Román Rodríguez asina un convenio de colaboración coa ONCE para a atención especializada a máis de 352 alumnos con discapacidade visual

A Consellería destinará a esta medida de atención á diversidade máis de 198.000 euros, en prol dun ensino de calidade axustado á diversidade

Lun, 06/06/2016 - 12:37
Román Rodríguez asina un convenio de colaboración coa ONCE para a atención especializada a máis de 352 alumnos con discapacidade visual

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e o delegado territorial da Organización Nacional de Cegos Españois en Galicia, Manuel Martínez Paz; asinaron hoxe unha addenda ao convenio de colaboración para prestar atención especializada a 352 alumnas e alumnos con discapacidade visual en centros educativos de toda Galicia. A través deste acordo, a Consellería destinará máis de 198.000 euros para que 6 profesores do corpo de mestres desenvolvan as súas tarefas profesionais nos equipos específicos da ONCE, prestando apoio ao alumnado cego ou con discapacidade visual, tanto en educación primaria, 1º e 2º da ESO, como en centros e unidades de educación especial.

Deste xeito facilítase o acceso do alumnado con discapacidade visual escolarizado en centros ordinarios aos recursos tecnolóxicos e a transcrición e gravación a braille dos libros de textos e dos materiais curriculares, co fin de favorecer a súa inclusión educativa no marco dunha atención especializada e axeitada ás súas necesidades.

Esta unión dos recursos humanos dos que dispón a Consellería cos recursos materiais da ONCE responde ao cumprimento do compromiso fixado pola Consellería a partir da publicación do Decreto 229/2011, do 7 de decembro, polo que se regula a atención á diversidade do alumnado dos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia; e que se ve reflectido en diferentes colaboracións do departamento educativo da Xunta con entidades especializadas na atención a diversos colectivos.