Título node Learning object

Alumnado con trastornos xeneralizados do desenvolvemento
Lun, 12/12/2011 - 18:56
Alumnado con trastornos xeneralizados do desenvolvemento

Utilizar o termo “trastornos xeneralizados do desenvolvemento” (TXD) supón a referencia a un variado grupo de trastornos de orixe neurobiolóxica que aparecen nos primeiros anos da vida e que afectan ás capacidades de relación, comunicación e imaxinación.

Ante o notable incremento do número de persoas diagnosticadas con este trastorno, tentouse buscar unha explicación causal e mesmo se escoitan opinións que o atribúen a un determinado tipo de alimentación, ao estrés, contaminación, etc. Porén, as persoas expertas manifestan que o incremento dos casos, ademais de responder ao aumento demográfico, débese fundamentalmente a que na actualidade se diagnostica cunha maior precisión.

En canto aos síntomas que presentan as persoas afectadas por algún destes trastornos, deberemos ter en conta que todas elas mostran en diferente medida unha alteración cualitativa nas seguintes dimensións: interacción social (capacidade para establecer relacións sociais), comunicación e linguaxe (capacidade para establecer e manter unha comunicación e uso correcto da lingua), rixidez mental/intereses restrinxidos (necesidade de rutinas, interese parcial polos obxectos, etc.), sintomatoloxía asociada (déficit cognitivo, condutas disruptivas, manierismos…).

Orientacións e respostas educativas: Alumnado con trastornos xeneralizados do desenvolvemento

Segundo se contempla na LOE, a resposta educativa a todo o alumnado concíbese a partir do principio de inclusión, entendendo que unicamente así se garante o desenvolvemento de toda a poboación estudantil, se favorece a equidade e se contribúe a unha maior cohesión social.

Traballar no marco dunha escola inclusiva e democrática fai imprescindible achegarse, con coñecemento, á diversidade do alumnado para poder dar unha resposta educativa que satisfaga as necesidades reais de toda a poboación escolar, independentemente da súa idade, sexo, capacidade, etc.

Esta publicación trata de difundir as características máis salientables do alumnado afectado por un trastorno xeneralizado do desenvolvemento. Preténdese así que todos familia, escola, sociedade en xeral, sexamos quen de, botando man dos axustes curriculares, organizativos, materiais, etc. que poidan ser necesarios, facer reais os principios de calidade e equidade propugnados pola Lei Orgánica de Educación.