PREMIOS ATRÉVETE

Os nosos alumnos Nicolás Acebedo Torrego de 1º de ESO e Victoria Andrea Veiga Maseda de 2º de ESO acudiron á entrega dos Premios Atrévete que tivo lugar o luns 19 de xuño na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela. Recibiron cadanseu premio das mans do conselleiro de Educación polos seus respectivos proxectos sobre iniciativa emprendedora. Parabéns a ambos os dous!

 

PARABÉNS Á NOSA CAMPIOA!

A nosa alumna de 4º de ESO, Andrea López Caaveiro, gañou o campionato nacional de seleccións autonómicas de fútbol sala coa selección galega senior, que se celebrou este fin de semana en Salou (Tarragona). Nesta súa primeira convocatoria coa selección marcou catro goles que contribuíron ao tiunfo das galegas. Parabéns á promesa do fútbol sala feminino!!!

OURENSE LITERARIO

Curros Enríquez, Carlos Casares, Celso Emilio Ferreiro, Vicente Risco, Méndez Ferrín, Antón Tovar... Ourense é terra de grandes escritores. Desta volta centrámonos só en dous: Eduardo Blanco Amor e Ramón Otero Pedrayo. Para vivir máis de perto as peripecias dos protagonistas de A esmorga, realizamos un roteiro literario guiado por  Ourense. Pola tarde estivemos na Fundación Ramón Otero Pedrayo. Puidemos admirar a casa familiar de Pedrayo en Trasalba tal e como era nos derradeiros anos da vida deste autor clave do Grupo Nós.                        

         

LISTO O Nº 8 DE PETISCOS!

.... ou 7 BIS, como queirades ;) Coordinada este curso polo ENDL, seguimos na liña pluridisciplinar dos números precedentes con colaboracións sobre temas varios, desta volta co galego coma lingua vehicular. Moitas grazas a todos os que colaborastes, sodes os responsables de que exista . Premendo acó podedes acceder á versión en liña, haberá tamén exemplares impresos. Agardamos que vos guste. 

    

 

 

LETRAS GALEGAS 2017 - OBRADOIRO CARLOS CASARES

Tomando o relato de Casares, "O xogo da guerra" de Vento ferido, a escritora Dores Tembrás fixo afondar aos alumnos e alumnas de 1º e 2º de ESO, nos segredos da literatura facéndolles descubrir cousas sobre os personaxes, as técnicas narrativas, a trama..., que se cadra lles pasarían desapercibidas. Os rapaces souberon estar á altura e participaron activamente no obradoiro.

         

VÍDEO DA VIAXE DE ESTUDOS DE 4º DE ESO

Aquí tedes o vídeo da viaxe do grupo de 4º de ESO a Florencia. Recén saído do forno!

 

CORRELINGUA 2017

Co lema "O galego, sen cancelas" arrincou a edición do Correlingua do ano 2017. Nós coma de costume, asistimos á convocatoria de Lugo e participamos no Concurso de Pancartas. Afeitos a ser premiados todos os anos, desta volta volvemos só co diploma de participación, non se pode gañar sempre ;) Caso é partipar e pasalo ben!

 

PREMIOS EXTRAORDINARIOS DA ESO

 

A nosa exalumna Zobaida El Hidam acudiu o venres 21 de abril á cerimonia de entrega dos premios extraordinarios da Educación Secundaria Obrigatoria, que tivo lugar na Cidade da Cultura en Santiago de Compostela. Alí recolleu de mans do Conselleiro de Educación o diploma acreditativo polo seu premio ao esforzo e á superación persoal.

Parabéns, Zobaida!!!!

San Valentín

O pasado día 14 de Febreiro, día dos namorados, san Valentín. No IES Fonmiñá celebrámolo cunhos retratos moi riquiños...

 

Distribuir contido