Pais/Nais
Conmemoracións
CURSO 20011-2012
17 MAIO, DÍA DAS LETRAS GALEGAS
CONFERENCIA ROSA ANEIROS
Con motivo da celebración do Día das Letras Galegas, o Departamento de Lingua Galega e Literatura convidou ao noso Instituto a escritora Rosa Aneiros, autora de varias obras en lingua galega, obras ben coñecidas polo noso alumnado. Resistencia é unha das obras aprezadas polo alumnado de Bacharelato, non en van foi premiada como mellor novela en lingua galega no ano 2002. Tamén a novela de Sol de Inverno, que recibiu o premio Xerais de novela no ano 2009 é ben coñecida en Bacharelato. Nesta ocasión, a autora centrouse en Ás de Bolboreta, novela que en 1º. de Bacharelato se estivo a traballar durante o trimestre. Esta obra recibiu o premio de Literatura Xuvenil. O alumnado asistiu expectante a esta charla, precisamente pola lectura previa que dela se fixera.
Rosa Aneiros fixo un achegamento á súa obra dunha forma realmente cálida, a través da conversa co alumnado, e na que as aportacións deste foron realmente un engadido máis á interpretación que ela quixo facer. Obsequióuselle, ademais de cunha figura que tentaba representar simbolicamente o mundo do conto, da fantasía, e mais cunha canción así titulada, “Ás de bolboreta”, interpretada ao piano por José López Miralles, alumno de 1º de bacharelato A. A autora puido comprobar a través dunha exposición “de” e “sobre” ela, o coñecemento agarimoso que o alumnado ten da súa figura. Foi, unha vez máis, un auténtico pracer que Rosa quixera compartir unha tarde connosco. Ao final, deixou en nós, tal e como ela di na súa obra, un sorriso de “bolboretas de ás brillantes con restos de seda”
EXPOSICIÓN MARCAPÁXINAS
O Día das Letras Galegas deixounos diversas actividades coas que alumnado e profesorado de Lingua Galega e Literatura quixeron celebrar esta data. Entre elas, levouse a cabo as exposicións de marcapáxinas. Cada alumno, como vén sendo costume por estas datas, confecciona dous marcapáxinas, un para agasallar e outro para expoñer. A creatividade e o enxeño son realmente magníficos, como quedou patente na mostra. Penduralos do teito forma parte desta actividade, e durante toda a semana fixeron remuíños de vento, para nos lembrar que esta data tan importante non pasou desapercibida.
EXPOSICIÓN ACRÓSTICOS
Outra das actividades organizadas polo Departamento de Galego co alumnado foron os acrósticos, que se expuxeron á vez que os marcapáxinas.
Coas letras do nome completo de Valentín Paz Andrade construíron composicións que nalgúns casos foron auténtica poesía, pero que en todos eles intentaron ser unha digna homenaxe á figura a quen se lle adicaba a celebración
23 ABRIL, DÍA DO LIBRO
UN LIBRO NA MIÑA VIDA
O Día Internacional do Libro, conmemoración celebrada a nivel mundial, sorprendeunos este ano, o 23 de abril, coa exposición que o Departamento de Lingua Galega e Literatura quixo realizar. Partiuse dunha vella forma de escrita que Agustín Fernández Paz, cando fora profesor do noso Centro, propuxera. Cada alumno debía seleccionar o fragmento da obra que máis o marcara, que máis atractiva lle parecera. Despois, escrito xa ese fragmento de narrativa, poesía ou teatro, expúxose de xeito que debaixo del aparecese moitas veces o título e o autor, en pequenas tiras que se podían arrincar, do mesmo xeito que pola cidade se anuncian vendas de inmobles ou clases particulares.
Esta exposición acompañouse doutra titulada “Eu tamén escribo. Eu tamén leo”, composta de escritos producidos polo alumnado de ESO e diversas fotografías onde se rexistraba ese momento delicioso no que a lectura nos engole e nos translada a outros mundos marabillosos.
175º ANIVERSARIO DO NACEMENTO DE ROSALÍA DE CASTRO
Con motivo do 175º aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, o noso Instituto tivo a honra de recibir a Dª. Helena Villar Janeiro, insigne escritora que neste caso nos visitou en calidade de Presidenta do Patronato e Fundación Rosalía de Castro. O noso alumnado quixo recibila coa exposición que titularon “Rosalía no corazón”, na que traballaron desde poemas adicados á autora ata textos e collages realizados por eles mesmos, pasando por proxeccións musicadas arredor da figura da escritora de Padrón.
Dª. Helena foi recibida polo Coro do Centro, que interpretou para ela o poema “Corre o vento”, da obra rosaliá, con música da directora do Coro, Dª. Ruth Barros. A seguir, Dª. Paz Raña fixo a presentación da presidenta da Fundación rosaliá, quen titulou a súa Lección Conmemorativa: “Rosalía de Castro: alumna e pedagoga de Galicia”. A súa conferencia, que discorreu emotiva e sabiamente, rematou entre aplausos denantes de que o director do Grupo de Teatro Rosais 2, acompañado ao piano por un alumno do Centro lle adicara a lectura do poema “Negra sombra”. Tras obsequiala coas nosas flores e outra rosa moi especial coa que quixemos simbolizar o nome do Instituto, Dª. Helena Villar foi a encargada de entregar o premio á aula que resultou gañadora no Concurso de Murais Colectivos que se convocara arredor da figura de Rosalía. En palabras da escritora: “Quero que saibades que o paso polo voso IES foi unha das cousas máis bonitas que me pasou ultimamente. O 23 de febreiro recordareino por vós. E quero que saibades que por Rosalía se pode traballar desde moitos sitios. Vós estádelo a facer desde un IES de forma marabillosa. E eu sempre estarei ao lado de quen traballe por ela.”
- « primeira
- ‹ anterior
- 1
- 2
- 3
- 4
Buscar
Blogs do centro
Redes Sociais
Proa+