A Xunta unifica os procedementos para as ensinanzas deportivas

A Consellería de Educación publica unha orde que regula a organización e funcionamento dos centros que as imparten, así como os criterios de admisión, entre outros

Facilítase o traballo ao persoal docente e non docente e a actividade do alumnado

Mar, 03/08/2021 - 13:50

A Xunta vén de publicar no Diario Oficial de Galicia a primeira orde que concreta e unifica os procedementos para as ensinanzas deportivas de réxime especial dentro do ámbito da comunidade autónoma. O obxectivo é garantir unha correcta organización académica nos centros que imparten estas ensinanzas, facilitando o traballo do persoal docente e non docente e a actividade do alumnado.

A orde busca ademais dar seguridade xurídica a unha situación na que conviven dúas regulacións diferentes, debido á coexistencia de plans de estudo vixentes derivados tanto da Lei orgánica 1/1990 (LOXSE) como da Lei orgánica 2/2006 (LOE). Esta situación pode provocar situacións confusas á hora da aplicación de procedementos diferenciados segundo que modalidade deportiva se trate, en función da regulación pola que vén establecido cada título.

Entre outras cuestións, a orde regula a estrutura e duración das ensinanzas deportivas de grao medio e grao superior, así como a súa organización en módulos e os diferentes réximes das ensinanzas deportivas (presencial e a distancia). Así mesmo establece os períodos e lugares de realización do módulo de formación práctica, así como o seu seguimento.

Aspectos máis relevantes

Entre os aspectos máis relevantes da orde figura a regulación da organización e funcionamento dos centros, tanto públicos como privados, de cara ao establecemento da oferta formativa, dos requisitos de matrícula e dos períodos de realización das formacións, tendo en conta a necesaria flexibilidade diante dunhas ensinanzas afectadas tanto polo espazo natural como pola estacionalidade no que se desenvolven.

Así mesmo, unifícanse os criterios de admisión nos centros e as condicións nas que se realizan as probas de acceso específicas (preceptivas nestas ensinanzas), así como todo o relativo a avaliación destas ensinanzas, á promoción e permanencia do alumnado, así como ás condicións para a obtención do título, tanto de grao medio como de grao superior, nos centros públicos e privados. O obxectivo é que o alumnado e o profesorado conte cunha normativa única e clara na que apoiarse á hora de realizar estes procesos.

Por outra banda, o texto inclúe os procedementos para solicitar as exencións e validacións ao respecto das formacións levadas a cabo tanto polas federacións deportivas como pola vida laboral do alumnado. Neste sentido, favorecese a formación das persoas ao longo da súa vida, así como a mellora da cualificación profesional das persoas traballadoras.