Título node Learning object

Alumnado con altas capacidades intelectuais
Mér, 07/12/2011 - 15:10
Alumnado con sobredotación intelectual

Unha alumna ou un alumno presenta altas capacidades intelectuais cando manexa e relaciona, de maneira simultánea e eficaz, nun nivel sensiblemente superior á media, recursos cognitivos verbais, numéricos, lóxicos, memorísticos, espaciais e creativos.

Considérase alumnado con sobredotación intelectual cando amosa as seguintes características: unha capacidade intelectual moi superior á esperada para a súa idade, unha alta creatividade e un alto grao de motivación e perseveranza.

Así, das persoas talentosas afírmase que mostran habilidades excepcionais en áreas moi concretas, polo que se caracterizan pola súa competencia específica.

Das persoas precoces destacan as aprendizaxes temperás, xa que manifestan unha competencia específica prematura, das que dicimos que son un prodixio, sinalamos que conseguen produtos inimaxinables e destacados para a súa idade.

Orientacións e respostas educativas: Alumnado con sobredotación intelectual

O seu obxecto é achegar aos membros da comunidade educativa (pais e nais, profesorado en xeral e mesmo alumnado) información básica referida a temas educativos do seu interese, fundamentalmente aqueles que teñen que ver coas necesidades específicas de apoio educativo sobre os que en moitas ocasións teñen manifestado querer ter alomenos un coñecemento elemental. Neste sentido esperamos que a presente publicación divulgativa sexa o primeiro dunha serie de documentos referidos a este ámbito de especial interese para todos nós.

Trátase de proporcionar aos centros educativos un recurso máis que poida resultar de axuda á hora de tomar conciencia dunha realidade presente nos nosos centros, como é o alumnado con altas capacidades, sobredotación ou talentoso, e tomar decisións sobre a resposta educativa que lle ofrecemos. Como tal, non é o profesorado especialista, xa ben coñecedor destes temas, o seu destinatario principal, senón o profesorado ordinario e as familias que precisan dun primeiro achegamento ao mesmo.