Título node Learning object

Especialista do EOE en traballo social
Lun, 19/12/2011 - 13:25
Traballo social - EOE

Tal e como aparece recollido no Decreto 120/1988 de 23 de abril e na Orde de 24 de xullo de 1998 os traballadores sociais ou educadores sociais son profesionais que formarán parte do Equipo de Orientación Específico xunto con psicólogos e/ou pedagogos e/ou psicopedagogos, mestres especialistas en audición e linguaxe, como axentes externos aos centros no campo da orientación.

Esta orientación considerase entendida como un proceso que abrangue a todo o período de escolarización, dende o seu inicio ata o nivel universitario, pero tamén se entende como un proceso que inclúe a toda a comunidade educativa.

Hai que ter en conta que o desenvolvemento de cada alumno vén determinado polas súas propias características pero tamén polas transaccións que se producen entre os diferentes sistemas nos que se atopa: familia e amigos, relacións familia – escola, condicións de vida e forma de cubrir as súas necesidades básicas e polas expectativas, roles e costumes culturais.

Os especialistas en traballo social dos Equipos de Orientación Específicos son profesionais de perfís educativos centrados no coñecemento dos factores socioambientais e na intervención social dentro do sistema escolar.

O traballador social, dentro do Equipo de Orientación Específico realiza accións de intervención socioeducativa cos alumnos que presentan problemas ou dificultades de integración escolar e social.

As características de personalidade, a escola e certas características sociofamiliares como un baixo nivel económico, ausencia de normas, poucos coidados e atencións básicas, inestabilidade familiar e pautas educativas desaxeitadas, son factores de risco que poden derivar en situacións socioeducativas desfavorables.