CENTRO EDUCATIVO POLO CLIMA

 O Consello Escolar do CPI Virxe da Saleta, máximo órgano de representación e participación da comunidade educativa, recoñece que o noso Planeta, a súa atmosfera, a súa hidrosfera, os seus seres vivos, os ecosistemas, os recursos naturais e as sociedades que nos apoiamos neles están en seria situación de alteración, degradación, desaparición ou colapso.

 Facémonos eco das insistentes declaracións das organizacións científicas, sociais e políticas internacionais (IPBES, IPCC, ONU, Unión Europea...) que reclaman a urxencia dun cambio drástico nas formas de organizar a nosa sociedade e empregar recursos. Non cambiar o rumbo supón a extinción de boa parte dos ecosistemas terrestres e a alteración dos mariños. Un millón de especies están ameazadas pola actividade humana. Tamén estamos a piques de chegar ao punto de non retorno fronte ao  cambio climático, o esgotamento dos recursos de enerxía fósil e mineral, terra fértil e acuíferos.

 Entendemos que non responder con urxencia á crise ecolóxica global pode levar a unha redución demográfica traumática, ao grave deterioro das normas de benestar humano e á extinción insubstituíble das especies esenciais para a vida na Terra. Ningunha sociedade pode escapar desta realidade.

 Este Consello Escolar toma conciencia da gravidade da situación e declara a súa firme determinación de desenvolver e consolidar, a partir do curso actual, medidas concretas para reducir as emisións no campo da vida escolar, a pegada ambiental nas compras e consumo no Centro e na acción e formación da comunidade escolar (familias, alumnado e profesorado), co fin de responder dun xeito real e significativo á emerxencia climática, na escala que nos corresponda.

 Como xeito de selar formalmente esta adhesión, este Consello Escolar declara o CPI Virxe da Saleta como Centro Educativo polo Clima.

 En, Cea o 30 de setembro de 2019.

Manifesto polo Clima

 

Velaquí o manifesto polo clima elaborado polo alunado de 4º da ESO co gallo da celebración, o 27 de setembro en todo o mundo, da Semana polo Clima. Este manifesto toma prestados parágrafos do manifesto do Movemento Galego polo Clima.

Medran as plantas, os ríos se chove, os días no verao, os tomates da horta -ás veces-, a masa do pan...
Medramos tamén as crianzas.
E medraron tamén os que nos venderon aquilo que non precisabamos: cereixas no inverno,
casa fría no verao, coches, máis coches, un teléfono móbil cada ano, comidas exóticas no súper, roupa, moita roupa… e nada chegaba.
Algunhas empresas eran donas do mundo, do planeta enteiro. A custa dos pobos e do noso futuro. E iso, seica, era crecemento económico.
E os estudos científicos avisaron: dos gases efecto invernadoiro, do quecemento do planeta, do esgotamento de recursos, das consecuencias do modelo CONSUME, CONSUME; CONSUME!
De que a nosa supervivencia (a dos seres humanos) na Terra estaba en perigo.
E nada se fixo.
En Galiza, o incremento da temperatura global está a provocar a desaparición de especies animais e de plantas autóctonas.
Nas nosas rías hai actualmente milleiros de toneladas de auga máis, por iso nos afectan máis as mareas e tas tormentas. O crecemento do nivel do mar asociado ao aumento da temperatura fará que parte das cidades de A Coruña, Vigo, Ferrol e Pontevedra fiquen inundadas de xeito permanente pola auga do mar. Outro tanto vai suceder coa maioría das vilas (Betanzos, Cambados, Vilagarcía de Arousa, Cangas, ..) situadas no litoral galego.
Vemos ademais despropósitos ambientais que agravan a situación de emerxencia climática como os monocultivos de eucaliptos, políticas agrarias que favorecen a contaminación,
proxectos de megaminaría, contaminación por plásticos dos nosos territorios e alimentos…
Vémolo aquí, ao noso lado.
Por iso sumámonos á declaración de emerxencia climática e reclamamos o noso futuro.
Reclamamos tamén o compromiso dos gobernos e das escolas.
Porque queremos ver medrar a masa do pan e os días no verao.
Queremos futuro.

Fondo libros definitivo ESO. Curso 2019-20

Descarga aquí o listado de libros da ESO. Curso 2019-20

Lista definitiva Libros ESO

LISTAXE DEFINITIVA FONDO LIBROS PRIMARIA CURSO 2019-2020

Xa podedes consultar as listaxes de finitivas de admitidos e excluidos do Fondo Solidario de libros de texto en Educación Primaria, para o videiro curso 2019-2020, no taboleiro do centro. Nestas listaxes se especifican os libros asignados por alumno/a.

Podedes descargar as listaxes nas seguintes ligazóns.

Fondo Libros definitiva Primaria - admitidos

Fondo Libros definitiva Primaria - excluidos

 

Para Educación Secundaria, as listaxes serán publicadas unha vez pasados os exames de setembro.

 

Lembramos que se poden recoller os vales de axudas de libros e material na secretaría do centro, ata o 12 de xullo, ou en setembro.

Distribuir contido


by Dr. Radut