Título node Learning object

Alumnado con necesidade específica de apoio educativo por condicións persoais ou de historia escolar
Dom, 18/12/2011 - 14:54
Alumnado con NEAE por condicións persoais ou de historia escolar

Un alumno ou alumna pode presentar necesidade específica de apoio educativo derivada de condicións persoais ou de historia escolar cando manifesta dificultades na evolución das súas aprendizaxes e na adquisición de obxectivos e competencias por motivos de saúde, por pertenza a determinados grupos sociais ou minorías étnicas, por situacións socioculturais desfavorables, por escolarización desaxustada ou pola combinación de varios dos motivos mencionados.            

Entre este alumnado inclúese aquel que presenta un retraso escolar significativo nunha ou en varias áreas ou materias, cun desfase curricular xeral de dous ou máis cursos ou niveis, e este non poida explicarse por necesidades educativas especiais, nin por dificultades específicas de aprendizaxe, nin por incorporación tardía ao sistema educativo.

Entre este alumnado podemos considerar:

Escolarización irregular, absentismo, abandono escolar temperán e desescolarización

Dentro desta temática pode comos considerar as seguintes definicións:

  • Escolarización irregular: situación na que a asistencia do alumnado ao centro escolar non é continuada.
  • Absentismo: escolarización irregular do alumnado en idade de escolarización obrigatoria sen causa debidamente xustificada. Esta ausencia ao centro escolar suporá, cando menos, un dez por cento (10 %) do horario lectivo mensual.
  • Abandono escolar temperán: situación daquel alumnado que, podendo seguir escolarizado por idade, abandona o sistema educativo sen a obtención da titulación correspondente.
  • Desescolarización: situación na que persoas en idade de escolarización obrigatoria non se atopan matriculadas en ningún centro educativo.

Mecanismos de prevención, seguimento e control

A consellería con competencias en materia de educación promoverá o acceso, máxima permanencia e promoción do alumnado no sistema educativo mediante programas e medidas proactivas, directamente ou en colaboración con outras administracións ou entidades públicas ou privadas.

Estableceranse mecanismos de coordinación entre as institucións educativas e os poderes públicos con competencias, para previr, detectar e abordar as situacións de absentismo, desescolarización e abandono escolar temperán, adoptando, a tal efecto, os protocolos de actuación que correspondan.

Os centros educativos establecerán, nas súas normas de organización e funcionamento, os procedementos para a aplicación dos citados protocolos, recollendo, como mínimo, as seguintes actuacións ante situacións de desescolarización, escolarización irregular, absentismo e/ou abandono escolar temperán:

a)    Control e rexistro das incidencias na asistencia do alumnado aos centros escolares.
b)    Información ás nais, pais ou titores e titoras legais do alumnado e intervención ante a detección de casos.
c)    Se procede, traslado da información á inspección educativa por parte da dirección do centro.

Plan autonómico

Impulsarase a posta en marcha dun plan autonómico de promoción da escolarización e prevención do absentismo e o abandono escolar temperán, no que se integren actuacións dos servizos educativos, sociais, de saúde, de emprego e, en xeral, de cantas administracións promovan e desenvolvan actuacións destinadas á redución do absentismo e do abandono escolar do alumnado.

Atención educativa hospitalaria e domiciliaria

A atención educativa hospitalaria e/ou domiciliaria terán por finalidade a continuidade do proceso formativo do alumnado que curse ensinanzas de réxime xeral en modalidade presencial en centros sostidos con fondos públicos e que, por prescrición facultativa, debido a enfermidade ou lesión, non poida asistir con regularidade ao centro por un período prolongado de tempo. En todo caso, priorizarase a atención ao alumnado das etapas de ensinanza obrigatoria

Será destinatario de atención educativa hospitalaria o alumnado que deba permanecer ingresado nun centro hospitalario, a tempo completo ou en hospitalización de día, nalgunha das seguintes situacións:

a) Longa hospitalización: máis de trinta días.
b) Media hospitalización: entre quince e trinta días.
c) Curta hospitalización: menos de quince días.

O alumnado de longa e media hospitalización será quen reciba atención educativa en coordinación co centro de orixe, mentres que o de curta hospitalización poderá realizar no centro hospitalario actividades educativas de carácter xeral.

Estableceranse convenios cos centros hospitalarios para garantir, cando proceda, a atención educativa do alumnado hospitalizado neles.

Será destinatario de atención educativa domiciliaria o alumnado escolarizado en centros sostidos con fondos públicos que deba permanecer convalecente no domicilio por un período de tempo superior a un mes. Igualmente, será obxecto desta atención o alumnado  que padeza algunha enfermidade crónica que sexa a causa de faltas de asistencia ao centro de seis ou máis días continuados ao mes dentro dun período mínimo de seis meses.

A autorización da atención educativa domiciliaria correspóndelle á administración educativa, de acordo co procedemento que se estableza.

Destinaranse os recursos específicos que garantan a continuidade do proceso educativo do alumnado que precise atención educativa hospitalaria ou domiciliaria, así como os criterios e procedementos para a súa atención e a coordinación interprofesional.

Alumnado menor sometido a medidas de responsabilidade penal

A escolarización do alumnado menor de idade ao que, por decisión xudicial, se lle impoñan medidas que afectan á súa escolarización realizarase de acordo co establecido no artigo único, apartado cuarto, da Lei orgánica 8/2006, do 4 de decembro, pola que se modifica a Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal dos menores. En todo caso, respectarase o dereito á educación do alumnado en idade de escolarización obrigatoria.

Alumnado sometido a medidas de protección e tutela

Desenvolveranse accións de carácter compensatorio destinadas ao alumnado sometido a medidas de protección e tutela, asegurando o seu acceso e permanencia no sistema educativo. Na súa atención, propiciarase a subscrición de convenios de colaboración e protocolos de actuación con outras administracións ou entidades sen ánimo de lucro, co fin de garantir o cumprimento destas medidas.

A escolarización do alumnado sometido a medidas de protección e tutela realizarase de conformidade co procedemento establecido con carácter xeral, sendo considerado este alumnado como alumnado con necesidade específica de apoio educativo por condicións persoais ou de historia escolar desfavorables. Os centros docentes deben adoptar as medidas de atención á diversidade que procedan, para asegurar o seu proceso educativo.

Garantirase ao alumnado asignado a familias acolledoras unha praza escolar no centro educativo no que se escolarice outro alumnado dependente desas mesmas familias, fillas ou fillos ou outro alumnado acollido, sempre que no centro se impartan as ensinanzas que lle corresponde cursar.

Cando as medidas de protección e tutela supoñan un cambio de centro escolar a súa tramitación e resolución levarase a cabo coa máxima inmediatez.

Alumnado afectado por medidas de violencia de xénero e/ou acoso escolar

Dentro do ámbito competencial educativo e de acordo co establecido na Lei 11/2007, de 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, garantirase a escolarización inmediata do alumnado que se vexa afectado por cambios de centro derivados de situacións de violencia de xénero. Así mesmo, os centros educativos prestarán atención especial á inclusión e normalización do devandito alumnado.

Nos casos en que sexa necesario un cambio de centro por motivos de violencia ou acoso escolar, garantirase a escolarización inmediata do alumnado afectado.

Alumnado pertencente a familias itinerantes

Será destinatario de atención educativa aquel alumnado que, por razóns de itinerancia da súa familia, non poida asistir ao mesmo centro educativo de xeito continuado.

Facilitarase a escolarización deste alumnado nos centros do contorno a onde itinere a súa familia ou representantes legais, nas condicións establecidas con carácter xeral para todo o alumnado e coas medidas de atención á diversidade que procedan, a fin de garantir a continuidade do seu proceso de aprendizaxe.

O cambio, por razóns de itinerancia, dun centro educativo ao outro realizarase segundo o establecido para os traslados de centro, polo que o centro de orixe deberá facilitar  ao centro de destino, previa petición deste, a información pertinente.

Atención educativa a xoves embarazadas

En cumprimento da Lei 5/2010, de 23 de xuño, pola que se establece e regula unha rede de apoio á muller embarazada, arbitraranse as actuacións ou medidas de apoio educativo necesarias para facer posible a continuación dos estudos por parte da menor embarazada e, se é o caso, do futuro pai en idade de escolarización obrigatoria, de forma compatible coas esixencias derivadas do embarazo e coas obrigas da maternidade e da paternidade.

Os centros docentes deberán proporcionar ás mulleres embarazadas que cursen estudos de ensinanza obrigatoria e postobrigatoria a adecuación dos procesos de ensinanza e aprendizaxe ás súas necesidades durante o seu embarazo e nos dous anos seguintes ao parto, nos termos que se establezan.

A menor de idade, durante o proceso de xestación e, posteriormente, no caso de que se fixese cargo da atención da súa filla ou fillo, terá dereito a que se lle autorice, pola administración educativa, a súa asistencia intermitente ao centro no que está escolarizada, de acordo coas súas necesidades.