Título node Learning object

Especialista do EOE na orientación vocacional e profesional
Lun, 19/12/2011 - 14:01
Orientación vocacional e profesional - EOE

Os constantes cambios que teñen lugar no mundo actual, enmarcados pola globalización, os avances da sociedade da información, da tecnoloxía e do coñecemento, a aparición de profesións emerxentes e de novas fontes de emprego, fan imprescindible que as persoas estean cada vez máis preparadas para afrontar novos retos persoais e laborais. Diante desta realidade, a información e a orientación deben favorecerlles ás persoas de todas as idades o seu desenvolvemento en todos aqueles aspectos que, aínda non sendo puramente vocacionais, contribúen á súa realización persoal, educativa e profesional.

Delimitación conceptual

Orientación vocacional, orientación profesional, asesoramento vocacional, orientación para a carreira son, entre outras, as denominacións máis frecuentes para referirse a un proceso continuo de axuda para a toma de decisións académicas e profesionais no marco do proxecto vital das persoas.

A orientación profesional pódese entender como un proceso sistemático de axuda encamiñada a favorecer o desenvolvemento integral da persoa ao longo da súa vida, a través da elaboración e realización dos seus proxectos persoais e profesionais. Isto implica que a orientación profesional debe ter en conta as experiencias escolares, familiares, profesionais, laborais e sociais da persoa á hora de levar a cabo calquera intervención. No contexto da aprendizaxe permanente, a orientación profesional debe capacitar as persoas para o coñecemento de si mesmas e das súas posibilidades para poder adoptar decisións responsables sobre a súa formación e inserción sociolaboral.

En todo caso, as características comúns que definen a orientación profesional son as seguintes:

  • É un proceso de axuda mediante unha intervención continuada, técnica e sistemática, baseado nos principios de prevención, desenvolvemento e intervención social.
  • Ten lugar ao longo de toda a vida da persoa e contribúe á súa autorrealización.
  • Establece un vínculo entre o mundo educativo e o mundo laboral.
  • A persoa é un axente activo do seu proceso orientador, a través da identificación das súas propias características, da obtención de información e da toma de decisións.
  • Supón un factor decisivo da preparación para a vida e de aprendizaxe permanente.

Principios

Entre os principios básicos sobre os que se asenta a orientación profesional podemos citar os seguintes:

  • Principio de axuda: no ámbito educativo, o centro escolar debe dar resposta ás necesidades e demandas de todo o alumnado.
  • Principio de continuidade: non se trata de realizar unha intervención illada, en momentos puntuais, senón de seguir un proceso sistemático que contribúa ao desenvolvemento da carreira profesional.
  • Principio de planificación: as actuacións que se leven a cabo requiren dunha estrutura, coherencia e organización previas.
  • Principio de interdisciplinariedade: as actividades deseñaranse dentro dunha perspectiva interdisciplinar e estarán en relación co currículo escolar.
  • Principio de individualización: tendo en conta os factores de desenvolvemento evolutivo e as características persoais, familiares e sociais de cada alumna e alumno, potenciarase a axuda personalizada e a toma de decisións autónoma.

A orientación profesional no contexto educativo abrangue actuacións dirixidas a facilitar axuda e asesoramento a todo o alumnado coa finalidade de que poida ser capaz de tomar decisións fundamentadas e responsables dentro do proxecto académico ou profesional que máis se adapte aos seus intereses e características. Decidir de forma realista e planificada supón desenvolver e dominar unha serie de capacidades relacionadas fundamentalmente coa obtención, selección e análise de información; co coñecemento de si mesmo; coa planificación de metas e coa resolución de problemas; obxectivos todos eles que non se acadan de xeito puntual, senón que son froito dunha intervención educativa continuada.