A Consellería de Cultura e Educación publica a Orde pola que se implanta a Formación Profesional Básica no curso 2014/2015

Os ciclos formativos de FP Básica que se impartirán a partires do próximo curso constarán de 2.000 horas equivalentes a dous cursos académicos a tempo completo

Créanse por primeira vez en Galicia programas formativos específicos para o alumnado con necesidades educativas especiais

Mér, 13/08/2014 - 13:01
 A Consellería de Cultura e Educación publica a Orde pola que se implanta a Form
A Consellería de Cultura e Educación publica a Orde pola que se implanta a Formación Profesional Básica no curso 2014/2015

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a Orde pola que se regulan aspectos específicos para a implantación das ensinanzas de formación profesional básica no curso académico 2014-2015, a nova modalidade da FP que vén a substituír aos antigos Programas de Cualificación Profesional Inicial (PCPI). A través desta normativa comezarán a impartirse en setembro tanto os ciclos de FP Básica como os 19 programas formativos que por primeira vez aparecen para atender de forma específica ao alumnado con necesidades educativas especiais.

Segundo se establece na Orde publicada hoxe, os ciclos formativos de FP Básica que se impartirán a partires do vindeiro curso constarán de 2.000 horas equivalentes a dous cursos académicos a tempo completo. Estes ciclos inclúen tres tipos de módulos profesionais: uns asociados a unidades de competencia do Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais; módulos de Comunicación e Sociedade I e II; módulos de Ciencias aplicadas I e II,  e un módulo de formación en centros de traballo. Tamén se impartirá en todos os ciclos unha unidade formativa de Seguridade e Saúde Laboral, co fin de facilitar a inclusión laboral do alumnado.

Doutra banda cabe salientar que a acción titorial e a orientación académica terán un papel significativo en cada un dos cursos da FP Básica. O obxectivo é precisamente guiar ao alumnado na transición ao mundo laboral ou académico, e tamén nos plans de acollemento no centro. A este respecto, os alumnos recibirán apoio específico sobre técnicas de estudo e organización do traballo, resolución de conflitos, habilidades comunicativas, traballo en grupo, e toma de decisións entre outros.

Cómpre sinalar que o Decreto polo que se regulan aspectos específicos da formación profesional básica das ensinanzas de formación profesional do sistema educativo en Galicia e se establecen vinte e un currículos de títulos profesionais básicos continúa a súa tramitación.

Necesidades educativas especiais

Como novidade dentro da FP Básica para este curso, impartiranse por primeira vez en Galicia programas formativos específicos para alumnado con necesidades educativas especiais, que ata o momento non existían. Neste ámbito ofértanse un total de 19 programas formativos de nove currículos diferentes adaptados ás necesidades específicas deste alumnado.

Estes programas formativos terán unha duración dun curso académico e neles incluiranse módulos de títulos profesionais básicos asociados ao bloque común, e outros de formación apropiados para a adaptación ás súas necesidades.

Vantaxes da FP Básica

A FP Básica supón un significativo avance respecto dos PCPI, permitindo que o alumnado que remate estes ciclos teña un Título de Formación Profesional Básica, que ten xa os mesmos efectos que o de graduado en ESO á hora de obter un emprego público ou privado. Neste sentido cómpre sinalar que se trata dunha ensinanza encadrada na Clasificación Internacional Normalizada da Educación da UNESCO, no nivel CINE 3.

Entre outras vantaxes comparativas, estes ciclos permiten a mobilidade dos estudantes entre as diferentes Comunidades Autónomas; e os maiores de 21 anos que acrediten unidades de competencia poderán acceder a obter un título de FP Básica, o que non era posible cos PCPI. Ademais, Galicia contará por primeira vez cun ciclo formativo para alumnos con necesidades educativas especiais.