Título node Learning object

Atención educativa hospitalaria e domiciliaria
Lun, 12/12/2011 - 19:22
A atención educativa hospitalaria e domiciliaria en Galicia

A atención educativa hospitalaria e/ou domiciliaria terán por finalidade a continuidade do proceso formativo do alumnado que curse ensinanzas de réxime xeral en modalidade presencial en centros sostidos con fondos públicos e que, por prescrición facultativa, debido a enfermidade ou lesión, non poida asistir con regularidade ao centro por un período prolongado de tempo. En todo caso, priorizarase a atención ao alumnado das etapas de ensinanza obrigatoria.

Será destinatario de atención educativa hospitalaria o alumnado que deba permanecer ingresado nun centro hospitalario, a tempo completo ou en hospitalización de día, nalgunha das seguintes situacións:
a) Longa hospitalización: máis de trinta días.
b) Media hospitalización: entre quince e trinta días.
c) Curta hospitalización: menos de quince días.

O alumnado de longa e media hospitalización será quen reciba atención educativa en coordinación co centro de orixe, mentres que o de curta hospitalización poderá realizar no centro hospitalario actividades educativas de carácter xeral.

Estableceranse convenios cos centros hospitalarios para garantir, cando proceda, a atención educativa do alumnado hospitalizado neles.

Será destinatario de atención educativa domiciliaria o alumnado escolarizado en centros sostidos con fondos públicos que deba permanecer convalecente no domicilio por un período de tempo superior a un mes. Igualmente, será obxecto desta atención o alumnado  que padeza algunha enfermidade crónica que sexa a causa de faltas de asistencia ao centro de seis ou máis días continuados ao mes dentro dun período mínimo de seis meses.

A autorización da atención educativa domiciliaria correspóndelle á administración educativa, de acordo co procedemento que se estableza.

Destinaranse os recursos específicos que garantan a continuidade do proceso educativo do alumnado que precise atención educativa hospitalaria ou domiciliaria, así como os criterios e procedementos para a súa atención e a coordinación interprofesional.

Orientacións e respostas educativas: A atención educativa hospitalaria e domiciliaria en Galicia

Sensibilidade é a capacidade que temos os seres humanos para percibirmos e comprendermos o estado de ánimo, o xeito de ser e de comportarse das persoas, así como a natureza das circunstancias e dos ambientes, para actuar correctamente en beneficio dos demais.

Sensibilidade é, pois, a primeira calidade que debe posuír o persoal, docente e sanitario, que comparte a dura experiencia da enfermidade dun neno ou nena con este e coa súa familia.

Esta calidade permitiralle ao dito persoal comprender a angustia e a inseguridade que provocan a miúdo nos pequenos e pequenas a doenza e máis a hospitalización;  facilitaralle o ser paciente coa desmotivación que acompaña o aburrimento dunha longa convalecencia; levarao a ser flexible para adecuarse ás necesidades e aos ritmos de cada criatura, así como a priorizar a comunicación do alumnado enfermo con outros nenos e nenas; axudarao a valorar o papel das familias e a orientalas para que todos os esforzos a prol do fillo ou filla enfermos converxan nunha soa dirección.

Esta sensibilidade, que sen dúbida veñen mostrando xa tanto os docentes das aulas hospitalarias coma os do centro ordinario de onde proceden as nenas e nenos convalecentes, é un requisito fundamental para o éxito da intervención educativa en circunstancias de enfermidade. A publicación que aquí comeza só quere, xa que logo, apoiar a dita intervención divulgando a existencia das aulas hospitalarias e da atención domiciliaria, ofrecendo documentos que axilicen os trámites e posibiliten a debida coordinación entre todos os axentes implicados ou presentando ferramentas que faciliten a comunicación dos nenos e nenas enfermos a través das tecnoloxías da información e da comunicación.

Pero o máis importante, o achegamento enchoupado de sensibilidade aos pequenos e pequenas que sofren unha doenza e ás súas familias, continúa estando nas mans dos docentes, en quen confiamos.