Carmen Pomar presenta o protocolo para a atención educativa ao alumnado con discapacidade auditiva

A conselleira participou nos Encontros de atención á diversidade desde os departamentos de orientación e os equipos de orientación específicos

Servirá como guía para a posta en marcha de medidas de intervención educativas que garantan a inclusión plena e o éxito escolar do alumnado con esta discapacidade

Xov, 21/02/2019 - 19:00
Carmen Pomar presenta o protocolo para a atención educativa ao alumnado con discapacidade auditiva

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, presentou hoxe, dentro do marco das actuacións destinadas a adecuar a resposta educativa á diversidade e o fomento da inclusión educativa,  o Protocolo para a Atención Educativa ao Alumnado con Discapacidade Auditiva. Trátase dun recurso que vai contribuír á consecución dun sistema educativo de calidade, inclusivo e equitativo e que estará a disposición de todos os centros e familias para funcionar como guía de apoio para este alumnado.

No marco dos Encontros de atención á diversidade desde os departamentos de orientación e os equipos de orientación específicos, a conselleira explicou que tanto este documento como todos os protocolos que se veñen elaborando dende o departamento para a atención á diversidade “contribúen á construción dun clima escolar positivo e respectuoso, necesario para promover unha orientación educativa de calidade e camiñar, en definitiva, cara ao éxito escolar”.

Neste sentido, Pomar salientou que o protocolo pretende afondar “na convicción de que todo o alumnado pode aprender cando se lle outorgan as oportunidades de educación axeitadas, se estimulan as súas capacidades e responsabilidades sociais e se traballa en colaboración coas familias e con outros membros da comunidade educativa”. “Todo este esforzo é o que converte o sistema educativo galego no máis inclusivo de España”, afirmou.

A elaboración do protocolo contou coa participación de profesionais da orientación educativa, como son os Departamentos de Orientación de centros educativos e persoas especialistas dos Equipos de Orientación Específico, especialistas de audición e linguaxe, técnicos da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG) e as asesorías técnicas docentes da Consellería.

Espírito e conceptos

O documento articúlase en nove epígrafes, comezando pola introdución, na que se especifica o contexto da súa elaboración. Síguelle a descrición dos principios reitores sobre os que se asenta o protocolo, en concreto a inclusión educativa, o deseño universal, a accesibilidade e a eliminación de barreiras de comunicación.

A epígrafe terceira define conceptos clave para comprender a perda auditiva, para axudar a detectala e para poder  planificar a intervención educativa. Nela abórdanse conceptos como o de audición, discapacidade auditiva, audiometría, axudas audioprotésicas (audiófono, implante coclear, implante osteointegrado), lingua de signos, alfabeto dactilolóxico, comunicación bimodal, lectura labial e palabra complementada.

Detección e intervención

Pola súa parte a cuarta epígrafe refírese ao diagnóstico e ao proceso de detección da perda auditiva. Deste xeito, e aínda que confirmar unha discapacidade auditiva será sempre competencia dos servizos médicos, o protocolo contempla indicadores que poden servir como guía a docentes e familia para detectar unha posible perda de audición.

A quinta epígrafe céntrase na descrición das necesidades educativas do alumnado con discapacidade auditiva, tales como a necesidade de adquirir un sistema de comunicación, de promover a súa participación activa na comunicación e nas relacións da aula ou de fomentar a súa autoestima e a plena inclusión.

As medidas educativas para atender este alumnado son obxecto da epígrafe sexta, dando preferencia á escolarización en centros ordinarios e a medidas como a adecuación do currículo, o reforzo e apoio do profesorado e as metodoloxías baseadas no traballo colaborativo por diante doutras extraordinarias, como poderían ser o apoio do profesorado especialista en pedagoxía terapéutica ou en audición e linguaxe, ou as adaptacións curriculares.

A epígrafe sete aborda a planificación da intervención educativa, que partirá sempre da identificación das necesidade do alumnado a través da avaliación psicopedagóxica, que é competencia das xefaturas dos departamentos de orientación dos centros educativos, coa colaboración dos profesionais que participan directamente no proceso de ensinanza-aprendizaxe e, de ser necesario, do Equipo de Orientación Específico. Neste sentido, ademais de establecer unha guía para a planificación a nivel de centro, a nivel de aula e na familia, inclúense orientacións para o emprego das axudas técnicas e outros recursos (audiófono, implante coclear, emisoras de FM ou intérprete de linguaxe de signos).

Así mesmo, ofrécense orientacións concretas para a intervención na comunicación xestual, na educación auditiva, na lectura labial, no desenvolvemento da linguaxe oral, na aprendizaxe da lectura, a intervención cos alumnos e coas alumnas con implante coclear, así como pautas para a sensibilización da comunidade educativa.

Avaliación e seguimento

O protocolo aborda tamén, na oitava epígrafe, a avaliación e o seguimento do alumnado con discapacidade auditiva, que terá como finalidade verificar o nivel de adquisición das aprendizaxes e estará presente durante todo o proceso de ensino e aprendizaxe, enriquecéndoo, impulsándoo e valorando todos os factores que inciden nel e sexan susceptibles de axuste ou mellora.

Ademais, recoméndase a implicación de todos os profesionais que atenden e este alumnado, que deberán facer, en todo caso, unha avaliación personalizada e adaptada que permita determinar as competencias adquiridas e analizar o funcionamento das medidas de intervención educativa tomadas.

Finalmente, a epígrafe nove é unha bibliografía, na que se ofrece unha listaxe de publicacións que abordan a discapacidade auditiva e a intervención educativa co alumnado que a presenta e que serven de complemento á información facilitada polo protocolo.