Skip to Content

Novas en Bibliomalveiras

LECTURAS VERÁN 2014

Aproveitamos as vacacións para desenvolver aquelas actividades que normalmente non temos tempo de facer. A lectura pode ser unha delas. Velaí unhas recomendacións de BIBLIOMALVEIRAS para este verán:

(Para ler a publicación fai clic sobre a imaxe)
 

PREMIO MINERVA DE POESÍA PARA ANTÓN BLANCO


Temos o pracer  de informarvos de que ao noso alumno de Bacharelato, Antón Blanco Casás, foille outorgado o 1º premio Minerva na modalidade de poesía  ademais da medalla de prata conmemorativa pola súa triloxía A danza dos xacentes

Podedes ler aquí a nova completa na páxina web do Colexio Manuel Peleteiro onde se detallan os gañadores nas distintas modalidades e os premios concedidos.

Parabéns ao noso alumno. Queremos animar ás súas compañeiras e compañeiros a presentar outros traballos porque xa vedes: hai calidade!

Podedes ler a nova tamén nos medios facendo clic nas imaxes:

 

                                                                      

 

PRESENTACIÓN DE "DESGASTE VITAL" DE PAULO GARCÍA

O noso ex-alumno Paulo García Conde ven de publicar unha novela titulada "Desgaste Vital". 

Despois dunha exitosa presentación no auditorio de Vilagarcía, temos a honra de recibilo no noso centro educativo cun público selecto: o alumnado de 2º de Bacharelato, os participantes no obradoiro de poesía  e os participantes do Club de lectura. 

 

LER A NOVA EN BIBLIOMALVEIRAS           VER GALERÍA DE FOTOS

 

  

PRESENTACIÓN DO LIBRO "TALLER DE POESÍA"

VER GALERÍA DE FOTOS

O proxecto do TALLER DE POESÍA naceu no curso 2012-13, coa intención dar espazo á creación poética do noso alumnado e está incluído nas actividades do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares que estamos levando adiante no noso centro educativo.

Actuou como coordinador D. Augusto Guedes de Castro, que foi  Director do noso centro durante varios anos e que na actualidade goza dunha xubilación activa e, como podemos comprobar, moi fructífera. Ao longo de varias sesións o grupo participante, que era heteroxéneo, tivo ocasión de reflexionar sobre temas, técnicas, motivacións para escribir e  os resultados acadados foron sorprendentes. Participantes: Antía Maneiro (4ºPDC), Raúl Varela (1ºBAC), Carolina Silva (1ºBAC), Olesya Kanevska (1ºBAC), Candela Vidal (2ºBAC) e Antón Blanco (2ºBAC).

MÁIS INFORMACIÓN EN BIBLIOMALVEIRAS 

O libro TALLER DE POESÍA recolle unha selección de composicións que estes autores noveles presentaron diante dos seus compañeiros o pasado martes, 11 de febreiro (ver vídeo) e que volverán a presentar diante de nais, pais, compañeiros, compañeiras, prensa e todo o público que queira asistir o xoves 13 de febreiro ás 20h na Biblioteca do noso centro. 

RECORTES DE PRENSA

    

13/2/2014                   14/2/2014

LECTURAS VERÁN 2013

Chegou o sol, o calor. Aquí tes unha lista refrescante de posibilidades para vencer o aburrimento da sesta, os tempos mortos na praia, para disfrutar aínda maís deses momentos agradables do solpor. Xa sabes: este verán,...le sen moderación!

Que ler en 2ºESO (e 1ºESO)

Que ler en 3ºESO (e 4ºESO)

Que ler en 1ºBACHARELATO (e 2º)

TANIA BUGALLO PREMIADA POLA SÚA "CANELIÑA"

No acto de despedida de 2º de Bacharelato, a alumna Tania Bugallo de 2º Bacharelato-C recibiu o premio outorgado polo xurado do concurso "Deseña a mascota da biblioteca" pola súa "Caneliña".  O premio, un libro electrónico, foille entregado pola Xefa de Estudos, Ana Barral, en representación do xurado do concurso. Parabéns Tania!

 
 

CELEBRACIÓN DO DÍA DO LIBRO

Co lema "Máis libros, máis libres", o día 22 de abril, data de pasamento de Miguel de Cervantes,  o noso instituto uniuse ás numerosas  celebracións do día do libro. Todo o mundo que quixo participar congregouse no 2º recreo no portal de entrada co seu libro favorito .  En canto soou o timbre comezaron a ler todos xuntos. Unha experiencia colectiva para celebrar o día dedicado aos libros e á lectura.

23 de abril. Día do Libro: "Máis libros, máis libres"

A NOVA MASCOTA DA BIBLIOTECA: CANELIÑA

A mañá do xoves 11 de abril de 2013 reuníuse o xurado para elixir a mascota da nosa biblioteca, Bibliomalveiras entre os oito deseños presentados.  E por suposto tívose tamén en consideración o voto emitido polo alumnado.

Despois do escrutinio final saíu elixida  CANELIÑA, obra de TANIA BUGALLO MUÑIZ de 2ºBAC-C (modalidade Artes). A entrega do premio correspondente realizarase dentro das actividades do MES DAS LETRAS.

Así pois, dámoslle a benvida a CANELIÑA!

OBRADOIRO DE POESÍA CON DORES TEMBRÁS

 

 

     O venres 5 de abril tivo un lugar o obradoiro Poesía + Graffiti impartido pola poetisa Dores Tembrás e dirixido ao alumnado de 4ºESO-B. Nunha primeira fase de sensibilización Dores presentou a obra poética dalgúns das autoras e autores máis salientables en distintos idiomas, entre eles varias galegas e galegos actuais. Nunha segunda fase, máis técnica tentou aprenderlle ao alumnado a buscar como artellar a expresión da propia sensibilidade, da propia visión do mundo. Un traballo delicado e intenso o de Dores Tembrás, sen dúbida. Por iso queremos agradecerlle toda a inspiración e o alento que lle deu aos poetas que abrollan no instituto de Carril.

     Para ter unha información máis completa e ver fotos da clase podedes visitar o artigo do blog da Biblioteca dedicado a este obradoiro. Tamén podedes visitar o artigo do blog da autora dedicado ao obradoiro en Carril e se queredes saber máis sobre esta autora e o seu traballo aquí tedes a páxina web de Dores Tembrás.

"MATRIARCAS" DE MONTSE FAJARDO EN CARRIL

 

 O xoves, 28 de febreiro de 2013, a proposta do Departamento de Historia, tivo lugar na biblioteca a presentación do libro "Matriarcas" da xornalista Montse Fajardo. Este libro contribúe ao coñecemento da nosa historia colectiva máis próxima a través das experiencias de dez mulleres singulares. Dúas das protagonistas, Waldina Pereira e Maruja Trigás, acompañaron á autora na presentación e respostaron ás preguntas dos asistentes.

Os alumnos que asistiron a este acto formal de presentación do libro estableceron contacto directo con estas dúas protagonistas do libro e máis coa autora, achegándose ao seu traballo. Ademais deste xeito souberon como se iniciou o préstamo de libros en aluguer no Carril, antes de que houbese bibliotecas públicas.Este acto está integrado nun conxunto de actividades de dinamización e formación documental do plan de Mellora da Biblioteca.

Ver a GALERÍA DE FOTOS da presentación.

 


Distribuir contido


by Dr. Radut