Título node Learning object

Alumnado con discapacidade visual
Ven, 09/12/2011 - 14:19
Alumnado con discapacidade visual

A capacidade visual constitúe un proceso complexo que en cada persoa se elabora como froito da integración e interpretación de numerosas informacións parciais que recibe do mundo exterior, a través das súas funcións fisiolóxicas e psicolóxicas, entre as que se sinala a agudeza visual, a visión en profundidade, o campo visual, o sentido cromático, o sentido luminoso, etc.

Considérase que unha persoa presenta deficiencia na súa capacidade de visión cando ten unha perda ou disfunción nunha estrutura ou función psicolóxica, fisiolóxica ou anatómica que diminúe polo menos un terzo a súa capacidade visual para desenvolver actividades propias dunha persoa sen discapacidade, en situación análoga de idade, sexo, formación, capacitación social, familiar e localidade xeográfica.

O termo discapacidade visual refírese ás alteracións nas funcións sensoriais visuais, nas estruturas do ollo ou do sistema nervioso que limitan a persoa principalmente na execución e participación en actividades que impliquen o uso da visión. Engloba calquera tipo de problema visual grave, xa sexa carencia ou limitación da capacidade de visión.

Ante a diversidade de problemas visuais graves é necesario diferenciar termos segundo o grao das deficiencias ou limitacións (cegueira total, parcial e legal; e baixa visión nos diferentes graos de deficiencia visual profunda, severa e moderada).

Orientacións e respostas educativas: Alumnado con discapacidade visual

O esta obxecto desta publicación sobre o alumnado con discapacidade visual é que sirva de reflexión sobre a capacidade de ver.

Neste senso, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria trata de cumprir co seu labor de ofrecer unha educación de calidade en todos os niveis educativos para responder ás cambiantes necesidades e demandas da sociedade, con proxección de futuro, garantindo unha igualdade efectiva de oportunidades, ofrecendo as respostas educativas que requiran tanto o alumnado como os centros de ensinanza onde está escolarizado.

Lograr a calidade e a equidade no contorno educativo implica un esforzo persoal e compartido, froito dunha actitude responsable e comprometida do alumnado, das súas familias, do profesorado, dos centros docentes, da Administración educativa e, en xeral, da sociedade no seu conxunto.

Coa consideración de que a atención á diversidade do alumnado é unha tarefa de todos, a Consellería publica este documento informativo, co obxecto de facilitarlle a toda a comunidade educativa unha información sinxela sobre a atención a este alumnado.