Música, poesía e moita lingua

Esta mañá deu comezo o programa das Letras Galegas 2024 no IES Nº 1 da Estrada cun concerto comentado a cargo da estradense Isabel Rei Samartim, guitarrista e profesora do Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela que estudou a obra dos irmáns Valladares, en especial de Avelina. 

Esta primeira actividade dirixida ao alumnado de 3º e 4º ESO puxo de relevo a estreita relación que gardan entre si a poesía e a música e permiten conectar a traxectoria de Avelina Valladares con Luísa Villalta, autora homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas. Precisamente, os alumnos Gorka e Rosalía (1º ESO) e mais a súa profesora Anxos Cabada achegaranse á Radio Estrada mañá, sábado 11, para dar a coñecer os vínculos existente entre a experiencia musical e a creación literaria da escritora coruñesa. Sintonizade, pois, Radio Estrada ás 10:00 para escoitar o monográfico especial do programa "Recuncho da Lingua" que dirixe Pilar Bernárdez. A obra de Luísa Villalta será obxecto de atención durante estes días nas aulas e a través da exposición Viaxe polo metaverso, que xa ocupa os corredores do centro.

A poesía aínda ten reservada unha nova data (martes 21 de maio) na nosa programación co encontro do alumnado de 4º ESO con Carlos Negro, autor de numerosos poemarios, algúns deles dedicados especialmente ao público xuvenil, como Aplicación instantánea. Profesor de lingua e literatura galega, escritor e poeta, a súa conexión coa mocidade, máis aló da docencia, vén determinada polo labor de achegamento da poesía ao público xuvenil que está desenvolvendo nos últimos anos a través de diversos recitais e obradoiros. Teñen grande éxito entre o lectorado novo títulos como Makinaria, Penúltimas tendencias ou Masculino singular, libros que rompen con estereotipos de xénero e contribúen na construción dunha sociedade máis igualitaria.

Por último, e baixo o lema "Dende aquí até acolá, GALEGO XA!", o alumnado de 1º e 2º ESO participará nese mesmo día, xunto cos rapaces e rapazas do resto de centros de ensino da Estrada e da comarca, nunha nova edición do Correlingua, a carreira polo idioma que este ano quere visibilizar a necesidade de ensanchar o número de falantes en galego e a urxencia de facelo entre as franxas de idade máis novas. O Correlingua, organizado pola AS-PG, A Mesa e a CIG-Ensino, voltará a encher as rúas e prazas da Estrada de mocidade, música e moito galego.