Entre o silencio e a música, a nosa microliteratura

Os nosos microrrelatos e micropoemas agroman na primavera "porque os escrebemos no tempo silencioso da invernia", como anunciaba Luísa Villalta, escritora a quen se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas e que, por este mesmo motivo, amadriña o XI Concurso de Microrrelatos e Micropoemas DinamizaEstrada, convocado polos Equipos de Normalización Lingüística dos centros de ensino do noso concello. 

Nesta nova edición voltaron participar centos de estudantes con micropoemas e microrrelatos que debían incluír as palabras "silencio" e "música", respectivamente, escollidas no 1º trimestre nunha votación polos escolares de entre unha serie de termos recollidos na obra de Luísa Villalta. Non foi doado o labor dos xurados dos respectivos centros nin do xurado da fase final, que se reuniu a finais de febreiro para seleccionar os textos e deseños gañadores entre os máis de 200 traballos finalistas. 

Como se sinala na Acta de Resolución, "O xurado valora moi positiva a aproximación literaria dos textos presentados ás palabras propostas, destacando a orixinalidade e calidade dos traballos premiados, que en moitos casosacadan un alto nivel creativo e lingüístico. Tamén se destaca a adecuación de moitos textos premiados ao contexto social dos tempos en que vivimos, abordando temáticas como o acoso,a violencia de xénero, a ecoloxía ou a paz, con madureza e orixinalidade". Xa que logo, parabéns para todo o alumnado participante e para o profesorado que o guiou unha vez máis!

Os traballos de Rosalía Mazás Sebio, Celia Castaño Pazos, Victoria Aller Pazos e Helena Castaño Pazos resultaron gañadores e formarán parte do libro que será presentado na Festa das Palabras, que se celebrará a finais de maio no Teatro Principal. Tamén chegaron á fase final Jimena Conde Codesido, Gorka Arcay Rocamonde, Julia Canicoba Gestoso, Lucía Villar Fins, Desirée Vidal Godoy, Noa Cabaleiro Ribadulla, Pablo García Villamor e Breixo Fernández Picallo.

Reiteramos a nosa noraboa a todos/as eles/as e a todo o alumnado participante e convidámosvos a asistir á XI Festa das Palabras.