Skip to Content

contador gratis para blog

ELECCIÓNS CONSELLO ESCOLAR CURSO 2018-19

Concurso do Samaín

 

Bases para os concursos de Samaín:

 

  1. Concurso de epitafios (E.S.O e 5º-6º E.P.).

    1. Pode participar todo o alumnado de E.S.O. e tamén o alumnado de 5º e 6º de Primaria.

    2. O prazo de participación está aberto até o 30 de novembro.

    3. A participación no concurso será INDIVIDUAL ou EN GRUPO (máximo 3 compoñentes).

    4. Os epitafios poden ser reais ou inventados. Valorarase especialmente a súa orixinalidade e/ou carácter singular, sempre mantendo o respecto e as boas formas.

    5. Os traballos irán acompañados dunha folla de texto onde aparezan os datos dos autores e o título da obra.

    6. Os traballos serán entregados ao titor/a ou a membros do E.D.L.

    7. Os traballos serán valorados por un xurado que decidirá os gañadores.

    8. Os traballos que cumpran os requisitos de participación exporanse e/ou publicaranse no lugar e data por determinar.

 

  1. Concurso de Banda Deseñada (Ed. Primaria).

    1. Pode participar todo o alumnado de Primaria.

    2. O prazo de participación está aberto até o 30 de novembro.

    3. A participación no concurso será INDIVIDUAL ou EN GRUPO (máximo 3 compoñentes).

    4. A Banda Deseñada debe ter un tema relacionado co SAMAÍN, o misterio, o medo, ou temas semellantes.

    5. O formato da banda deseñada será o seguinte:

      1. EXTENSIÓN: de 1 a 4 páxinas, tamaño A4 ou proporcional.

      2. TÉCNICA: libre, sobre papel de debuxo (non folios), tendo en conta que debe permitir a súa lexibilidade, reprodución e impresión.

    6. Os traballos irán acompañados dunha folla de texto onde aparezan os datos dos autores e o título da obra.

    7. Os traballos serán entregados ao titor/a ou a membros do E.D.L.

    8. Os traballos serán valorados por un xurado que decidirá os gañadores.

    9. Non se admitirán obras que non sexan orixinais.

    10. As BDs que cumpran os requisitos de participación exporanse e/ou publicaranse no lugar e data por determinar.

 

  1. Concurso de contos (E.S.O. e PRIMARIA)

    1. Pode participar todo o alumnado de Primaria e E.S.O.

    2. O prazo de participación está aberto até o 30 de novembro.

    3. A participación no concurso será INDIVIDUAL, EN GRUPO (máximo 3 compoñentes) ou COLECTIVA (unha obra por aula).

    4. Os traballos deberán ter un tema relacionado co SAMAÍN, o misterio, o medo, ou temas semellantes.

    5. Os traballos irán acompañados dunha folla de texto onde aparezan os datos dos autores e o título da obra.

    6. Os traballos serán entregados ao titor/a ou a membros do E.D.L.

    7. Os traballos serán valorados por un xurado que decidirá os gañadores.

    8. Non se admitirán obras que non sexan orixinais.

    9. As obras que cumpran os requisitos de participación exporanse e/ou publicaranse no lugar e data por determinar.

 

  1. Concurso de Lendas e contos populares recollidos (E.S.O e 5º-6º E.P.).

    1. Pódese participar tanto individualmente como por grupos dun máximo de 3 persoas.

    2. O prazo de participación está aberto até o 30 de novembro.

    3. As obras terán que ser recollidas a persoas da comarca. Pódense recoller en papel ou en formato dixital.

    4. As obras recollidas en papel serán entregadas aos membros do E.D.L., ou ao titor/a.

    5. En caso de ser gravacións, os arquivos serán enviados ao correo electrónico do Cole de Cea: ticscea@gmail.com ou entregados en pendrive ao titor/a ou membros do E.D.L.

    6. As obras irán acompañadas dun texto cos datos dos/as alumnos/as que a recolleron, título da obra, nome da persoa da que se recolleu e localidade onde foi recollida.

    7. A temática estará relacionada coa idea do SAMAÍN, o misterio, o medo, ou temas semellantes.

    8. As obras serán valoradas por un xurado que decidirá os gañadores.

    9. Non se admitirán obras que non sexan de orixe popular e/ou tradicional.

    10. Os traballos que cumpran os requisitos de participación exporanse e/ou publicaranse no lugar e data por determinar.

 

  1. Concurso de curtas (E.S.O).

    1. Pódese participar tanto individualmente como por grupos dun máximo de 3 persoas.

    2. O prazo de participación está aberto até o 30 de novembro.

    3. Os vídeos serán enviados a ticscea@gmail.com ou entregados aos membros do E.D.L., ou ao titor/a en formatos de vídeo que podan ser reproducidos en diferentes sistemas. E irán acompañados dun documento de texto cos datos dos autores e o título da obra.

    4. Características xerais das curtas:

      1. A curta non poderá superar os 3 minutos de duración.

      2. A temática dos vídeos será libre introducindo a idea do SAMAÍN, o misterio, o medo, ou temas semellantes.

      3. Realización exclusivamente mediante a cámara do teléfono móbil podendo logo, editarse con ferramentas externas.

      4. As curtas deben ser orixinais (non comercializadas ou premiadas con anterioridade), incluídos os títulos de crédito se os houbese, e gravados na máxima resolución e calidade posibles.

      5. Tanto para o audio como para a escrita débese empregar o idioma galego.

    5. Os vídeos serán valorados por un xurado que decidirá os gañadores.

    6. Os vídeos que cumpran os requisitos de participación proxectaranse no lugar e data por determinar.

 

Concurso: O Noso Outono

Concurso O Noso Outono
 
O Equipo de Actividades Extraescolares e o Equipo de Dinamización Lingüística do centro animan ás familias a participar no concurso artístico #ONosoOutono. A Actividade consiste na elaboración dunha obra artística para celebrar a chegada do outono e o Samaín.
 
Existen dúas modalidades para participar. Pódese presentar unha peza en cada unha delas.
 
#Collage: Realizarase sobre unha cartolina de tamaño máximo A3. O material debe estar ben pegado para poder expoñela en vertical.
 
#Escultura: Pódense empregar arames como base ou pegar os materiais entre si.
 
Os materiais empregados deben ser típicos do outono: follas, castañas, cascas de noz, landras, cabazas, carrabouxos, ourizos...
 
A data límite para entregar os traballos é o 5 de novembro.
 
#concurso#outono#arteescolar

Listaxe definitiva Fondo Libros ESO

Xa está publicada a listaxe definitiva de Fondo Libros para Educación Secundaria.

Podedes descargala na seguinte ligazón

Fondo Libros ESO

 

 

LISTADO DEFINITIVO FONDO LIBROS PRIMARIA CURSO 2018-19

Podedes consultar o listado definitivo de Fondo Libros de Primaria para o curso 2018/2019.

Tamén o podedes descargar na seguinte ligazón.

FONDO LIBROS PRIMARIA

Os listados definitivos para Secundaria publicaranse o 14 de setembro.

 

LISTADO PROVISIONAL DE FONDO DE LIBROS E VALES DE MATERIAL CURSO 2018-2019

Os vales para libros ata 2º de Primaria ou de material poden recollelos en secretaría ata o día 13 de xullo ou no mes de setembro.
Con respecto ao fondo de libros, o detalle dos libros que lle corresponden a cada alumno sairá no listado desfinivo o día 12 de xullo para Primaria e 14 de setembro para Secundaria. Moitas grazas.

 

 

 

 

 

 

ALMORZOS NO COLE 2018-2019

Xa podedes solicitar o servizo de Almorzos no Cole para o vindeiro curso 2018-2019. Este é un servizo organizado pola ANPA coa colaboración do Concello de Cea.

Teredes que cubrir a solicitude correspondente e entragala no centro, ata o 15 de xullo, ou en setembro. Lembramos que para ser usuarios deste servizo debedes ser socios da ANPA.

 

Podedes descargar a solicitude nesta ligazón: Almorzo no Cole

DATAS PARA AS PROBAS DE SETEMBRO

ACHÉGASE O CALENDARIO CORRIXIDO PARA AS PROBAS DE SETEMBRO.

AVISO: NOS CALENDARIO ENTREGADOS AO ALUMNADO HABÍA UN ERRO NAS DATAS. OS EXAMES TERÁN LUGAR OS DÍAS 3 E 4 DE SETEMBRO.

 

LISTADO DE LIBROS PARA O CURSO 2018-2019

Podedes descargalos listados nas seguintes ligazóns:

Listado infantil

Listado primaria

Listado secundaria

 

 

Intervención de Ramón Caride no Serán do Cole de Cea

SERÁN DO COLE DE CEA 25 Maio 2018

Intervención de Ramón Caride Ogando

Boa tarde, antes de nada, moitas grazas por permitirme participar nestes actos, a pesar de que eu nin canto nin toco instrumento ningún tan ben coma calquera dos outros e das outras participantes

É para min un privilexio estar aquí. Aínda que, como saberedes, eu non fun alumno deste cole. Eu fun dos últimos rapaces deste concello en estudar, até os dez anos, nunha escola unitaria, en concreto na da parroquia de Pereda, terra da miña familia materna. A miña primeira mestra, e seguramente a máis decisiva na miña vida, foi María Esther Cortés, a quen sempre lle estarei agradecido.

E non menos agradecemento lle debo agora ao claustro de profesores deste Colexio Virxe da Saleta, por ter iniciado as celebracións destes 50 anos, no pasado mes de Xaneiro, dándolle o meu nome á súa fermosa biblioteca. Eu nunca imaxinara semellante cousa, e aínda menos en Cea, onde case perdera as esperanzas. Até tal punto é verdade isto, que cando no xa algo lonxano ano 1992, como algúns dos que estades aquí lembraredes, acadei o premio Blanco-Amor de novela, o diario La Región publicou unha noticia co seguinte titular: "EL Concello de Cea felicitará a Ramón Caride Ogando por la concesión del Premio Blanco Amor", e como a tal felicitación aínda non me chegou a día de hoxe, nin sequera se me ocurríu protestar polo retraso. E non se pode dicir que semellante adiamento se deba ás mudanzas no grupo de governo municipal, porque tampouco as mudanzas foron tantas.

Pero non desesperemos...

En calquera caso, que lle adiquen a un unha biblioteca é unha alegría, pero tamén unha responsabilidade agradable, e un estímulo impagable. Escribir é un traballo solitario, e ás veces ingrato. O resultado adoita ser incerto, e as dúbidas nunca rematan. Escribir é dalgún xeito como falar, pero ás veces non sabes se falas con alguén, se falas diante dun espello ou se só estás a falar diante dunha parede que che devolve o eco das túas palabras. Gastas horas e gastas enerxía, e non sempre o resultado é o esperado. Logo de tanto traballo e de tantas voltas, a maioría dos escritores ou escritoras dependen do azar ou dos caprichos dun editor, non sempre xustificados, por canto a oferta de manuscritos en calquera sistema literario supera con moito á demanda de libros polo mercado.

Supoño que un dos meus méritos, en todo caso, é ser nativo de Cea, aínda que ninguén escolle onde quere nacer porque isto nunca se dá a escoller; é unha cuestión puramente aleatoria. Aínda así, nacín, ou nacéronme, en Cea e son escritor. Non hai tantos escritores en Cea coma panadeiras, pero hai artistas e escritores abondo para nomear calquera biblioteca, que tampouco hai tantas coma fornos; así que dar o propio nome á deste Cole e ser obxecto de semellante homenaxe e de tanto agarimo e esforzo como puxestes nestes actos, sempre será un mérito inmerecido, mália os moitos anos que levamos zugando na memoria e nas verbas aprendidas en Cea, nos medos e nos anseios da primeira infancia, revividos unha vez e outra, mesmo sen un mesmo decatarse, nunha morea de libros e de soños.

Pero en realidade teño para min que quen recibe unha homenaxe non pasa de ser un punto de referencia, un pretexto necesario para que moita xente con ganas de traballar e de facer cousas positivas, se xunte e traballe en común. Neste caso a responsabilidade do homenaxeado e dobremente gozosa, e a débeda cos colegas ensinantes deste centro, aínda máis impagable. O cole de Cea, coma outros da contorna polos que andiven estes meses, é unha referencia de amor á tradición, respecto á lingua, actualización tecnolóxica e de métodos, entusiasmo e capacidade de experimentar, cousas das que tan necesitados andamos os galegos e as galegas, e que por sorte, non faltan no ensino público, tan maltratado en moitas ocasións polos que nos governan, ou ás veces nos desgovernan.

Remato pois, dando as grazas de corazón. Aínda que sexa cuns meses de retraso, o certo é que tardei menos, así e todo, do que tardou o Concello. Xa son parte deste Centro que sempre será o meu, e considérome moi afortunado de podelo proclamar. Xa sabedes onde me tedes, para o que precisedes, compañeiras e compñeiros. QUE SIGA A FESTA!

Distribuir contido


by Dr. Radut