USO DA MÁSCARA
De acordo ao Real Decreto 286/2022, de 19 de abril, polo que se modifica a obrigatoriedade do uso de máscara durante a situación de crise sanitaria ocasionada pola COVID-19 (BOE, 20 de abril), a mascara deixa de ser obrigatoria en todos os espazos do instituto, como norma xeral. Polo tanto, non se poderá obrigar a ninguén a usar máscara ou a non usala, salvo nos casos indicados a continuación:
- Continúa a ser obrigatorio o uso da máscara:
1. Se es positivo asintomático para COVID e ves ao instituto. Terás que levar máscara, cando menos, 10 días. Se tes síntomas e es positivo para COVID consulta co teu médico ou a túa médica, se debes vir ou non ao centro educativo.
2. No transporte escolar e no transporte das actividades extraescolares.
- É recomendable o uso de máscara
1. Por persoas con algún tipo de vulnerabilidade e, en todo caso, as persoas maiores de 60 anos.
2. As persoas que convivan con persoas vulnerables, polo tanto, en risco.
3. Se estás sufrindo algún proceso infeccioso respiratorio, con produción activa de tose. Esta debería ser unha medida a manter cara o futuro como hábito de promoción da saúde pública.
De acordo, ás Directrices de 21 de abril da Consellería de Sanidade sobre o uso das máscaras no ámbito educativo na Comunidade Autónoma de Galicia, “resulta recomendable, con carácter voluntario, o uso da máscara no interior dos centros educativos tanto por parte do alumnado coma dos/as traballadores/as do centro".
VENTILACIÓN
A ventilación segue sendo a primeira medida de prevención, debendo asegurarse e/ou reforzarse logo de eliminar a obrigatoriedade do uso da mascará , xa que o risco de contaxio pode aumentar.
Polo tanto, mantense a ventilación cruzada, coa porta da aula e unha ventá (cando menos) aberta. Dependendo da climatoloxía deberemos maximizar a ventilación.
O control da ventilación por parte do equipo COVID será aleatorio e mostral, revisando, cando menos, 2 espazos en cada xornada. O mesmo procedemento farase coa medición do dióxido de carbono no aire.
DISTANCIA DE SEGURIDADE E DESINFECCIÓN DE MANS
Debemos continuar mantendo unha distancia mínima de seguridade de 1,5 metros , e continúa a ser obrigatoria cada vez que entremos no centro desinfectar as mans. Xa no haberá supervisión docente na entrada. É obrigatorio, pero apelamos á responsabilidade de todas e todos para o seu cumprimento. No resto da xornada deberase manter as desinfeccións que se viñan facendo (recreos, comedor, etc).
A entrada ao centro seguirá igual: facendo fila no exterior, mantendo a distancia de seguridade, podendo entrar cando alguén do persoal do centro o indique (non antes das 09:10 horas).
Debemos continuar facendo do IES Carlos Casares un espazo seguro para toda a comunidade, incluídas as persoas convivintes, como fixemos ata agora dun xeito exemplar. Lembramos que o virus aínda está presente na comunidade, cunha incidencia relativamente importante.