Un total de 46.500 alumnos de 4º de primaria e 2º de ESO realizan entre hoxe e mañá as probas diagnósticas fixadas polo Ministerio de Educación na LOMLOE

Na xornada de hoxe teñen lugar as probas de competencia lingüística en lingua e literatura galega e castelá e mañá serán as de lingua estranxeira e matemática

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, achegouse un colexio en Santiago para comprobar o normal desenvolvemento das mesmas

No proceso participan máis de 16.000 docentes, que son os encargados da súa aplicación, corrección e contraste externo

Mér, 10/04/2024 - 12:08
d

Un total de 46.500 alumnos, a razón de 21.600 de 4º curso de Educación Primaria e de 24.900 de 2º curso de ESO, realizan entre hoxe e mañá as avaliacións de diagnóstico fixadas polo Ministerio de Educación a través da actual lei educativa estatal LOMLOE para toda España.

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, achegouse esta mañá ao Colexio CEIP Monte dos Postes de Santiago para comprobar o normal desenvolvemento da realización das probas na que interveñen máis de 16.000 docentes encargados da organización da súa aplicación, corrección e contraste externo.

No día de hoxe os alumnos realizan as avaliacións de competencias lingüísticas en lingua e literatura galega e castelá, mentres que na xornada de mañá farán as de competencias en lingua estranxeira e competencia matemática. Así pois, deben cubrir un caderno por cada unha das competencias a avaliar, que inclúen contidos que versan sobre os obxectivos de área e de materia recollidos nos currículos destas asignaturas para cada un dos cursos. A duración de cada unha das probas é de máximo de 75 minutos e cun descanso de 30 minutos en entre probas.

Informe de resultados por centro

Estas probas teñen un carácter informativo, formativo e orientador para os centros, que recibirán un informe de resultados sobre o conxunto do seu alumnado por nivel e por competencia avaliada, sen resultados individuais.

A información obtida ten unha finalidade estritamente diagnóstica, xa que os datos obtidos proporcionan unha información complementaria tanto aos centros como á Administración para deseñar accións específicas de mellora do sistema educativo.