Skip to Content

Defensa dos traballos de investigación da V Promoción do STEMbach

O xoves 21 de marzo foi a data elixida para a defensa dos traballos de investigación da promoción 2022-24. A presidenta da xornada foi a Prof. Dra. Mª Elena Vázquez Cendón, decana da Facultade de Matemáticas da USC, e cunha impresionante traxectoria docente, investigadora e divulgadora, así como impulsora de innumerables actividades e proxectos de difusión e fomento da ciencia e das matemáticas.

Foi hai xa seis cursos, no ano 2018, cando botou a andar este programa en 14 centros de Galicia, un deles o Arcebispo Xelmírez II, naquel momento en fase inicial e que hoxe constitúe un proxecto consolidado con moitos máis centros participantes.

Neste xa longo percorrido deste programa no noso centro, temos conseguido incorporar ao mesmo alumnado das modalidades de Ciencias Sociais e Humanidades do bacharelato, ademáis do alumnado da modalidade Científica que con maior frecuencia se asocia ao ámbito STEM. Foron moitos os proxectos de investigación desenvolvidos e defendidos con éxito, nos máis diversos campos e temáticas.


     

     


Os traballos defendidos e o alumnado autor dos mesmos foron os seguintes:

"Detección de xenes de resistencia a antibióticos, codificados en plásmidos transmisibles de bacterias entéricas illadas dun curso fluvial" por Alejandro Gondelle Peinó, dirixido polo Prof. Dr. Carlos Rodríguez Osorio e pola Dra. Ana Vences Lorenzo, e titorizado por Rosa P. Quintela Sende e Juan Quintáns Rial.

"Revisión e avaliación de programas de reeducación de agresores en violencia de xénero" por Iria López Romeo e Alba Vidal Seijo, dirixido polo Prof. Dr. Ramón Arce Fernández, e titorizado por María del C. Rey Sobral e María Cristina Brión Calo.

"Análise do comportamento de fuxida fronte a humanos en especies de aves presentes en parques urbanos e zonas rurais de Santiago e a súa contorna" por Manuel Leal Cernadas e Alén Espiña Otero, dirixido polo Prof. Dr. Jesús Domínguez Conde, e titorizado por Rosa P. Quintela Sende e Juan Quintáns Rial.

"Aplicacións do concepto de inversión respecto dunha circunferencia á inversión de curvas planas e á análise de mecanismos" por Manuel Sande Vigo, dirixido polo Prof. Dr. Manuel E. Ladra González, e titorizado por Luis Mateo Sáez Abuín.

"Cálculo de ecuacións de sólidos de revolución mediante cuaternios" por Nuria Guerra Casal, dirixido polo Prof. Dr. Daniel Cao Labora, e titorizado por Luis Mateo Sáez Abuín.

Todos eles acadaron a cualificación máxima de 10 puntos, e os membros das comisións cualificadoras (a propia Elena Vázquez Cendón e un docente ou investigador especialista no campo, designado especificamente para cada un dos traballos, ademáis do coordinador do programa STEMbach no centro) destacaron a gran calidade de todos eles, que valoraron equivalente á dun bo traballo de fin de grao (TFG) universitario.

Parabéns a todos eles.



page_ppp | by Dr. Radut