Un grupo de alumnos do IES Laxeiro, gañador da primeira edición Parlamento xove de debate

Coordinados polo profesor Manuel Igrexas, os alumnos de Bacharelato do IES Laxeiro Yolanda Gordedo, Marcos Vilas, Lucía Riádigos, Fátima Mosteiro e Roi Gallego, resultaron gañadores da primeira edición do Parlamento Xove, anteriormente denominado Liga de Debate, tras superar na final ao centro SEK Atlántico de Pontevedra.

Un premio que ven ser a culminación dunha traxectoria de dous anos na que o IES Laxeiro ten tido xa unha actuación destacada.

Dende a Dirección do Centro sentímonos orgullosos tanto do profesorado como do grupo de alumnos/as que amosaron as súas calidades nun proxecto que ten por finalidade potenciar o diálogo como ferramenta de intercambio de opinións entre a xuventude.

Centros de ensino de toda Galicia, formando equipos de seis alumnos/as e un profesor, competiron ao longo de varias semanas, investigando, escribindo e finalmente debatendo sobre as redes sociais. Tras unha fase inicial, oito equipos acadaron a final que se desenvolveu o pasado sábado, dia 24, na sede do Parlamento de Galicia, con eliminatorias de dous en dous centros.

Seis mil euros para unha fantástica viaxe e un "notebook" para cada un deles é o premio que gozarán, ben merecido, polo éxito acadado.

Un éxito máis do IES Laxeiro que ven a certificar a labor silenciosa, sacrificada e moitas veces pouco considerada que se leva a cabo nas aulas dos Centros Educativos.

En hora boa e a gozar do premio, de momento aínda non se coñece o lugar de destino elixido para a viaxe, pero estarán oportunamente informados a través desta páxina web.

O IES Laxeiro segue recollendo premios, que a fábrica non pare.