Caderno de Fabio  

 Matemáticas e moitas ciencias

blogue defgeiras

Saída ao CITEEC e ao CIFP Someso

No día de hoxe, o alumnado de 3ºESO e do Club de Ciencias, na compaña dos profes Miguel Poncela e Fabio González, gozou dunha dobre visita na cidade da Coruña.

Dunha banda, guiadas polos investigadores Gonzalo García-Alén, Luís Pena e Luís Cea, percorremos as instalacións do CITEEC (Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil) da UDC, onde puidemos comprobar como se está a modelar con tecnoloxía punta as inundacións e enchentes nos cursos fluviais e nas vilas galegas. Tamén nos mostraron modelos a escala para calibrar o comportamento de presas e outras infraestruturas hidráulicas. Amais, aproveitamos a visita para coñecer a Escola Técnica Superior de Enxeñeiras de Camiños, Canles e Portos, da propia UDC, onde xogamos con estruturas de diferentes tipoloxías.

Doutra banda, o profesor do Departamento de Edificación do CIFP Someso, Juan Bello, amosounos a súa popular "vieira", un edificio senlleiro proxectado seguindo os principios de bioconstrución. Tamén puidemos pasear pola mostra de fornos e cociñas solares, emprazándonos a un futuro obradoiro para aprender máis sobre deste método de cociña sustentable e respectuosa co medio ambiente.

CIFP  CITEEC

 

CITEEC presa  CITEEC modelo

 

CIFP vieira  CIFP fornos

O Curruncho da Ciencia

Botamos a andar.

Gústache a ciencia e sábelo!

Dende os diferentes departamentos relacionados coa ciencia do IES Mugardos, propoñeremos un calendario con actividades moi interesantes para todo o curso. 

Descobriremos, investigaremos e haberá premios e agasallos pero, sobre todo, divertirémonos polos escrutables camiños da CIENCIA.

Agardámoste no primeiro recreo do vindeiro venres 06 de outubro, diante do Laboratorio.

Cartaz

Andaina e ruta matemática na Baliza do Castelo da Palma

Na solleira mañá do venres 2 de xuño o alumnado de 1º ESO desprazouse á Baliza do Castelo da Palma para facer unha ruta matemática, utilizando a app Math City Map, na que precisaron tomar medidas e tirar do seu enxeño para descifrar os diferentes problemas formulados. Distribuíronse en grupos de tres e foron quen de ir superando tódolos retos que se lle puxeron por diante. A tarefa, deseñada en lingua inglesa, é parte das actividades que se propoñen para traballar no coñecemento dos faros da nosa contorna, dentro do Proxecto Faros (eTwinning) no que o Centro colabora con institutos de Portugal, Italia, Chipre e as nosas veciñas de Fene.

Amais, co percorrido de arredor de 5 Km, puidemos seguir dando pasos para acadar o Reto do Camiño Inglés e aproveitamos para identificar especies vexetais e animais e coñecer un poquiño mellor o noso patrimonio arquitectónico e paisaxístico.

Abofé que pagou a pena o esforzo!

 

 

     

Finalistas da XIII Incubadora de Sondaxes e Experimentos da SGAPEIO

O grupo de 1º ESO B composto por Yerai, Rebeca, Adriana e Pepe foi seleccionado para defender o seu traballo "Saberías diferenciar a intelixencia artificial da intelixencia natural?" na gran final que terá lugar na Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela o vindeiro 9 de xuño. Optarán a ser campións autonómicos e representar a Galicia na final estatal de Zaragoza. 

Os proxectos de "Ortografía - Lectura" do grupo de 2º ESO B conformado por Mishelle, Anxo, Eva e Naim e "Reciclaxe no IES de Mugardos" de Alexander, Héctor e Jairo de 2º FPB tamén foron premiados con senllas mencións especiais.

Parabéns a todas e todos polo esforzo!

 

FINALISTAS E MENCIÓNS
XIII Concurso da Incubadora de Sondaxes e Experimentos

 

 

Rally Matemático Sen Fronteiras 2023

Na tarde deste 11/04/2023, na volta ás aulas logo das vacacións de Semana Santa, o alumnado de 1º ESO B e 2º ESO B vén de participar na XXXI edición do Rally Matemático Sen Fronteiras 2023, organizado por Igaciencia.

En grupos de 8 participantes, organizáronse para resolver un total de 5 problemas de diversos eidos matemáticos. Agora toca agardar ao vindeiro 24 de abril para ver se algún grupo é seleccionado para participar na final rexional en Santiago de Compostela.

Parabéns a todas e todos polo esforzo e compromiso nesta proba.

 

  

 

 

Rally matemático 2023

Visita á central hidroeléctrica e fragas do Eume

O pasado 7 de marzo, o alumando de 1º e 2º de FPB realizou unha saída no marco das unidades de produción de enerxía eléctrica. Neste caso, aproveitamos a oportunidade que nos brinda o organismo de bacía, Augas de Galicia e o explotador do sistema no río Eume, Endesa, para comprender mellor o funcionamento da infraestrutura que permite a xeración de enerxía limpa.

Comezamos a visita na Central do Eume, na marxe esquerda do río, a onde chegan as augas encoradas na presa do Eume, augas arriba. Puidemos comprender os sistemas de control, tanto hidráulicos como eléctricos, e comprobamos in situ o funcionamento das dúas turbinas e alternadores que aproveitan a forza da auga para xerar máis de 50 MW.

Posteriormente, os enxeñeiros da presa guiáronnos pola propia estrutura de 103 m de altura e 250 m de perímetro superior, explicándonnos como se construiu nos anos 50 do século pasado e como funciona a día de hoxe. Aparentemente, está en perfecto estado de saúde.

Para rematar a visita, aproveitamos este entorno privilexiado para facer unha ruta polos sendeiros da ribeira do Eume, ata o mosteiro de Caaveiro, o que nos permitiu tamén colaborar co reto do camiño proposto polo IES.

Distribuir contido