Estadía en Langogne (Francia) de alumnado do IES Laxeiro

Do 7 ao 13 de febreiro unha delegación do IES Laxeiro atópase visitando a localidade francesa de Langogne, no departamento de Lozère, onde se atopa o Collège Marthe Dupeyron, a escola de acollida. Esta vila, medieval duns 3200 habitantes, constitúe a porta nordeste da rexión Languedoc-Rosellón. Esta visita enmárcase no proxecto Erasmus+ “Tunnel of Time”, cofinanciado pola Comisión Europea, no que o noso instituto participa xunto con centros de Finlandia, Turquía e Francia. Tras unha primeira presentación á comunidade escolar, a delegación internacional foi recibida polo alcalde do comuna, o equivalente ao noso concello.
No intercambio participan seis estudantes de 4º de ESO e os profesores Loli F. Villanueva e Xosé M. García. Ademais de convivir coas familias anfitrioas e integrarse na vida escolar do centro de acollida, comparten os resultados das actividades relacionadas co proxecto. Nesta ocasión 30 estudantes dos países socios poñen en común unha visión interxeracional sobre a vida laboral de avós, pais e responsables de negocios ou empresas, a través de entrevistas a estes colectivos nos diferentes países. Así, dentro das visitas do programa, inclúese a visita á residencia de anciáns da pequena localidade occitana e a unha das escolas de Educación Infantil. A anterior reunión tivo lugar en maio pasado en Lalin e a temática versou sobre a perspectiva de xénero en diferentes grupos de idade, desde preescolar a avós.
A historia e cultura da área que acolle aos estudantes tamén forman parte do programa, incluíndo varias visitas como a da cidade próxima de Le Puy-en-Velay onde comeza unha das grandes vías francesas de peregrinación a Compostela, a que pasaba por Conques en dirección a Roncesvalles.
A experiencia está a resultar altamente enriquecedora desde o punto de vista  da interculturalidade, da aprendizase de linguas e das habilidades de vida.