Skip to Content

8 de marzo Día Internacional da Muller Traballadora

Á atención da comunidade educativa do IES Félix Muriel en relación ao 8 de marzo,
Día Internacional da Muller Traballadora:


A semana do luns 4 ao venres 8 de Marzo, o grupo de traballo do alumnado de 2º de Bacharelato desenvolverá unha serie de actividades relacionadas coa reivindicación da igualdade entre homes e mulleres e coa celebración
do 8M.
Entre esas actividades, este grupo de alumnas e alumnos dará charlas polas aulas sobre a orixe e historia desa conmemoración, recitará poemas escritos por mulleres e porá música feita por mulleres. Ademais o día 8 presentará o documento audiovisual, Heroínas anónimas, que veñen elaborando desde o Nadal.
O obxectivo destas actividades é visibilizar as nosas heroínas anónimas, as mulleres que asumen todos os traballos relacionados cos coidados, sen os cales a sociedade non podería funcionar.
Como acto final e reivindicativo, para o venres 8, o alumnado está a preparar a manifestación dos mandís, coa intención de simbolizar a través do mandil o labor doméstico e de coidados ao que sempre foi destinada a muller, para ao final do percorrido, na praza Castelao, converter ese mandil nunha capa de heroína, representando a esas
heroínas anónimas que son as mulleres do común. A esta manifestación está convocada toda a comunidade educativa non só do IES Félix Muriel senón tamén de todos os centros educativos do concello de Rianxo. O percorrido realizarase desde os centros e finalizará ás 12:45h diante do concello, onde se lerá o manifesto redactado por este grupo de alumnas e alumnos, despois do cal a cantante Paulinha interpretará varias das súas
cancións.
Estas son as razóns que o grupo de traballo EKOS, formado por alumnado de 2º de Bacharelato do instituto de Rianxo dan para este acto reivindicativo:
1. Porque as mulleres son as que sofren acoso nas rúas, no traballo, na casa... Porque as mulleres seguen a ser as agredidas, as violadas, as asasinadas polo feito de seren mulleres.
2. Porque as mulleres seguen asumindo maioritariamente unha dobre xornada dentro e fóra do fogar; porque son as mulleres as que maioritariamente coidan as crianzas ou familiares dependentes.
3. Porque en moitos sectores laborais as mulleres cobran menos por facer o mesmo traballo que os homes e teñen máis contratos a tempo parcial.
4. Porque as mulleres viven co medo a ser despedidas cando se converten en nais.
5. Porque as mulleres teñen peores pensións que os homes.
Agradecemos a colaboración do concello no control do tráfico para protexer os participantes na manifestación durante o seu percorrido.

 

 

 

 

AdxuntoTamaño
Cartel 8 M.jpeg154.05 KB


story | by Dr. Radut