A Consellería de Cultura e Educación converte as webs dos centros da rede de formación do profesorado galego en referentes na materia, coa introdución de novos contidos

En colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, os espazos en internet destes centros veñen de incorporar novidades que lles permiten aos docentes un acceso máis rápido á información para desenvolver o seu labor

Ven, 19/04/2013 - 16:37
A Consellería de Cultura e Educación converte as webs dos centros da rede de for
A Consellería de Cultura e Educación converte as webs dos centros da rede de formación do profesorado galego en referentes na materia, coa introdución de novos contidos

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de dar un forte impulso ás webs do Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) e mais dos Centros de Formación e Recursos (CFR) da Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo, coa introdución de novos contidos e funcionalidades, tarefa desenvolvida en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA). Coa incorporación destas novidades o departamento educativo da Xunta de Galicia converte os espazos en internet destes centros en referentes da formación do profesorado galego, webs que lles permiten aos docentes un acceso máis rápido á información para desenvolver o seu labor educativo.

Tras os cambios realizados, as páxinas do CAFI e CFR  facilitan aínda máis o acceso á información, tanto no relativo a novas relacionadas coa formación do profesorado, como aos centros nos que se imparte e aos plans de formación nas súas diferentes modalidades. Ademais faise máis sinxelo o acceso ás aulas virtuais, aos contidos orientados a cada área ou departamento, así como ao apartado no que se recolle unha análise de diferentes ferramentas online ou de descarga gratuíta que poden axudar aos docentes no seu labor educativo.

Así mesmo, na páxina de inicio móstranse as últimas cinco novas publicadas, un bloque de destaques con acceso a diferentes webs relacionadas co ámbito da formación e unha axenda actualizada dos cursos que se están a levar a cabo actualmente.

Formación e áreas

No bloque dedicado á “Formación” pódese acceder á oferta formativa en todas as súas modalidades e variantes, ás convocatorias, á relación das listaxes das actividades formativas que se van levar a cabo ao longo do curso escolar, etc. Ademais, na páxina web de cada CFR ofrécese información esencial de cada centro de formación: horario, localización, mapa de asesoría de centros delimitada por concellos, organigrama estrutural ou vídeos das instalacións, etc.

Por outra parte, no espazo “Áreas” e “Departamentos” o profesorado pode atopar información agrupada por temas: novas, recursos, actividades formativas ou destaques especializados.

Ferramentas

Dentro do apartado “Ferramentas” os docentes poden escoller, dentro dunha selección detallada, unha serie de recursos tanto online como instalables e ordenados segundo a súa funcionalidade.

Este banco irá medrando gradualmente, respondendo así aos intereses e necesidades de toda a comunidade educativa. Desta forma, búscase ofrecer non só a descrición da ferramenta, senón tamén o seu emprego didáctico, é dicir, orientar ao profesorado sobre o seu uso para integralo ao seu labor docente.

As webs son as seguintes:

CAFI: /portal/cafi

CFR Coruña: /portal/cfrcoruna

CFR Ferrol: /portal/cfrferrol

CFR Lugo: /portal/cfrlugo

CFR Ourense: /portal/cfrourense

CFR Pontevedra: /portal/cfrpontevedra

CFR Vigo: /portal/cfrvigo