Título node Learning object

Especialista do EOE en trastornos de conduta
Lun, 19/12/2011 - 13:31
Trastornos de conduta - EOE

No Título II “Equidade na Educación” da Lei Orgánica 2/2006, do 3 de maio, de Educación (LOE), e no Capítulo I “Alumnado con necesidade específica de apoio educativo”, sinálase como alumnado con necesidades educativas especiais aquel que require, por un período da súa escolarización ou ao longo de toda ela, determinados apoios e atencións educativas específicas derivadas de discapacidade ou trastornos graves de conduta (Artigo 73 da LOE).

No espazos escolares atopámonos cunha grande variedade e diversidade de alumnado que presenta situacións persoais, sociais e familiares que inciden no seu desenvolvemento persoal, social e escolar e que o condicionan.

Os alumnos e alumnas con trastornos graves de conduta presentan dificultades significativas para conxugar os diferentes ámbitos da súa vida, o que os conduce a situacións de inestabilidade emocional e provoca na meirande parte das ocasións fracaso escolar.

Ademais, na convivencia diaria nos centros educativos xorden situacións de conflitividade, tanto nas relacións verticais como horizontais, que requiren de intervencións específicas e asesoramento técnico co obxectivo de darlles unha resposta axeitada.

Consideramos que a mellor intervención sobre os problemas de conduta é a prevención. A prevención e intervención nos centros educativos neste ámbito debe facerse desde unha perspectiva global, buscando unha escola inclusiva que vexa a diversidade como unha fonte de enriquecemento e superando as barreiras mentais simplificadoras. Desde esta perspectiva, os conflitos son unha oportunidade para que as organizacións educativas aprendan a construír novos modelos mentais, adaptando o currículo, as estruturas e os recursos ás necesidades do alumnado.