O IES Laxeiro en Turquía

Unha delegación do IES Laxeiro participou nunha reunión transnacional de mobilidade e aprendizaxe na cidade turca de Tekirdag, no marco do proxecto Erasmus+ Tunnel of Time. O grupo, formado por cinco alumnos e alumnas de 3º de ESO acompañadas polos profesores Mar García e Xosé M. García, viaxou o pasado xoves día 11 esta cidade costeira a carón do mar de Mármara, a uns 120 km ao oeste de Istambul, uníndose ao resto de delegacións participantes, procedentes de Francia e Finlandia.
Na Sehit Mehmet Sengül Ortaokulu, escola anfitrioa, desenvólvense as distintas actividades do intercambio. Ademais de participar na vida lectiva do centro e dar a coñecer os distintos lugares de procedencia, expuxeron os traballos realizados ao longo deste primeiro período do curso. Temas relativos a cuestións de xénero e habilidades para a vida, vistos a través de distintos grupos de idade, así como o multilingüismo e a interculturalidade inspiran as diferentes achegas. Para iso contan coa colaboración dos grupos de Educación Infantil do CEIP M. Rivero e a residencia d’As Dores, onde elaboraron vídeos e recolleron contos ilustrados polos nenos e nenas. Igualmente fotografaron un día na vida de nenos-as, adolescentes e avós para logo expoñer na reunión e participar en distintos talleres.
Os adolescentes foron acollidos por familias locais, unha experiencia altamente enriquecedora pois tiveron a oportunidade de coñecer desde dentro a cultura e vida diaria das familias de Tekirdag. Igualmente puideron coñecer de primeira man unha cidade cultural e historicamente tan relevante como é a vella Constantinopla, actual Istambul.
O grupo regresou o xoves 18; será agora cando toca escoitar as súas impresións acerca desta interesante experiencia.