Pais/Nais
Conmemoracións
PIONEIRAS
admin — Mar, 09/03/2021 - 22:48
PIONEIRAS
Para dar voz a todas esas mulleres silenciadas ao longo da historia o alumnado de primeiro de Bacharelato fixo uns pequenos vídeos adicados a mulleres galegas pioneiras en distintos ámbitos: aviación, medicina, astronomía, deportes... velaquí algún exemplo.
DÍA INTERNACIONAL DA MULLER E A NENA NA CIENCIA
admin — Xov, 18/02/2021 - 02:55
DÍA INTERNACIONAL DA MULLER E A NENA NA CIENCIA
O 11 de febreiro, con motivo do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, as alumnas de 4º ESO B, C e D participaron nos obradoiros en liña organizados pola Unidade de Cultura Científica e da Innovación da Universidade de Vigo, “Elas Fan Cien Tec”. Na actividade programaron un xogo con Scratch, unha páxina web en linguaxe HTML, e utilizaron nun xogo a linguaxe Python, con investigadoras e docentes da Escola de Enxeñería de Teleco como monitoras. Segundo datos da UNESCO, menos do 30 % dos investigadores en todo o mundo son mulleres e so o 30 % das estudantes escollen estudos superiores dentro do campo das ciencias, a tecnoloxía, a enxeñería e as matemáticas (STEM). Esta iniciativa da Universidade está destinada a dar a coñecer todo o que abranguen as áreas de coñecemento científico-tecnolóxico ás alumnas de distintos centros educativos.
25 DE NOVEMBRO. DÍA INTERNACIONAL DA ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA A MULLER.
admin — Xov, 03/12/2020 - 22:26
25 DE NOVEMBRO. DÍA INTERNACIONAL DA ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA A MULLER.
O día 25 de novembro, con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, o centro participou na actividade asociada ao programa EnlazaVigo 2020 do Concello de Vigo. O alumnado elaborou slogans contra a violencia de xénero co que despois decoraron as escaleiras e paredes do centro. Un deles tamén foi escollido para a exposición da Rúa Peonil do Calvario.
Ademais, o alumnado de 3º ESO en adiante viu a obra de teatro online “O último romántico”, na que se trata a violencia de xénero, e participou nun coloquio coa autora da obra e a produtora.
CONMMEMORACIÓN DO 11 F DÍA DA MULLER E DA CIENCIA EN GALEGO
admin — Ven, 21/02/2020 - 03:17
CONMMEMORACIÓN DO 11 F DÍA DA MULLER E DA CIENCIA EN GALEGO
O 11 de febreiro conmemorando o Día da Muller e da Nena na Ciencia invitamos a D.ª Natalia Caparrini, Vicerrectora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria da Universidade de Vigo, que impartiu unha charla ao alumnado de ciencias de 1º de Bacharelato. A Doutora en Ciencias Xeolóxicas e Profesora da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía, realizou un percorrido explicando a súa formación científica, o grupo de investigación o que pertence, proxectos realizados e postos de responsabilidade desempeñados ao longo da súa carreira profesional e toda unha serie de datos que resultaron reveladores para o alumnado. Grazas pola participación e colaboración!
SEMANA DA MULLER E DA NENA NA CIENCIA
Con motivo da conmemoración do Día da Muller e da Nena na Ciencia o Departamento de Bioloxía e Xeoloxía do IES Rosais 2, dentro do que contempla o Plan de Igualdade do Centro, promoveu en colaboración cos Departamentos de Física e Química, Tecnoloxía, Matemáticas, Educación Plástica e o Equipo de Normalización Lingüística, unha serie de actividades que pretenderon achegar a labor científica desenvolvida por mulleres ao alumnado. Compre salientar a elevada participación e implicación do alumnado da ESO e do Bacharelato en diversos traballos, exposicións, proxeccións, xogos didácticos “Coñecemos as Mulleres Científicas”, lecturas de cómics en relación coa celebración, un breakout matemático, etc. As exposicións realizadas foron: “Margarita Salas: un referente da Ciencia en España”, “Mulleres Científicas” e o Consurso-Exposición “Mulleres e Ciencia” onde resultaron gañadores, Silvia Bravo (2º ESO B), Martín Gavira (1º Bach. A) e Santiago Romero (1º Bach. B).
O Presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, pronunciou unha conferencia o 25 de febreiro, conmemorando o 177 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro. O brillante estudoso rosalián, autor de numerosas obras arredor da figura da escritora, realizou un percorrido pola súa biografía, situándoa en paralelo coa do seu esposo, Murguía, desde o casamento de ambos, acontecido en 1858. Da man de Don Xesús percorremos as relacións persoais da autora, asistimos ao nacemento dos sete fillos, contemplamos a saudade sentida ao deixar a terra por causa do traballo de Manuel Murguía, sen esquecer o trasfondo dos graves problemas económicos que acuciaban á parella, o que unido á fráxil saúde de Rosalía incidiu sen dúbida na súa obra. O noso Instituto tivo, pois, a honra, de lembrar a través da voz do Presidente da nosa Academia, que foi Vigo, na imprenta de Compañel, a cidade que viu saír á luz a obra de Cantares Gallegos, coa que se deu por inaugurado o Rexurdimento, unha etapa esperanzadora tras 300 escuros anos de silencio.
O pasado 28 de novembro, no Auditorio Municipal de Vigo celebrouse unha nova edición do concerto A Harmonía dás Aulas. Nesta ocasión, celebrouse en homenaxe á profesora de Música Dª. Blanca Lorenzo Royo, xa xubilada, tras longa e frutífera traxectoria no Instituto Rosais 2, de Vigo.
Este ano participaron alumnos e profesores de nove institutos de Vigo: Alexandre Bóveda, Carlos Casares, Castelao, Álvaro Cunqueiro, A Guía, San Tomé de Freixeiro, R.O. do Uruguai, Valadares, sumándose o instituto Primeiro de Marzo de Baiona, sendo coordinados polo Instituto Rosais 2.
De especial relevancia, polo seu sentimento e calidade foi a descrición de Blanca Lorenzo, realizada pola Profª Ana Sabela Gago González, Vicedirectora do Centro que escoitou con emoción a profesora homenaxeada, quen estivo rodeada dos seus familiares, amigos máis próximos e outros compañeiros xubilados do Instituto Rosais 2.
Apuntamento biográfico:
Branca Lorenzo Royo naceu en Madrid, combinando as carreiras de Bioloxía e Piano; elixindo a música para o exercicio profesional. Concertista de piano e espineta, deu concertos en múltiples localidades de España; especializándose na música de Bach. Gañou por oposición unha praza no Conservatorio Superior de Vigo e, posteriormente, aprobou as oposicións a Profesor Agregado de Bacharelato; exercendo, a partir de 1988 no Instituto Rosais 2 de Vigo, onde deixou unha profunda pegada en alumnos e compañeiros durante vinte anos de docencia.
A súa paixón musical levouno a organizar concertos de alumnos de música culta e popular, por Sta. Cecilia, Nadal, etc. e a coordinar nove edicións de concertos intercentros A Harmonía dás Aulas.
O pasado día 6 de maio, ás 13 h celebrouse no noso Centro un acto In memorian da nosa compañeira a profesora de Filosofía Dª Isabel Goldaracena del Valle, falecida no mes de xuño de 2012. Xunto a familia da homenaxeada participou o claustro do Centro así como os profesores xubilados e un gran número de alumnos.
A homenaxe comezou cun acto académico no que se lembrou a persoa de Dª Isabel coa actuación do Coro do Instituto e a entrega dun recordo do Centro á familia.
De seguido foi impartida una brillante conferencia a cargo do ex-ministro de Educación e Catedrático de Filosofía da Universidade Autónoma de Madrid, D. Ángel Gabilondo.
Nas clases de Lingua e Literatura Galega de 3º ESO impartidas pola profesora Ana Belén Moreda, a poesía acompañou o desenvolvemento da materia dende comezo de curso, enchendo o corazón do alumnado e atrapándoos pouco a pouco. Convertéronse en creadores de fermosos tautogramas titulados "Todo ten x/m en Galicia", en grandes recitadores e recitadoras que puxeron voz a Celso Emilio, Rosalía, Manuel María, Antonio García Teijeiro ou Ana Romaní, e agora, co gallo da celebración do día da Paz, decidimos fundir poesía e imaxe, tendo como modelo a obra de Apollinaire, para crear estes fantásticos caligramas que aquí vos deixamos.
Buscar
Blogs do centro
Redes Sociais
Proa+