Título node Learning object

Especialista do EOE en discapacidades motoras
Lun, 19/12/2011 - 09:19
Discapacidades motóricas - EOE

Educar é un proceso de axuda a unha persoa para que desenvolva as súas capacidades co fin de que poida vivir o máis plenamente posible ocupando un lugar na sociedade.

No caso do alumnado con necesidades educativas especiais, o obxectivo é o mesmo ca para calquera outro alumno ou alumna: que poida levar unha existencia en igualdade de dereitos. A educación debe proporcionar as axudas para que cada persoa acade o seu particular e orixinal xeito de relacionarse e estar no mundo.

Un discapacitado non é nin máis nin menos ca unha persoa. Para o discapacitado e a súa familia a educación non pode ser unha barreira máis; a escola debe contribuír á normalización e á adquisición de habilidades funcionais esenciais para a vida.

A discapacidade debe ser entendida, non só polas dificultades dun individuo, senón tamén en función das deficiencias sociais, para poder responder de xeito adecuado ás necesidades dos cidadáns con carencias.

Un enfoque axeitado da discapacidade é non ignorala, vencer os temores e prexuízos respecto dela e considerala como un exemplo de riqueza e de diversidade, polo que cómpre que a voz dos afectados sexa escoitada.

Unha sociedade democrática ten na atención á diversidade un dos principais indicadores da calidade de vida para todos e todas.

Para o alumnado con discapacidade motora ten especial importancia a familia, polas necesidades de atención e falta de autonomía persoal existentes en moitos casos. A intervención coas familias forma parte esencial do proxecto educativo e o sistema escolar debe levala adiante en colaboración con outras institucións.