Participación do IES Laxeiro no encontro internacional en Kuopio (Finlandia)

O IES Laxeiro participa, no marco do proxecto Erasmus+ Tunnel of Time, nun encontro internacional na cidade finesa de Kuopio xunto con delegacións do centro escolar Şehit Mehmet Şengül Ortaokulu, sito na cidade turca de Tekirdağ, do Collège Marthe Dupeyron, da vila francesa de Langogne e os seus correspondentes do Jynkänlahden koulu na cidade nórdica. Un total de 20 estudantes, 6 deles lalinenses de 4º de ESO, son acollidos por outras tantas familias de Kuopio, mergullándose deste xeito na vida local de modo completo e mesmo na escolar pois participan de boa parte das súas actividades, xa derradeiras ao remataren o curso escolar no mes de maio.



O evento forma parte dos intercambios de curta duración do proxecto Erasmus+ Tunnel of Time, cofinanciado pola Comisión Europea, no que participan os catro institutos. Este “meeting” ou actividade transnacional de ensino e aprendizaxe é o último deste proxecto bianual (2017-19) próximo a rematar. A igualdade de xénero, aspectos de mundo laboral así como os costumes de cada país foro temas abordados e postos en común a través dunha visión interxeracional e no que colaboran centros de Educación Infantil e residencias da terceira idade de cada país (en Lalín o CEIP M. Rivero e As Dores).

A historia e cultura da área que acolle aos estudantes tamén forman parte do programa. Os estudantes poideron coñecer a cidade de acollida e como era a vida en Finlandia no pasado así como seguir os pasos de Minna Canth, pioneira nestas terras na reivindicación dos dereitos da muller. A cidade medieval de Savonlinna e o seu castelo, o museo do bosque de Lusto (ampla mostra do significado do bosque na vida e na economía finesa, país cun 75% do territorio cuberto por bosques) ou a igrexa de Kerimäki, a máis grande construída enteiramente en madeira (na foto detrás dos estudantes) son outro punto de interese visitados pola delegación internacional.

O grupo lalinense regresa o xoves día 30, tras unha breve parada na capital, Helsinqui.

Na visita a Olanvinna, o castelo da cidade medieval de Savonlinna

Na cerimonia de acollida, con todo o alumnado do Jynkänlahden koulu

Na festa de graduación do alumnado de noveno grado (4ºESO)