Skip to Content

César Morán comenta a súa visita a Elviña

COS ALUMNOS DO INSTITUTO DE ELVIÑA

Había ben tempo que non ía ao instituto de Elviña! Alí estiven o pasado mércores, 1 de febreiro, anunciando a Primavera aos alumnos de segundo de bacharelato e a un grupiño de cuarto da ESO, que merecera estar no acto por ter gañado o concurso das Mil Primaveras. Sabía que alí estaban os amigos Lois Cambeiro, Anxa, Pepa, Charo Guerrero, Charo Veira, Rosa Perdiguero, Pepe Costas, que me abriu a porta, e en fin, Juan, Alfonso e outros que sen dúbida estaban e non puiden saudar. Mais o sorprendente foi encontrar un auditorio de alumnos totalmente inmersos nos sons, nas harmonías, na palabra poética dese grande soñador das nosas letras que foi Álvaro Cunqueiro. A biblioteca do centro foi o espazo espléndido para o encontro da palabra, de xeito que se fixo desde o inicio o silencio máis vivo e fondo que alguén poida imaxinar. Desde os ecos de Abril e as mulleres amadas até a bossa-nova de Sinbad no redondel da Terra, todo era unha nube azul, como diría o poeta, que pouco a pouco se esvaía en xogos de contrarios. Cantar así, entre tantas olladas atentas, era como deixarse estar nunha tarde de inverno, ao amor do lume, mentres alguén nos conta un conto ou nos leva polo ar ao barco da lagoa e aos cabalos do carroussel. Lémbrome de que a outra vez que fora a Elviña os alumnos de hoxe non estaban aínda en idade escolar, mais Cunqueiro estaba xa a facer parte do motivo. Agora, con todo o que ten chovido, estamos certos de que a seiva nova se transmite sen dúbida e aniña no corazón da mocidade. Esta mocidade que nos garante o futuro, anunciándonos que haberá primavera.

 



page | by Dr. Radut