A comunidade educativa galega pode acceder desde mañá ao cuestionario on line sobre convivencia nas aulas que impulsa a Consellería de Cultura e Educación

Está dirixido tanto ao alumnado como a docentes, familias e persoal non docente vinculado aos centros educativos, que dispoñen de prazo ata o 30 de novembro para cubrilo

Accédese a el a través dunha aplicación informática e cunhas claves aleatorias que a dirección de cada centro entrega aos seus membros

Hai sete tipos de cuestionarios distintos en función do colectivo aos que vai dirixido, cunhas 20 preguntas sinxelas e directas por documento

A Consellería fai un chamamento á participación, xa que canta máis información se dispoña, máis preciso será o diagnóstico e máis efectivas serán as medidas a implementar

Lun, 09/11/2015 - 19:00

O conxunto da comunidade escolar galega –un público potencial de 500.000 persoas entre alumnado, docentes, familias e persoal non docente- poden completar desde mañá o cuestionario on line deseñado pola Consellería de Cultura e Educación co obxectivo de testar o estado da convivencia escolar nos centros da nosa comunidade (de infantil, primaria, secundaria, FP, Bacharelato, escolas de idiomas e conservatorios de música).

O cuestionario cóbrese a través dunha aplicación informática específica en liña, e son os directores dos propios centros os encargados de xerar as claves de acceso para todos os membros da súa comunidade educativa, de xeito totalmente aleatorio, garantindo así o anonimato dos participantes.

Ata fin de mes

Os destinatarios dispoñen de prazo ata o 30 de novembro para cubrila e, para facilitar ao máximo o proceso, poden acceder ao cuestionario -coas claves aleatorias que lle asinen- a través de calquera dispositivo electrónico (ordenadores, móbiles, tabletas,…). No caso do alumnado en escolaridade obrigatoria, os centros organizarán quendas para que as cubran nas súas aulas de informática, como xa fixeran na enquisa piloto.

Trátase dun proceso totalmente privado e anónimo e, co fin de acadar os resultados máis obxectivos posibles, o contido das preguntas coñecerano cada un dos participantes no proceso no mesmo momento en que decide cubrir o cuestionario. Non obstante, trátase de preguntas sinxelas, breves, claras e concisas que se poden contestar facilmente e que están deseñadas en función do colectivo ao que van dirixidas.

Experiencia piloto previa

A modo de exemplo, no caso do alumnado hai preguntas sobre a súa posible condición de vítima ou agresor en condutas contrarias á convivencia, así como sobre situacións que favorecen a resolución pacífica de conflitos tales como o traballo en equipo, o diálogo, etc. Precisamente, co obxecto de perfeccionar ao máximo o proceso e depurar calquera tipo de distorsión, a Consellería levou a cabo una enquisa piloto deste tipo en 34 centros escolares o pasado mes de maio. A información obtida nesa pilotaxe serviu para establecer agora o contido do cuestionario, que se aplica no cen por cen dos centros escolares galegos, preto de 1.400.

Unha vez concluído o proceso, cada centro escolar recibirá os seus resultados debidamente organizados. E, a partir deles, deberá analizar o seu caso particular e elaborar o seu propio Plan de Convivencia. A maiores, a Consellería realizará unha análise global da convivencia escolar en Galicia que sirva para orientar a toma de decisións desde evidencias sólidas.

Chamamento á participación

Hai que subliñar a importancia de participar neste cuestionario xa que, canta máis información se dispoña, máis axeitado será o diagnóstico que se realice a partir dos datos obtidos e máis efectivas serán medidas a implementar nos centros de cara á mellora do clima escolar e a resolución pacífica dos conflitos. É dicir, a Consellería parte da máxima de que a mellor maneira para poder avanzar na convivencia nas aulas é coñecer a situación da que partimos e, para iso, fai un chamamento á participación de todos os colectivos aos que vai destinado o cuestionario.

O cuestionario sobre convivencia escolar que hoxe se pon en marcha enmárcase dentro da Estratexia Galega de Convivencia Escolar 2015-2020 “educonvives.gal”, para afondar en medidas a prol dunha escola inclusiva e da mellora no clima nas aulas da nosa comunidade.