A conselleira de Educación celebra o Día da Biblioteca no CEIP Plurilingüe de Meaño-As Covas

O departamento educativo da Xunta conmemora esta efeméride cun cartel, cuxo lema é este ano ‘Poéticas Diversas na Biblioteca Escolar’

Carmen Pomar salientou o bo facer da biblioteca do centro, referente pola implicación da comunidade educativa e pola súa innovación

Mér, 24/10/2018 - 14:08
A conselleira de Educación celebra o Día da Biblioteca no CEIP Plurilingüe de Meaño-As Covas

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, visitou hoxe a biblioteca escolar do CEIP Plurilingüe de Meaño-As Covas coincidindo co Día da Biblioteca, que se celebra en España a instancia da Asociación de Amigos do Libro Infantil e Xuvenil. Desde o departamento educativo da Xunta de Galicia conmemórase esta efeméride coa publicación de carteis anuais, este ano co lema Poéticas Diversas na Biblioteca Escolar.

Tal e como explicou a conselleira, a consigna escollida neste 2018 apunta cara a biblioteca escolar, os seus recursos e posibilidades como un lugar privilexiado para estimular o descubrimento da poesía, que se atopa en todos os lugares: nas paisaxes, na música, no cine, na palabra dos poetas, na tradición oral ou no último descubrimento científico. Poéticas Diversas convida a asolagar as aulas de poesía, a coñecer a excelente e variada creación poética galega destinada a todas as idades e a que o alumnado descubra a tradición lírica da nosa Comunidade.  

Nuria Díaz foi a ilustradora convidada a interpretar este lema e a compoñer o cartel, que foi enviado a todos os centros galegos de nivel non universitario. 

Na visita a conselleira estivo acompañada polo director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal; e polo delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís.

Centro de referencia

Carmen Pomar destacou durante a súa visita o bo facer da  biblioteca do CEIP Plurilingüe de Meaño-As Covas, un referente de boas prácticas, tanto pola implicación das familias, como por unha organización dos espazos e tempos escolares de carácter innovador, coa biblioteca como eixo central de toda a actividade. Non en balde, ten acadado varios premios no concurso de Traballos por Proxectos – convocado desde a Consellería para recoñecer proxectos realizados baixo a coordinación da biblioteca escolar e co seu apoio– e forma parte dos programas Biblioteca Creativa e Voluntariado de lectura.

O colexio ten unha ampla traxectoria no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (Plambe) no que participa desde o ano 2008. A maiores, conta coa súa propia emisora de radio e cunha cadea de televisión, Telecoviña, a través das que traballan de forma moi intensa a alfabetización informacional e mediática e a expresión oral, a lectura e a escritura, entre outros contidos e, en xeral, o conxunto de competencias clave contempladas no currículo.

A biblioteca deste CEIP foi ampliada e renovada este verán, ademais de mellorarse o  mobiliario e equipamento co fin de reforzar as posibilidades da biblioteca escolar como centro de aprendizaxes diversas. Así mesmo reforzáronse os recursos para a lectura e a escritura, reforzáronse os equipamentos para o traballo con  información e os traballos de investigación do alumnado e creouse un espazo maker (destinado a facilitar a aprendizaxe manipulativa, a exploración, a invención e a creación), entre outras melloras.

LÍA.2

O CEIP Plurilingüe de Meaño-As Covas é un dos convidados pola Consellería a participar no proxecto LÍA.2, dentro do Plan LÍA de bibliotecas escolares para o período 2016/2020, a través do cal a Consellería está explorando as posibilidades de evolución do modelo de bibliotecas escolares cara a un centro creativo das aprendizaxes.

Para ser seleccionados os centros debían contar cunha biblioteca escolar con traxectoria de excelencia contrastada, con espazo suficiente  na biblioteca ou posibilidades de ampliación do existente, con experiencia en traballos por proxectos, e cun equipo de biblioteca e equipo directivo comprometidos a colaborar coa Consellería no desenvolvemento do proxecto. Ademais, deuse prioridade aos centros de zonas rurais.